Pasaran catro meses
e medio do golpe militar cando detiveron a José Núñez Montes; o
dous de decembro de 1936 un grupo de gardas civís mandados polo
cabo Jesús Barja levárono preso. José era viúvo, vivía no
Carramal (Salcedo), fora vicesecretario da sociedade de agricultores
e traballaba como garda xurado e conserxe de dita sociedade. O motivo
aducido para detelo era o de tomar parte activa contra o “Glorioso
Movimiento” e tamén había informacións de que, nos sucesos de
outubro do 34, coaccionara as leiteiras para que non abasteceran a
poboación.
Segundo o patrón
habitual na actuación da Guardia Civil, un grupo de veciños,
significados militantes da dereita e membros da Guardia Cívica,
participan como acusadores e afirman que baixara armado a Pontevedra
o 20 de xullo e así o viran nas inmediacións do goberno civil.
Coinciden todos en cualificalo de comunista destacado e un deles
aproveita para lembrar que coidaba fora un dos que apedrara a súa
casa, logo das eleccións do 36.
José non pode máis
que recoñecer que baixara á capital coa súa arma regulamentaria
pero alega que o fixera por motivos particulares e para cobrar uns
recibos; a carabina entregáralla días despois a un significado
garda cívico de Salcedo.
Nos informes sobre
o detido hai división de opinións: o concello informa
favorablemente sobre a súa conduta pero a Guardia Civil
afirma que tiña ideas comunistas aínda que non figuraba como
afiliado a este partido; tamén sostiña que, a pesar de que non se
sabía tomara parte activa o 20 de xullo, adicárase a inducir as
masas para opoñerse ao estado de guerra.
Unha curiosa
acusación foi a de que solicitara á sociedade de agricultores un
aumento de soldo de 10 pesetas mensuais “cuyo aumento lo pagarían
los de la Banda Negra”; “Banda Negra” era o apelativo que
recibían os fascistas de Salcedo por parte dos militantes da
esquerda. A Guardia Civil recoñece que non se atopara
ningunha documentación sobre esa petición, pero afirma que puideran
queimala as forzas sublevadas “en unión de otros documentos
recogidos en las distintas sociedades” en virtude de orde superior;
recoñécese así oficialmente a queima de documentación por parte
dos golpistas.
A causa 777/37
xúlgase en Pontevedra o un de xullo de 1937. O defensor, tenente de
artillería Juan José Astor, basea a defensa na suposta escasa
cultura do procesado e, polo tanto, estar influído pola propaganda e
ideas disolventes nesta “nefasta etapa”. Segundo este tenente,
José Núñez non podía ser culpable senón o ambiente social creado
polos propagadores de doutrinas antinacionais.
O tribunal non tivo
en conta estas alegacións e José Núñez Montes foi condenado a
cadea perpetua.
No hay comentarios:
Publicar un comentario