jueves, 14 de abril de 2016

Un coche para na noite.


Fai uns días, Luis Bará, no seu blogue Non des a esquecemento, dedicáballe un magnífico artigo a Celestino Poza Cobas; nun dos parágrafos escribía, referíndose á súa atrofiada man dereita:

Seica lle quedara atrofiada nun dos traslados de prisión, nas laxes frías do cárcere de Cambados, paralizada talvez polo terror...

O artigo de Bará lembroume o sucedido a don Celestino nos primeiros días da súa detención logo do golpe militar do 36. Estaba detido, como preso gobernativo, no cárcere habilitado da Normal de Pontevedra; daquela no universo carcerario pontevedrés mandaba Fernando Lago Búa, quen formaba parte dunha trama corrupta de extorsión e outros abusos a presos e ás súas familias. Por estas actuacións sería xulgado e fusilado polos propios golpistas. Lago xa tiña experiencia en actuacións irregulares pois, aos poucos días de estar detido, foi reclamado polo gobernador militar de Navarra xa que desertara do seu posto de funcionario no penal do forte de san Cristóbal, logo de estar complicado en atropelos e roubos nos rexistros efectuados en Navarra e para os que se alistara voluntario.

Utilizando palabras do propio Celestino Poza, durante a curta permanencia de Lago Búa como inspector de prisións, existía na poboación penal “una depresión de espíritu tan brutal que rebasaba los límites del terror.”

O modo de actuación da trama extorsionadora consistía en aterrorizar aos presos dun certo nivel económico coa idea de que ían “pasealos” e ofrecerlles a salvación a cambio dunha elevada cantidade de diñeiro; o sucedido co médico vigués Ramón de Castro serve de exemplo.

Celestino Poza Cobas tiña unha posición equiparable á do médico vigués (agás na ideoloxía, pois Castro era de dereitas, católico, aínda que masón): médico prestixioso, boa posición económica... Parecía un obxectivo a medida para a trama corrupta e os feitos, pouco coñecidos, que paso a relatar parecen apuntar neste senso.

Unha orde verbal do delegado de orde pública determina o traslado nocturno de Poza ao cárcere de Cambados; a condución efectúaa a Guardia Civil nun automóbil no que, aparte dous gardas, viaxa o oficial de prisións Lago Búa. Este acompañamento, sorprendente e inusual, resulta altamente sospeitoso. Ao chegar a Campañó, nos límites con Curro, detiveron o coche nun lugar no que se atopaba un grupo de falanxistas e un cabo da Guardia Civil. Lago manda baixar a Poza a quen internan uns trinta metros cara ao monte custodiado por un falanxista e un cabo da Guardia Civil; durante uns quince minutos o resto do grupo discute; a continuación Búa fai un aparte co cabo e, cando este regresa xunto ao detido dille: “Rece usted un padrenuestro porque le ha salvado la vida.” A expedición continuou cara Cambados.

Semanas despois, na instrución da causa contra Búa e Bustelo, o sucedido con Poza chega aos oídos do instrutor que pregunta ao inspector de prisións; este recoñece os feitos pero aduce que quen ordenou baixar do coche foi un garda civil e que fora el quen se enfrontara co garda lembrándolle a súa responsabilidade na custodia do detido; pese a súa oposición, conduciron a Poza cara ao monte e volveron traelo sen saber as razóns.

A versión do garda civil implicado é coincidente, pero explica que o motivo de levar cara ao monte a Poza fora para que non se enterase dos “asuntos confidenciales y de servicio” que trataron os integrantes das dúas partidas. Nega que oíra nada relacionado co de rezar o “padrenuestro”, pero lembra que tranquilizara ao detido facéndolle notar que, cando fora conducido pola Guardia Civil, chegaría ao seu destino porque as ordes que recibían “se cumplen puntualmente y en términos de estricta justicia.”

Cónstanos, por declaracións de Celestino Poza, que en ningún momento houbo petición de diñeiro por parte de ninguén; todo parece indicar que alguén co suficiente poder dentro da trama (Víctor Lis?) dou a orde de respectar ao querido médico pontevedrés.

Neste día da República, sirva esta pequena contribución como lembranza e homenaxe a don Celestino e á súa familia, que tanto sufriron polas súas ideas republicanas.

2 comentarios:

Unknown dijo...

En nome da miña Familia quero darche ñas grazas pola tua publicación,que permitenos ir reconstruindo a nosa traxica Historia Familiar e a do meu bisavó en particular.Asdo.CELESTINO pOZA DOMINGUEZ....tinopoza@gmail.com

Xosé Álvarez Castro dijo...

Grazas a vós. Un saúdo.