O Socorro Rojo
Internacional (SRI) naceu na Unión Soviética en decembro de 1922,
pero non acadará a súa completa organización ata o V Congreso
Mundial da Internacional Comunista no ano 1924. Nun principio, como
sinala Laura Branciforte (El Socorro Rojo Internacional
(1923-1939). Relatos de la solidaridad antifascista. Madrid,
Biblioteca Nueva, 2011.), tiña, principalmente, finalidade de
propaganda política e será a partir dos sucesos revolucionarios de
outubro de 1934, cando se centre nas tarefas de axuda aos detidos
políticos e as súas familias. A partir de 1935 adquire unha
destacada relevancia política e é digna de destacar a presencia e
actividade de mulleres na organización.
Comeza a actuar
clandestinamente en España nos tempos da Ditadura de Primo de
Rivera; as dificultades son grandes pois á represión do réxime
contra os comunistas hai que sumarlle as desavinzas e loitas internas
do PCE. A partires de outubro de 1934, co partido comunista reducido
á clandestinidade, o Socorro Rojo Internacional actúa publicamente
e xoga un papel fundamental na política comunista de lograr as
alianzas obreiras e pactos de unidade con outras forzas; este labor
válese dos comités de axuda, organismo no que participan sindicatos
obreiros e militantes socialistas, comunistas e republicanos de
distintos partidos.
Organízase nun
comité executivo, radicado en Madrid, comités rexionais e locais e
constitúen o último chanzo os grupos formados en fábricas,
talleres, etc.
Nesta entrada
centrareime nos anos 1934 e 1935 e na localidade de Vigo, onde
residía o comité galego. Utilizarei como fonte principal numerosa
documentación da causa 77/35 instruída contra Manuel Vázquez
Lamas, Adolfo Taboada Otero, Manuel Rodríguez Mouriño, Evangelino
Taboada Vázquez e Manuel Villar Cimadevila, por indución á
sedición por medio de pasquíns e excitación á rebelión militar.
Tivo un destacado papel nas investigacións contra os anteriormente
nomeados o coñecido tenente da Guardia Civil Francisco González
Rodríguez “O Rabioso”.
O 17 de xaneiro de
1935, a Guardia Civil rexistra a casa do empregado municipal do
servizo de arbitrios Manuel Vázquez Lamas; era secretario de
organización no Radio do PCE, atópanlle un carnet da Asociación de
Amigos da Unión Soviética co número 14748, outro do Partido
Comunista de España e tamén o de socio do Socorro Rojo
Internacional, sección española e federación de Galicia (estaba
afiliado, ao parecer, dende 1933). Tamén aparecen numerosos selos,
documentos de afiliación sen nome e escritos de todo tipo.
Destacamos unha comunicación que o comité local do SRI dirixe ao
presidente do sindicato da Unión de Traballadores das fábricas de
conservas no que fai propaganda de cara a recibir donativos en
metálico, xoguetes, alimentos, etc; tamén atopan unha autorización
da comandancia militar a favor de Enriqueta Villar Montes (muller de
Villar Cimadevila) e Carlota Ramírez, que actúan en representación
dunha comisión de mulleres, para facer unha cuestación pública
destinada a obsequiar con xoguetes, roupas e alimentos os nenos
pobres; na autorización especificábase que debía facerse sen
formar grupos de máis de dúas persoas, sen exhibición de
distintivos de calquera agrupación e determina que o lugar do
reparto sería no local de Izquierda Republicana, na rúa Galán 17.
No rexistro tamén
se recollen listados de cotizacións a favor de presos e familias así
como escritos e libros considerados pola forza actuante como
subversivos de matiz comunista. Especial insistencia ten o “Rabioso”
en coñecer quen fabricara numerosos brazaletes coa lenda de
“Comisión Pro-Infancia” e dos pasquíns colocados en Lavadores e
Teis con lendas como: “Abajo la pena de muerte”, “Contra la
guerra imperialista-guerra civil”, “Por la libertad de los
presos”, “Contra los campos de concentración” e “Viva el
proletariado asturiano”.
Un escrito dirixido
ao comité executivo nacional permite coñecer que, tras o movemento
insurreccional de outubro, o SRI quedara totalmente desarticulado en
Galicia debido á detención de numerosos membros; como consecuencia
reciben a visita dun enviado da executiva nacional e definen un
programa de tarefas a realizar de xeito urxente:
a) Organización e
elección de secretariado ampliándoo coa participación de todos os
organismos obreiros, elementos intelectuais e pequeno-burgueses; este
proceso debería culminar coa celebración dunha conferencia rexional
da que sairía o comité rexional definitivo.
b) Campaña de Reis.
