O adoutrinamento da xuventude é unha característica común aos réximes totalitarios calquera que sexa o seu signo. A partires do golpe militar do 36, atopámonos con varias organizacións xuvenís encadradas nos distintos grupos políticos que apoiaron o levantamento. As organizacións independentes, como os Exploradores, serán disoltas en Galicia no ano 1938.
Os carlistas ou requetés contan cos seus Pelayos, caracterizados pola boina vermella:
Somos niños los Pelayos
mas seremos sin tardar
los soldados más valientes
que a su Patria salvarán
A Falanxe viste de azul mahón aos seus mozos, Flechas:
Somos los flechas la guardia del mañana,
que en los luceros su puesto tienen ya.
Los camaradas caídos nos esperan;
el santo y seña, Falange nos lo da.
As Juventudes de Acción Popular (JAP) contan tamén coa súa sección de Chavales que fortalecen corpo e espírito con camiñadas como a que nos describe o Diario de Pontevedra (3-2-1937):
En la tarde de ayer fueron a Puentecaldelas y La Lama, una sección del Batallón infantil de los “Chavales” de la J.A.P., con escuadra, banda y bandera, al mando de su jefe Enrique Montes Blanco. En La Lama, fueron obsequiados por el alcalde, don Ramón García, con pastas y copitas de Jerez. En Puentecaldelas también se les hizo un gran recibimiento, teniendo que desfilar los “Chavales” repetidas veces porque el público no cesaba de aplaudir a estos valientes soldados del mañana.
A linguaxe e as formas marciais, como se ve, non están ausentes de todo o referido a este tipo de agrupacións. De todas elas vai ser a de Falanxe a que impoña a súa hexemonía. Nun primeiro momento non adoptarán o nome de Flechas senón o de Balillas, nome tomado das xuventudes fascistas italianas (Obra Nacional Balilla), creadas por Mussolini no ano 1926, e que, xunto coas Xuventudes Hitlerianas, servía de modelo ás Organizaciones Juveniles (OOJJ), nome co que eran coñecidas pois o Frente de Juventudes non se crea ata o ano 1940.
O primeiro delegado nacional de organizacións xuvenís de Falanxe foi o coronel e falanxista Mateo Torres Bestard, moi relacionado coa nosa provincia pois foi nomeado gobernador civil da mesma no 37, impoñendo un estilo singular no desempeño deste cometido. Segundo parece foi o impulsor dun lema que ía ter un longo recorrido no réxime : Por el Imperio hacia Dios.
A unificación política tamén afecta ás distintas seccións xuvenís que quedan estruturadas do seguinte xeito:
Nenos: Pelayos (7-11 anos), Flechas (11-15), Cadetes (15-17).
Nenas: Margaritas (7-11), Flechas ou Luceros (11-14), Flechas Azules (14-17).
A esta unificación non escapan nin as respectivas revistas de carlistas (Pelayos) e falanxistas (Flechas) que, en novembro do 38 se refunden en Flechas y Pelayos que vai ser referente do cómic falanxista da época.
En Pontevedra, con letra de Carmen Gallástegui e música de Faustino Temes, oficial da Garda Cívica e director da banda de música municipal, estréase en agosto do 36 un himno aos Balillas titulado: ¡ Arriba España!:
¡Arriba España,
balillas,
balillas!
gritemos todos
con firme corazón.
¡Arriba España,
balillas,
balillas!
no desmayemos
en nuestra misión.
[...]
Con alma de soldado
nacemos a la vida
que ya estará regida
por códigos de honor.
Sabemos que la Patria
nos llama y nos espera
y para su bandera
es todo nuestro amor.
[...]
Somos hombres del mañana
somos juventud en flor
y desde esta edad temprana
nuestra Patria es nuestro honor.
Nunca el odio nos engaña,
pues nos guía amor y fe
y el anhelo de que España
sea grande como fué.
No hay comentarios:
Publicar un comentario