Adicado a Enrique Acuña, bo coñecedor da historia (e da intrahistoria) pontevedresa daqueles anos e dos que seguiron.
O seu nome, xunto co de Víctor Lis e
algúns outros, sempre está na boca das testemuñas que nos falan
dos “paseos” na bisbarra pontevedresa. A morte nunca foi allea á
súa biografía, dende a profesión de sepultureiro do seu pai ata a
traxedia familiar nos seus anos máis novos: dous irmáns, Isolino e
Evaristo, de 20 e 17 anos respectivamente, que emigraron en busca de
fortuna ao Brasil no 1912 foron degolados polas tropas do coronel
Fabricio Vieira en novembro de 1914; o seu asasinato dou lugar a unha
intervención do deputado Eduardo Vincenti no parlamento español.
Ligado ao partido de Acción Popular,
do que foi vogal en 1935, acompañaba a Secundino Esperón cando o
mataron en maio de 1936. Ás cinco da madrugada do 30 de maio foi
detido pola Garda de Asalto no lugar das Laxiñas, no seu Mourente
natal, como consecuencia de ser denunciado por un garda municipal por
estar armado e pretender dar morte a algunha persoa en vinganza pola
morte de Esperón. Tiña como profesión a de ferreiro. Nunha
declaración afirma que, antes do golpe militar, fora presidente do
sindicato antimarxista de oficios varios a causa do cal fora detido,
extremo que non puidemos comprobar documentalmente.
Foi un dos primeiros voluntarios que
se presentaron no cuartel da Guardia Civil en xullo do 36 e aparece
nos partes de servizo das milicias de Acción Popular, nos meses
posteriores ao golpe, figurando como xefe de garda. A súa actuación
sempre estará ligada ao grupo de “cívicos” que baixo as ordes
de Víctor Lis e de mandos da Guardia Civil actúa na represión máis
cruenta nos días posteriores ao golpe. Testemuños
orais e escritos así como documentación oficial e tamén
declaracións ante as autoridades do propio protagonista, dan conta
de moitas das súas actuacións.
No diario elaborado por un detido
aparece como un dos torturadores máis crueis que exercían no
cuartel do antigo campo da feira pontevedrés; alí, nas cortes dos
cabalos, funcionou un lugar de tortura e morte para moitos
pontevedreses. Tanta era a sona da crueldade deste personaxe que,
nos interrogatorios, os presos eran ameazados con serlle entregados
como maneira de facelos aceptar as acusacións; así o manifestan
moitos deles diante dos xuíces. Actuou como acusador en diversos
atestados, varios contra veciños de Mourente.
Unha lectura da entrada “Na morte deAlberto Martínez” pode servir como exemplo do seu papel en
determinadas actuacións. Aparece tamén relacionado con casos de
corrupción, como o protagonizado por un conxunto de “cívicos”
acusados de expedir salvocondutos aos irmáns Rodríguez Fariña a
petición da muller do médico de Poio Ramón García “O Paxaro”.
Cando as sinistras actuacións deste
grupo de “cívicos” e falanxistas resultou inconveniente para os
vencedores, o protagonista desta entrada marchou á fronte encadrado
nun batallón de falanxistas pontevedreses; temos novas da súa
estancia en Salamanca en febreiro de 1937 pois aparece nunha relación
de solicitantes de madriñas de guerra. Tamén serviu no Tercio. Tras
o remate da guerra tivo algún incidente violento e unha condena por
lesións da que foi indultado.
Escoitei moitas veces relatos de
pequenas vinganzas contra el, como deterse un coche na parada do
autobús convidándoo a subir e, cando se acercaba, deixalo
plantado; tamén lle atribuían o costume de facer unha marca no
cinto por cada vítima, etc. Son historias a camiño entre a
realidade e a lenda. Tamén escoitei de xeito repetido que traballara como
verdugo oficial; esta afirmación, da que foi imposible comprobar a
súa certeza, debeu estar moi estendida por Pontevedra e así o
recolle o número 2 do xornal clandestino Mundo Obrero (25-12-1946),
editado polo Comité de Galicia do PCE, nunha columna asinada por
“Roque” e titulada “Vacantes de Verdugo.” Logo de facer
consideracións sobre a perigosidade de ser verdugo “oficial”
debido a que eran eliminados pola “mano justiciera del pueblo”,
refírese ao noso personaxe, a quen cualifica como “tristemente
famoso asesino” e acúsao de ser autor material da morte de 238
antifascistas galegos:
-238 agujeros hechos en su cinto, que ostenta como trofeo- ha cursado instancia solicitando una de las vacantes de verdugo “con título.” Se dice que es la de Burgos. Ese monstruo que actuó a sueldo de la Falange y Guardias cívicos de Pontevedra, cometiendo los más repugnantes asesinatos, merece justamente, una plaza oficial de verdugo por su gran experiencia y técnica. La cuestión está en saber si antes de su debut, no aparece en una esquina muerto a pedradas como perro rabioso que es.
Non se explicita o método seguido
para contabilizar os asasinatos pero o humor negro do escrito ten o
seu aquel.
Hai ocasións nas que a historia
achégase a quen a escrebe: semanas despois do golpe militar, Benito
Castro, veciño tamén de Mourente, volvía á casa ben entrada a
noite levando pola corda unha xovenca que mercara e trouxera a
Pontevedra na camioneta da empresa. Xunto o carballo de santa
Margarida doulle o alto a partida de Lis. Acusábano de roubo e de romper
o toque de queda e a situación prestábase a darlle o “paseo”
sen máis miramentos; pero un dos compoñentes intercedeu diante de
Víctor Lis: Eu respondo por este home que é o encargado da empresa
de Bugallo. Non sen resistencia deixárono marchar. Benito, home
afoutado e sen medo, non mirou para atrás e chegou á casa tremendo.
Moitas veces me contou estes feitos e así souben como a miña
existencia ou, polo menos, algunhas circunstancias dela, ten unha
débeda con aquela persoa, pois Benito era meu avó e foi salvado
pola intervención do protagonista desta entrada: Manuel Mirón
Vázquez “O Cheira.”
No hay comentarios:
Publicar un comentario