Levouse a cabo con gran éxito, a pesar da sabotaxe das autoridades e
prensa. Sorteáronse 600 xoguetes entre fillos de obreiros e
participaron uns 2000 nenos, polo que quedaron a maioría sen recibir
agasallo. Teñen en proxecto a creación dunha asociación
pro-infancia.
c) Preparación dun
Boletín de información.
d) Propóñense
consolidar a organización, aumentar o número de afiliados e
estendela a toda Galicia, a tal fin desprazarán un compañeiro por
toda a rexión en canto dispoñan de fondos.
O comité executivo
español do SRI, nun escrito datado o 9-1-1935 e asinado polo
secretario xeral “Roberto”, lembra a situación de represión e
terror existente e pide aos comités rexionais e provinciais que
colaboren para proporcionar axuda económica e tamén documentación
para burlar a acción da “justicia burguesa de clase”; para
facelo piden o envío da maior cantidade de cédulas persoais de
idades comprendidas entre 23 e 45 anos, procurando que sexan novas ou
sen asinar. Na provincia pontevedresa, segundo investigacións de
membros de IR, as cédulas eran do ano anterior e, ademais,
presentaba dificultades facerse con elas a través da compra.
(Comunicación do secretario do C.R. ao C.E. do SRI. 22-11-1935)
O Comité Rexional,
con sede en Vigo, elabora un programa detallado de actuacións, que
nos proporciona moita información sobre o estado real da
organización así como das liñas que consideran prioritarias:
* Rematar coa
reorganización do C.R. e atraer unha obreira da conserva, un
picapedreiro ou albanel, algún ferroviario e un intelectual.
* Desprazar un
camarada ao interior para reorganizar os grupos e comités,
especialmente en Pontevedra e Ourense. Todos os grupos de Vigo
deberán estar reorganizados no prazo de dúas semanas.
* Manter
correspondencia permanente co comité executivo nacional e co comité
provincial da Coruña.
* Crear círculos de
doantes e facer rifas e festivais. Control severo das finanzas.
* Pedir o apoio e
adhesión colectiva dos sindicatos ao SRI.
*Sacar un manifesto
e un boletín mensual de carácter informativo. Tamén elaborarán
unha carta-informe a todos os presos con todos os traballos que está
realizando o SRI para mellorar a axuda e atención dos familiares e
perseguidos “explicándoles el gran Comité Popular de frente Único
que vamos a crear para organizar la agitación y lucha por su
libertad”.
* Asegurar a venda
do xornal Combate, órgano do SRI, e dos “episodios de Asturias”.
* Crear agrupacións
femininas, xuvenís e infantís.
* Normalizar a
recadación de cotas e crear círculos de doantes, así como facer
rifas e festivais.
Ademais destas
medidas, o maior esforzo en mobilización consistiría en crear o
antes citado Comité Popular de Frente Único, no que estarían
representados os partidos, sindicatos, SRI, Xuventudes, Clubes e
Bibliotecas, así como intelectuais de renome; tería como principal
obxectivo a “lucha contra la reacción y el fascismo y por la ayuda
a todas las víctimas”. Para abrir o camiño serviríanse da
campaña de Reis que tamén se utilizaría para recrutar novos
afiliados. A obsesión polo aumento da afiliación é sempre un tema
central na política do SRI, así determinan que, no prazo de dous
meses, cada afiliado debe recrutar un afiliado máis e tamén se
recomenda traballar na adhesión colectiva de sindicatos e Club
Deportivo Obrero.
O Comité Executivo
responde a estas propostas do Comité rexional cun escrito
(13-1-1935) no que se aproban estas medidas e ofrece varias razóns
polas que as posibilidades de éxito son grandes; entre elas o bo
plantel de afiliados en Vigo, Pontevedra, Ourense e outras cidades e
que teñen gran ascendente nas organizacións obreiras, así como a a
adhesión colectiva de varios sindicatos. Pero na comunicación non
deixan de advertir que estas condicións foron malogradas polo
“sectarismo crónico” e a falta de organización e de dirección
colectiva. Confían en que non se repitan estes erros e pide se lle
remita información sobre puntos concretos; destaca a petición de
información sobre os novos elementos que se incorporan ao comité
rexional e a que tendencias e organismos pertencen.
