lunes, 27 de octubre de 2014

Dionisio González, garda urbano de Pontevedra.


O catorce de outubro de 1936, no alto da Caeira, ás sete da mañá, unha sección de gardas de asalto fusilaba a seis persoas: Joaquín Blanco Vázquez, barbeiro, de 45 anos e Serafín López Otero, ebanista, de 34 anos, os dous veciños de Caldas de Reis; José Vidal Puga, zapateiro, 45 anos, Manuel Puente Porto, labrador, 33 anos, José Rico Gaiteiro, peón, 33 anos, veciños de A Estrada e Dionisio González Pérez, 52 anos, garda municipal de Pontevedra. Deste último falaremos hoxe nestas páxinas.
Dionisio era natural de Tui, ocupaba o cargo de subcabo de municipais e xa tiña antecedentes pois fora detido en outubro de 1934, acusado de coaccionar ás leiteiras e outras mulleres que viñan con alimentos á cidade e non secundaban a folga; fora posto en liberdade o primeiro de novembro.
Ao triunfar o golpe militar do 36 foi detido e instrúese a causa 978/36 na que aparece como acusado. Actúa de instrutor o comandante Fernández de los Ríos que lle atribúe os cargos de ter requisado e distribuído armas, capitanear grupos armados e tratar de deter a dous oficiais do polígono de tiro Janer de Marín así como de requisar un automóbil militar. O consello de guerra celebrouse o sete de outubro de 1936 e estivo presidido polo tenente coronel do rexemento de artillería Durán Salgado. No xuízo precísanse máis as acusacións e o fiscal considérao axente de enlace do “alcalde comunista de la capital”, que se distinguía como extremista; os informes cualifícano como
  individuo militante y de acción, revolucionario comunista afiliado también al partido socialista, destacado siempre por su intervención en cuantos actos de tendencia revolucionaria tuvieron lugar en esta capital.
 En canto á intención  de deter aos oficiais da Marina que, na noite do 19 de xullo, viñan a animar aos militares acuartelados  a que deran o golpe,  o intento de Dionisio e o grupo que o acompañaba para detelos foi frustrado pola saída das tropas da garda do cuartel. Outra acusación era a de pertencer á “Checa” (utilizamos a nomenclatura dos golpistas) do goberno civil, que era como cualificaban ao grupo máis activo que alí actuaba. Ademais era un dos “elementos agitadores de las masas congregadas en Pontevedra para hacer frente al Ejército.”
O seu defensor foi o capitán Leonardo Enríquez que tratou de xustificar ao seu defendido baseándose no deber que tiña de obedecer as ordes do alcalde, polo que pide a absolución ou unha suavización da pena. Condénano a morte por un delito de rebelión militar.
Ás catro da madrugada do día de execución entraron en capela, foron acompañados polos seus defensores, os xuíces e dous cregos: o franciscano padre Luis (Luis Mª Fernández Espinosa) e o carlista, capelán das monxas clarisas de santa Clara e que, posteriormente, sería capelán do penal de Figueirido, Marcelino Torres Villar (o coñecido “Miss Clero”). Dionisio e dous reos máis rexeitaron os auxilios espirituais. Os cadáveres foron levados ao cemiterio de san Amaro.
Nestas datas nas que todos os representantes municipais pontevedreses acordaron homenaxear aos políticos e funcionarios municipais represaliados, non está de máis que fagamos un recordatorio de Dionisio González.
En entradas anteriores xa nos temos referido a outros concelleiros e funcionarios represaliados.

No hay comentarios: