Os
mestres integrantes da comisión foron Jorge Vázquez Fernández, o
famoso “don Jorge”, e o
coñecido pintor e debuxante
Luis Pintos Fonseca.
Jorge
Vázquez Fernández ademais de mestre en Lérez era cura. Ligado
familiarmente á patronal da construción (un dos seus irmáns foi
dono da empresa Raymundo
Vázquez S.A., as siglas da empresa RV deron lugar ao apelativo
popular de “reventa vivos”)
e con boas relacións coa
todopoderosa familia Riestra. A súa primeira misa, en 1926, foi na
capela da Peregrina e foron padriños de mans a marquesa viúva de
Riestra e o seu fillo Raimundo, marqués
de Riestra; a celebración foi por todo o alto e mostra do poder
económico da familia Vázquez. No Palace Hotel numerosos convidados
asistiron a un espléndido banquete; como curiosidade, o menú foi:
Entremeses, Potage (sic) a la castellana, Huevos a la Cerigord (sic), Paella a la marinera, Vieiras al gratín, Lenguado y merluza a la romana, ensalada, flan a la vainilla, tarta de almendra, quesos y frutas. Vinos: Paternina, Champagne, Café, licores y cigarros.
Exerceu
de capelán das Siervas de María
e do convento de santa Clara, coadxutor de san Bartolomé,
consiliario da Asociación de Maestros Católicos,
da Juventud
Católica Femenina e director
espiritual do colexio privado Inmaculada Concepción. Tamén
participou na comisión que visitou Italia no 38 e, ao regreso,
publicou no Boletín de Educación o artigo: “Roma eterna, síntesis
de la Excelencia del Viaje”. Foi nomeado inspector.
En
tempos da República pertencera á Unión Regional de Derechas (URD)
e no 36 afiliouse a Falange sendo mobilizado pola Jefatura Provincial
de Milicias no ano 1938. O ministerio do exército concedeulle a
medalla de campaña co distintivo de retagarda. Prestou servizos como
garda cívico. Tamén foi capelán de campamentos do Frente
de Juventudes.
Luis
Pintos Fonseca era membro dunha coñecida familia pontevedresa con
ligazóns coa masonería e a teosofía; na
casa familiar da rúa Charino
aínda se conservan elementos
simbólicos como a estrela de
cinco puntas na fachada e flores de loto esculpidas no portal.
Debuxante e pintor, traballou
como mestre e como profesor auxiliar
de debuxo no instituto de Pontevedra. Exerceu como interino na
graduada do Areal (Vigo) e en maio de 1934 noméano como mestre en
Lusquiños (Tomeza). Foi socio fundador da Casa del
Maestro.
Ordenouse
sacerdote no ano 1947 e oficiou a primeira misa na capela de Xesús
Nazareno, na que fora bautizado. Foi
padriño de altar o catedrático de relixión don Lino García e
padriños de mans o seu íntimo amigo José F. Filgueira Valverde e a
señorita Ramona Losada Fernández. Colaborador habitual da revista
católica
SPES.
Participou
en diversas actividades do Seminario de Estudios Gallegos. En
1931 foi directivo do Grupo Nazonalista Galego, presidido por
Castelao. Sorprendentemente tamén figura como afiliado á Unión
Regional de Derechas (URD) na que causaría baixa.
Sobre
a súa actitude cando o golpe de estado do 36 circula unha versión
nas súas biografías que non parece compadecerse co realmente
sucedido; vexamos a xeito de exemplo, o que se afirma na publicación
“Pontevedreses”:
Está vinculado con fuerza al movimiento galleguista, lo que en 1936 tiene cierto peligro; Luis, asustado, se refugia en el Monasterio de Poio y allí permanece. Saldrá después de la Guerra para entrar en el Seminario de Tui y de ahí al de Santiago; en 1947 es ordenado sacerdote.
Noutras biografías
afírmase que estudara a
carreira internado en Poio cousa imposible por non ter seminario.
A
realidade é que, en decembro
de 1935, fora elixido presidente da Asociación de Maestros
Católicos e no
36 e anos seguintes, segue
exercendo como mestre en Tomeza ata que no ano 1938 solicita unha
excedencia por máis dun
ano e menos de dous; a finais do 37 tamén exerce como axudante
numerario de debuxo no instituto. Aparece como doante en diversas
subscricións patrióticas; en
setembro de 1936 (Diario
de Pontevedra, 1-10-1936)
noméano delegado de ensino na Junta Carlista de
Guerra e o 18 de decembro
integra a comisión depuradora do maxisterio. En
agosto de 1936, como presidente dos mestres católicos, diríxese ao
comandante militar da praza cunha “patriótica” carta anunciando
un donativo de 250 pesetas (todos os fondos da asociación) e anuncia
que os seus membros cederán un día de soldo co mesmo fin (Diario de
Pontevedra, 29-8-1936). En setembro de dito ano a Asociación
de Maestros Católicos que
presidía diríxese á Junta de Defensa Nacional
felicitándoles entusiastamente por las acertadas disposiciones sobre la destructora enseñanza, coeducación, libros de texto y demás medidas para la restauración moral y cristiana en la escuela española.
Como se pode
comprobar, toda unha serie de actividades documentadas pouco
compatibles co suposto refuxio en Poio.