En relación coa
atención a presos e familias, aparecen distintos listados; un deles
está referido a doantes e aparecen os nomes: Asunción Rodríguez,
Filomena Martínez, Isolina Piñeiro, José Iglesias, David García,
M. Villaverde, Edelmiro Amoedo, Melchor Campos, J. Gil, M. Martínez,
Urbano Veiga, Avelino Enríquez, Darío Alonso e J.R. Boente, entre
outros.
De interese
especial resulta un listado de presos sociais e políticos aos que
hai que prestarlle axuda, aparecen tachados algúns nomes que, dadas
as súas circunstancias, non necesitan dita axuda. Especifícanse as
condicións económicas e cargas familiares de cada un e que
omitimos:
Cangas.- Lorenzo
Corbacho Rodal, Estanislao Graña Soliño, Guillermo Chapela
Fernández, José Martínez Bames (?), Francisco Martínez Martínez.
Ponteareas.- Rafael
Gómez Carrera
Coia.- Ramón Otero.
Lavadores.- Perfecto
Cabaleiro Fernández, Isabelino Cabaleiro Fernández, Manuel Mariño
Villar, Domingo García, José Mirás, Fernando López, Sebastián
Camaño (?), Aquilino Asensio, Manuel Lamas e Fernando Castro.
Vigo.- Adolfo
Taboada.
A Guarda.- Antonio
Alfonso.
A Comisión local
de axuda a presos seleccionados pide solidariedade a todos:
COMPAÑERO: La solidaridad de clase en estos momentos es más necesaria que nunca. La burguesía trata de sembra en nuestras filas el terror, encarcelando a compañeros y dejando sin trabajo a raíz de la huelga a los camaradas más destacados en la defensa diaria de nuestros intereses. Aporta alguna cantidad para la ayuda a estos camaradas hasta conseguir que sean puestos en libertad nuestros presos y vuelvan a sus puestos los seleccionados.
Pero volvamos ás
persoas encausadas tras o rexistro efectuado polo tenente Francisco
González “O Rabioso”. Manuel Rodríguez Mouriño continúa
detido a disposición da autoridade gobernativa e os outros catro
quedan en liberdade; a autoridade xudicial militar ditou o
sobresemento. Ao ano seguinte, 1936, a maioría tiveron un fin
tráxico, seguramente algo debeu influír o papel destacado na
represión que tivo o seu antigo perseguidor “O Rabioso”, que
tiña un bo coñecemento da súa ideoloxía e actividades.
Sobre Manuel
Rodríguez Mouriño, membro de Amigos de la Unión Soviética, un
informe do tenente González afirma:
Daba escuela a este individuo y a un hermano suyo ya fallecido que era de iguales ideas, un Maestro Nacional de la localidad, también comunista y que estuvo preso con motivo de los últimos sucesos. Las hermanas de aquellos tengo entendido confidencialmente son acérrimas en las mismas ideas y hasta propagan las hojas sediciosas y un tío suyo llamado Juan, hoy difunto, que en vida habitaba con la familia, tenía carnet de “Los Amigos de Rusia”, sociedad política establecida en la localidad. Ha sido pues, criado e instruído en ambiente bolchevique y lo considero elemento de enlace y propaganda peligroso para el orden social” (24-2-1935).
Manuel Rodríguez Mouriño foi asasinado o 27
de xullo de 1936. Manuel Vázquez Lamas, comunista, directivo do
Ateneo Obrero Deportivo, “paseado” en Chapela xunto con 3 homes e
unha muller. Manuel Villar Cimadevila, natural de Vila de Cruces,
tamén foi “paseado”, neste caso en Vincios (Gondomar) o 6 de
outubro de 1936 en unión doutras persoas. Evangelino Taboada
Vázquez, afiliado á ORGA e logo ao PCE, natural de Lalín,
dirixente do Ateneo de Divulgación Social e do SRI, “por tanto,
organizador y peligrosísimo contra el Régimen y orden social”
(informe G. Civil, 24-2-1935) estivo fuxido, foi detido xunto co seu
fillo Adolfo, a ambos ábrenlle expediente de responsabilidades
políticas no ano 1941 (BOE 16-11-41). Morreu no ano 1954.
No hay comentarios:
Publicar un comentario