Sobre a depuración
do maxisterio na provincia de Pontevedra temos a sorte de contar cos
excelentes traballos do profesor Porto Ucha; é de salientar o seu
magnífico artigo publicado no último número da revista Sarmiento:
“A depuración do maxisterio na provincia de Pontevedra”, de
autoría compartida con Raquel Vázquez Ramil.
Nesta entrada
tratarase sobre a comisión depuradora de mestres no referente ás
características ideolóxicas e militancia política dos seus
compoñentes; coñecendo estas comprenderase o apuntado por Andrés
Santalla no congreso sobre a represión franquista en Galicia (Narón,
2003) sobre a dureza desta comisión, que orixinou advertencias das
instancias superiores pola severidade que tiña nos seus ditames.
A pesar da
notoriedade e relevancia social dos seus membros (ou acaso por iso),
na maioría das súas biografías omítese todo o relativo
á súa implicación no labor depurador e o seu compromiso co réxime
franquista. Non son casos illados na (aínda!) construción mítica,
e nalgúns casos interesadamente manipulada, do sucedido en
Pontevedra naqueles “anos do medo”.
O presidente,
Secundino Vilanova Rivas, catedrático de matemáticas, foi nomeado,
sen posibilidade de renuncia, na súa condición de director do
instituto pontevedrés. Fora compoñente da xunta da Unión
Patriótica, organización política creada polo ditador Primo de
Rivera. Aparece como doante nas subscricións patrióticas, tanto nas
efectuadas no ano 1934 para “los mantenedores del orden” nos
sucesos revolucionarios de outubro, como tras o golpe do 36.
Afervoado católico,
fora presidente do Círculo Católico e nesa condición foi elixido
para portar o estandarte das Dores na procesión de Semana Santa en
1917; tamén desempeñou o cargo de presidente da Adoración Nocturna
e foi membro da Venerable Orden Tercera (V.O.T.) franciscana. O
órgano da Juventud Católica de Pontevedra, a revista SPES, no seu
número de xuño de 1952, define fielmente o carácter da súa
relixiosidade:
Recientemente falleció uno de ellos, D. Secundino Vilanova Rivas, católico, integrista de pura cepa, Catedrático y Director que fué de nuestro Instituto, el cual puso su clara inteligencia al servicio de la Verdad.
Esa condición de
“integrista de pura cepa” vai ser, como veremos, unha
característica común a todos os compoñentes da comisión
pontevedresa.
Na comisión foi o
primeiro secretario o inspector Juan Novás Guillán, persoa ligada a
organizacións de tipo benéfico como a Asociación Protectora del
Obrero, da que foi presidente; membro do padroado do museo de
Pontevedra dende 1930, ano no que sucedeu a Antonio Losada Diéguez;
posteriormente foi cronista oficial da cidade. Colaborador de SPES,
en 1952 publica unha conferencia súa co título: “El Nacimiento
del Hijo de Dios y la Nochebuena en los hogares cristianos”. Viúvo
de María Viñas del Monte, casa posteriormente cunha compañeira da
inspección, María Cruz Pérez.
Politicamente
participou do pensamento galeguista encadrado no sector dereitista,
foi un dos accionistas do Seminario de Estudios Gallegos e
asinante do manifesto de intelectuais galegos a favor do Estatuto en
1936.
Faleceu
en abril de 1967 e o seu amigo e correlixionario, José F. Filgueira
Valverde, alcalde da cidade, pronuncia no pleno do concello (Novás
fora concelleiro e tenente alcalde) un discurso necrolóxico, do que
reproducimos o seguinte parágrafo: “bueno, generoso, activo,
dispuesto al servicio de todos, entregado con fervor al cultivo del
espíritu y a los intereses de la ciudad”.
En
1945 estaba afiliado a Falange Española e así consta nun listado de
depurados favorablemente dentro da organización. Durou poucos meses
na comisión e foi substituído, en marzo de 1937, por outro
inspector, Olimpio Liste Naveira, de perfil inequivocamente implicado
cos sublevados.
Olimpio
Liste Naveira, mestre e inspector, presidía en 1937 a Asociación
de Maestros Católicos e
participa en abril dese ano nun cursiño pedagóxico-relixioso,
organizado por esta asociación,
no que se imparten leccións de pedagoxía “pero de Pedagogía
Religiosa y patriótica que era la Cenicienta, la desterrada de
nuestra querida España por el laicismo que gangrenó la vida
española en estos últimos y desdichados tiempos.” (El Noticiero
Gallego, 4-4-1937). Olimpio Liste imparte as leccións: “La señal
de la Cruz” e “Los Sacramentos”.
Foi
concelleiro no axuntamento de Pontevedra, inspector xefe de
educación, director do Boletín de Educación e integrou o grupo que
visitou Italia no ano 1938 para estudar o modelo educativo do goberno
fascista de Mussolini.
Con
anterioridade ao golpe, no ano 1934, foi presidente da sección de
Información, Prensa e Propaganda da Casa del Maestro,
institución na que convivían tendencias políticas contrapostas. A
presencia de persoas de dereitas e o tipo de actos que organizaba
fixeron que fora contemplada con receo por algúns mestres dos
sectores máis comprometidos politicamente. Un deles cualificábaa
de “ reaccionaria, guarida de catedráticos y señoritos, que por
medio de bailes, fiestas, banquetes, procura desviar a los maestros
de las Casas del Pueblo”.
Foi
elixido en decembro de 1936 presidente da Asociación de
Maestros Católicos.
Na
orde política, Liste militaba en Falange
e ocupou postos de mando nas milicias desta organización (xefe de
centuria), así como desempeñou o posto de sarxento da temida
Guardia Cívica mandada por Víctor Lis. Estas dúas milicias
estiveron implicadas na represión cruenta na comarca pontevedresa.
En anos posteriores ocupou postos como o de presidente da xunta
provincial da Mutualidad de Enseñanza Primaria
e axudante provincial das Falanges Juveniles.
(Continuará nunha próxima entrada)
No hay comentarios:
Publicar un comentario