A
pesar do seu aliñamento cos sublevados, Pintos, como todos os
mestres, tamén será obxecto (ao igual que Jorge Vázquez) de
expediente de depuración que, como
cabía esperar, resólvese
con todos os pronunciamentos favorables o 11 de xaneiro de 1939. O
xefe da Falange
pontevedresa, Ramón Portela, non vía con bos ollos a composición
da comisión depuradora nin a
súa actuación, que considera persecutoria contra mestres do SEM
(Servicio Español del Magisterio) que estaban na fronte de guerra;
nun informe aproveita para acusar a Luis Pintos:
Hipócrita redomado galleguista de Castelao. Sucesor de el en la Auxiliaría de Dibujo del Instituto a propuesta de Vilanova. ¡Que más querían Castelao y Pintos que esta sucesión!... Su finado padre era masón, uno de los pocos pero conocidos, que había en Pontevedra. El hijo hace una vida de fervoroso católico, pero también lo hacían los separatistas de Bilbao. Fué el autor de los carteles murales del Estatuto Gallego donde se decía: ANTES MORTOS QUE ASOBALLADOS (antes muertos que españoles).
Como pode apreciarse, duras acusacións
incluída a curiosa tradución de “Asoballados”.
En
agosto do 36 a ficha de inspección considerábao como de ideoloxía
de dereitas e o alcalde
informa que durante o período da Fronte Popular fora presidente da
Juventud Católica. En 1947 noméano coadxutor en san Bartolomé e no
1948 consiliario da Acción Católica (A.C.) masculina; no 1951,
consiliario da rama feminina de A.C. da parroquia. Foi
o principal impulsor da “refundación” da Semana Santa
pontevedresa a finais da
década dos 40, tarefa
na que ademais de personalidades como Filgueira Valverde e Vicente
Riestra tamén participa a Jefatura Provincial de Ex-combatientes
con Saturnino Paz Peón, os irmáns Puig Gaite, Fernando López Viaño
e outros que fundan a confraría de Nuestro Padre Jesús
con la Cruz a Cuestas (máis
coñecida na cidade como Cofradía de Excombatientes
).
Afiliado
a FET y de las JONS logo da unificación, aparece citado o 10 de
abril de 1940 nunha relación de camaradas militantes que debían
recoller o carnet na xefatura na rúa Michelena 30. En 1945 continúa
aparecendo nos listados de Falange. En 1955 participa como poñente
nos actos do Día del Dolor organizados polo Consejo Provincial de
Falange.
Ricardo
Melero Pereira era representante da Asociación de Padres de Familia
e un dos pesos pesados da sociedade capitalina, tanto no mundo
empresarial como político. Presidente da patronal pontevedresa, a
súa fábrica de alpargatas fora obxecto, en febreiro de 1936, dun
vandálico ataque por parte dos sectores máis extremistas da
esquerda obreira; o pretexto aducido fora a protesta contra manobras
electorais da dereita. Tamén foi directivo do Círculo Mercantil e
Industrial, da Cámara de Comercio e da xunta do club de fútbol
Alfonso XIII C.F.
A
Asociación de Padres de Familia era moi conservadora e
belixerante contra determinadas medidas do goberno republicano, nesta
orde visitara ao gobernador civil para expresarlle a súa protesta
polo proxecto de lei sobre as ordes relixiosas.
Ricardo
Melero tiña un perfil político profundamente dereitista: en 1932
participara activamente, xunto con Víctor Lis, Ramón Gómez, Tomás
Abeigón, Enrique Paredes, Antero Marescot e outros, na articulación
da Unión Regional de Derechas (URD) que nace para “actuar en
defensa de los santos principios de la Religión, la Patria, la
Familia y la Propiedad, que son la base de la paz pública y el
elemento necesario para el trabajo fecundo.”
Nas
eleccións de 1933 presentouse como candidato polas dereitas e o
xornal El País, órgano de Izquierda Republicana, aproveita para
atacalo mediante unha caricaturesca e imaxinaria entrevista:
en cuestiones políticas reconozco mi falta de preparación y competencia”, os motivos de tomar parte na propaganda dereitista serían “mi vocación de hombre de orden, amante de la religión y de la familia” [...] Pero cree V. que los que tenemos algo que perder podemos soportar estos avances de la República? Yo le puedo enseñar los libros de mi fábrica y verá por ellos que mis ingresos se han reducido al tener que cumplir las leyes sociales que mejoran la situación del obrero. Y eso que los sueldos que pago no son exagerados”
No
proceso de crecente radicalización da dereita, foi detido en abril
de 1936 por consideralo relacionado con incidentes provocados por
fascistas; compañeiros de detención foron significados fascistas
como o capitán retirado Benito Pardo, Secundino Esperón, José
Outerelo e outros; daquela Melero era tesoureiro da CEDA.
Como
podemos apreciar, a compoñente relixiosa militante na súa versión
máis integrista está presente en todos os compoñentes da comisión:
podemos considerar este aspecto como o factor ideolóxico dominante.
Na orde política, a afiliación nos partidos da dereita autoritaria
e, en dous casos, no galeguismo de dereitas, deu paso á militancia
nas filas falanxistas ou carlistas; militancia non ocasional senón
prolongada en décadas desempeñando postos en órganos do chamado
Movimiento Nacional e como concelleiros nos axuntamentos
franquistas. A documentación de varios arquivos e as fontes
hemerográficas e outras permiten completar os perfís biográficos,
ocultados ou terxiversados (de xeito intencionado ou non) nas
haxiografías ao uso, e comprender mellor o marco da represión sobre
o maxisterio.
No hay comentarios:
Publicar un comentario