Vivía en Cons, parroquia de Mourente, serrador, de condición moi humilde. En Acción Obrera (17-8-1918) aparece a seguinte carta:
Estimado amigo y compañero, acabo de enterarme con pena que Ramón Meis, el abnegado y consecuente compañero, se encuentra en el Hospital, de un padecimiento que para su curación echará largo tiempo. Me consta que su esposa e hijos-todos menores de edad- no tienen recursos de ninguna clase. A Vd y demás compañeros dejo las iniciativas para mejorar la condición de esta familia, para lo cual remito cinco pesetas. Soy de Vd y de los oprimidos compañero, José Viñas.
A redacción do xornal dá conta da apertura dunha subscrición para “el humilde y esforzado Meis, el de la voluntad de hierro” e na que aparecen aportacións do dito Viñas, Manuel Portas, Isidro Casasbellas, Vicente García Temes, entre outros. A sociedade de canteiros entrégalle a Meis 25 pesetas.
Participa no mitin antiforal do 29 de novembro de 1908, organizado pola sociedade de agricultores de Lérez, representando aos agricultores de Mourente dos que era dirixente; é unha das primeiras intervencións destacadas dun membro do partido socialista en mitins agrarios.
En outubro deste ano fala nun mitin “Pro Pan y Moralidad” organizado polo partido socialista e a Federación de Traballadores e no 1930, é elixido membro do Comité executivo da Federación Agraria Comarcal.
Persoas que o coñeceron din que tiña un carácter “un pouco botado para adiante” e contan que con ocasión da morte dun neno fillo dun compañeiro, levou aos nenos e nenas de Cons, cun laciño vermello no brazo, acompañando ao defunto e logo botou un discurso no cemiterio.
Cando o golpe do 36, xa entrado en anos, anda escapado pero é capturado polos cívicos na zona de As Zorretas. Unha filla e unha neta removen a terra fresca en Monte Porreiro pero non atopan o cadáver. Os rumores dicían que o enterraran deixándolle un puño fóra. Con posterioridade, chega algún escrito á súa casa con comentarios humillantes sobre os seus últimos momentos: a vinganza máis alá da morte. Do seu pasamento non hai constancia en ningún rexistro nin listado.
As penalidades familiares non acaban aí, unha das fillas, Otilia Meis Pintos, é detida polos cívicos, as présas dun deles, tamén veciño de Mourente, fan que queira levala a medio vestir cun biso, un dos xefes permite que se vista. Estivo detida acusada de esconder armas, estar na Alameda de Pontevedra o 20 de xullo e tomar parte en todos os desfiles,tampouco escapou ao conseguinte rapado ao cero e outras humillacións.
No hay comentarios:
Publicar un comentario