sábado, 19 de septiembre de 2015

"Un cesto de mazás", un libro imprescindible sobre a represión.


Pasaron algúns anos dende que o cineasta austríaco Günter Schwaiger, coordenador do ciclo “Imaxes contra o esquecemento”, fixera as seguintes preguntas:
Que lles pasa a tantos historiadores españois para que teñan tanto medo á memoria da xente? Dende cando a memoria non serve para testemuñar a verdade? Ou acaso nos xuízos non fan falla testemuñas para condenar a alguén? Xa non vale o testemuño dun fillo que veu como fusilaron a seu pai para testemuñar o horror do fascismo? Chegamos a tal arrogancia académica que as vítimas teñan que pedir permiso ós historiadores para saber se o seu sufrimento foi verdade ou simplemente un espellismo?.
Dende aquela, a consideración das fontes orais foi mudando pero son coñecidas as reticencias cara elas de moitos historiadores; é certo que algunhas veces son mal utilizadas, asumidas de xeito acrítico. Como as demais fontes, deben ser tratadas con rigor e ser obxecto de, como mínimo, as mesmas cautelas. Se hai un campo onde estas fontes son imprescindibles é no da investigación sobre a represión, no que contribuíron a abrir novas liñas de traballo e a prestar atención a parcelas esquecidas ou pouco tratadas nas publicacións. Houbo sectores da poboación que non contaron co mesmo acceso á produción de documentación escrita que tiveron outros máis privilexiados; tamén houbo actuacións represoras que apenas deixaron pegadas na documentación: prisión gobernativa, rapados e outras aldraxes a mulleres, participantes nos “paseos”, etc.
Ademais os testemuños orais achegan a dimensión máis humana da historia: os sentimentos, as emocións, a experiencia de como viviron os feitos as vítimas e os seus.
Todo o anterior ven a conto da publicación dun libro baseado fundamentalmente na historia oral: “Un cesto de mazás. Memoria das vítimas do 36 e do tempo que veu”, do que é autora Montse Fajardo Pérez, que xa fixera unha incursión, máis limitada, nesta temática co libro Matriarcas. Mulleres en pé de vida; de feito, a especial sensibilidade de Montse sobre o papel desempeñado polas mulleres está presente en cada un dos apartados do seu novo libro.
Ao meu entender “Un cesto de mazás” é un exemplo de como se debe facer historia a través das fontes orais; detrás de cada unha das historias que nos conta hai un exhaustivo traballo de documentación, de consulta de fontes arquivísticas e hemerográficas, de contraste de informacións, que permite á autora combinar na narración o punto de vista interno, limitado, propio dos relatos da memoria, co externo, global, propio dos historiadores.
Seguindo ao profesor Fontana, o historiador debe tentar acadar o máximo rigor e veracidade posibles, non ocultar nin manipular fontes, pero non ten por que ser neutral (e de feito ningún o é). Montse Fajardo non presume de distancia nin de neutralidade: “ Si, é verdade, eu estou dun único lado, do lado das vítimas. De todas as vítimas. Do único lado en que podería estar: o dos silenciados”
O libro consta de dezaseis apartados, dezaseis historias nas que aparece a loita pola vida, os sufrimentos das vítimas e as súas familias tras o golpe de estado franquista. É un libro duro, emotivo, que chega ao corazón, no que aparece o mellor das persoas (a solidariedade, o compromiso, a bondade...) pero tamén a maldade, a crueldade, dos verdugos e de sectores da poboación que se sumaron ao carro dos vencedores e que insultaban, delataban e perseguían aos “roxos”.
As mazás do cesto rompen o silencio e cóntannos a súa historia. A xeito de exemplo, só un parágrafo do capítulo “O carpir dos barcos” que trata da familia do sindicalista de Marín Amando Iglesias:
Tiña 74 anos cando enfermou. Manuela a Bichona perdeu a memoria, pero nin con esas logrou esquecer o que pasou. Nunca. Sempre estaba co seu home a voltas e unha tarde, cando tiña 77, díxolle á súa neta que ía deitarse pero non foi para a cama, saíu da casa, botou a andar e durante días non se soubo nada dela. Ao cabo dunha semana atoparon o seu cadáver no río, moi preto de onde fusilaran a Amando. Fora onda el pero como non vía ben debeu caer na auga. Aquel día Manuela saíra da casa para facer de novo o camiño que fixera detrás da camioneta, o camiño que fixera co ataúde do seu home ás costas, sen saber que esta vez levaba ao lombo a súa propia morte. Porque a ela tamén a mataron eles. A ela tamén.
En resume, un libro de lectura imprescindible para entender a verdadeira dimensión do terror implantado a partir do 20 de xullo de 1936.

No hay comentarios:

Publicar un comentario