Aparte das tres persoas que faleceron,
non hai moita información contrastada sobre o número de feridos
entre as persoas que, o 20 de xullo de 1936, formaban parte dos
grupos que estaban nas inmediacións do goberno civil e do concello
en Pontevedra. Unha delas foi Elisa Fernández Gracia, solteira, de
vinteún anos, de Campolongo, con domicilio na praza da Constitución;
pertencía a unha familia de esquerdas pois era irmá de Germán
Fernández Gracia, afiliado a Izquierda Republicana, quiosqueiro da
estación do tren, que foi fusilado o 28 de decembro de 1936. Elisa
tiña militancia socialista e era asistente habitual a
manifestacións e desfiles das milicias. Os informes do concello e da
Guardia Civil (pouco fiables e contraditorios en moitos casos)
afirman que “observa buena conducta, es de ideas comunistas y de
genio levantisco” ou “formaba parte de las milicias femeninas
yendo uniformada en las manifestaciones.” Foi unha das mulleres
pontevedresas procesada por participar no intento de rapto de
mulleres de militares; esta causa acabou en sobresemento por non
haber probas suficientes para condenalas.
O 20 de xullo, Elisa, a súa cuñada
Carmen Abuín e outras mulleres estiveran na alameda pontevedresa
ata cerca das oito da tarde; cando soaron os disparos das tropas que
saían do cuartel de artillería atopábanse diante do concello.
Elisa foxe cara a zona da igrexa de santa María e foi alcanzada
polos disparos. Nun primeiro momento levárona á Policlínica e
logo ao Hospital; nos primeiros días de agosto condúcena ao cárcere
instalado na Escola Normal.
Comezaba así un tempo de cárcere, a
disposición gobernativa, no que destacou polo seu carácter forte e
durante o que tivo algún incidente con membros da Guardia Cívica
que facían garda no cárcere. Algúns destes “cívicos” mantiñan
un trato degradante cara ás reclusas. Aparece documentado un
incidente ocorrido en outubro de 1937 entre Elisa e o garda cívico
Amadeo Salustio, portugués, que estaba vixiando o reparto do almorzo
no departamento de presas políticas; o “cívico” denuncia que
Elisa fixera
señales con las manos hacia los reclusos que se encontraban en el pasillo; como asimismo levantando el puño; en vista de lo cual el que declara, dirigiéndose a la misma le recriminó de una manera enérgica por su manera rebelde de proceder, diciéndole “que no lo volviese a hacer, pues de lo contrario le pegaría dos tiros” esto lo dijo con el objeto de atemorizarla.
Elisa recoñoce que tivera discusións co “cívico”, con quen
tiña enemistade pois aquel sempre se metía con ela dicíndolle que
o seu irmán estaba moi ben fusilado e que en vez de dous tiros
deberían darlle catro. Tamén asegura que Amadeo Salustio sempre a
molestaba con frases como
Que querían el amor libre, que ya lo teníamos. Y que el día menos pensado él, tenía medios para darle a la declarante y a las que ya fueran puestas en libertad Maruja Fandiño y una tal Rosalía de Villagarcía, un paseo.
Declaracións de varias testemuñas e o
recoñecemento do lugar dos feitos parecen darlle a razón a Elisa
fronte ás acusacións e, o 16 de decembro de 1937, o auditor pide o
sobresemento provisional da causa por non desprenderse do actuado
indicios suficientes para estimar a perpetración dun delicto.
No hay comentarios:
Publicar un comentario