A pontevedresa praza de san Xosé era unha das zonas máis concorridas da cidade; non só por estar nela establecementos tan coñecidos como o café Moderno ou o Petit Bar (que a consigna dos sublevados de non tolerar nomes estranxeiros converteu en Bar Imperial e anos despois en Pequeño Bar), senón porque tamén era lugar de saída de autobuses e coches de punto.
O 23 de xullo de 1936, tres días despois do triunfo do golpe militar na cidade, desfilaban as tropas pola praza formando parte das habituais paradas militares; un capitán ordenoulle a un artilleiro que fixese circular un grupo de paisanos. Un dos presentes tentou entregarlle ao soldado, con aceno despectivo e a xeito de esmola, unha moeda de cincuenta céntimos; o artilleiro derrubouno dun culatazo e, ao conducilo cara o cárcere, o detido entrou nela gritando “Salud camaradas”. O delegado de orde pública, Ricardo Macarrón, púxoo a disposición das autoridades militares, que iniciaron unha causa militar polo delito de resistencia e insulto a forza armada.
O protagonista foi Francisco Fernández Gómez, solteiro, de 36 anos, veciño de San Xurxo de Sacos. Durante o procedemento, un alférez afirma que, cando fora entregado aos artilleiros para que o levasen ao cárcere, dixera que “ahora iba contento por no ir con los oficiales”, pronunciara repetidas veces “salud camaradas” e ofrecera resistencia.
A versión do inculpado difire do relatado: afirma que estaba tomando unha cervexa no Moderno e cando ía darlle unha esmola a dous rapaces, para o que sacara do peto unhas moedas, presentouse un artilleiro indicándolle que o acompañase; como lle preguntou a causa, deulle un culatazo.
A gravidade do delito, máxime naquelas circunstancias, non auguraba nada bo para Francisco pero os distintos informes xogaron ao seu favor. A Garda Civil de San Xurxo acredita a boa conduta e que non se significara contra o Movemento aínda que militaba en partidos de esquerda; o alcalde de Cotobade, Manuel Solla, desmonta o presunto esquerdismo de Francisco e afirma que combatera en todo momento as ideas comunistas e á sociedade de agricultores da parroquia por non limitarse ao fin para o que se constituíra. Todos coinciden en que se emborrachaba con frecuencia precisando o alcalde que “efecto del alcohol padece en ciertos momentos de transtornos mentales”.
A alegación do suposto vicio da bebida foi empregada con frecuencia como xeito de mitigar a dureza das condenas; neste caso o auditor tivo en conta os antecedentes e os informes “en el último de los cuales se afirma era enemigo del comunismo”, así como a embriaguez e a pouca trascendencia dos feitos, pide o sobresemento e a posta a disposición da autoridade gobernativa para unha sanción.
No hay comentarios:
Publicar un comentario