domingo, 31 de julio de 2022

Dous libros imprescindibles.

 


Neste ano de 2022 saíron á luz diversas publicacións sobre os tempos posteriores ao golpe militar de 1936; entre elas dúas, ao meu xuízo imprescindibles, sobre as que tratará esta entrada. Están escritas por tres autores de recoñecida traxectoria como historiadores comprometidos: Dionisio Pereira, Eliseo Fernández e Carlos Méixome.

O traballo de Dionisio e Eliseo, “A primeira resistencia armada ao golpe militar na Galiza (1936-1940)”, nunha pulcra edición de Companha Editora, enmárcase nas que podemos considerar segundas derivadas no estudo da guerrilla galega; logo das referencias canónicas dos traballos de Heine, Máiz e outros autores pioneiros parece necesaria a abordaxe do tema achegando novas perspectivas, contemplando aspectos inéditos ou pouco tratados, suxerindo interpretacións novidosas. Unha destas achegas foi o monográfico sobre a guerrilla de Nós Diario (do que Dionisio e Eliseo formaron parte do seu equipo de coordinación) cunha diversidade de enfoques e pluralidade de autores e autoras.

En “A primeira resistencia armada ao golpe militar na Galiza (1936-1940)” abórdase un período pouco tratado nos estudos sobre o tema: as primeiras manifestacións de resistencia armada contra o réxime franquista que se manifestan nos meses posteriores ao golpe e nos anos coincidentes coa guerra de España e inicio da posguerra. Unha cuestión moi discutida é a da distinción entre grupo guerrilleiro e grupo de fuxidos; os autores, de xeito acertado, empregan o termo de resistencia armada, concepto máis amplo que o de guerrilla e que abranguería grupos organizados e tamén accións armadas máis dispersas.

Documéntase no libro a aparición, en certas zonas e xa dende os primeiros momentos, de grupos organizados, dotados de conciencia política e co obxectivo declarado de resistir e combater o novo réxime. Non son, por tanto, unha creación a partir da derrota republicana pois na Galiza xa toman corpo nos primeiros días, tras a implantación do terror cunhas prácticas xenocidas que buscaban a reordenación da sociedade de acordo cos postulados dos sublevados e a eliminación física ou social das persoas consideradas desafectas.

Un exemplo sería a resistencia armada no Salnés: actuante na primeira hora mediante accións de sabotaxe, de enfrontamento directo contra as tropas, forzas da orde e falanxistas, dotado dunha dirección política (o chamado “comité” dirixido por Rodrigo Beruete) variada ideoloxicamente pero con predominio cenetista e con acreditada experiencia na loita sindical e política. Conta con redes de enlaces e de apoio entre a poboación. A implacable loita das forzas represoras contra estes grupos foinos desarticulando mediante a eliminación a través da aplicación sistemática da chamada “lei de fugas”. Isto limitou no tempo a súa actuación pero a súa existencia (ao igual que sucedeu noutras zonas) non se compadece coa visión clásica duns “fuxidos” con pouca conciencia política e coa supervivencia como único obxectivo.

As prácticas represoras brutais de “cívicos”, falanxistas e gardas civís, a incorporación á resistencia de desertores e de expresos políticos achegaron aos grupos iniciais unha forte carga ideolóxica, non necesariamente identificada cun partido concreto, e unha actitude clara de resistencia. A importancia destes grupos corrobórase pola actuación en certas zonas de fortes continxentes de lexionarios e outras tropas.

Conta o libro cun apéndice documental no que, de xeito cronolóxico, amosa a realidade dunha serie de actuacións de diferente tipo levadas a cabo pola resistencia armada contra o réxime no período anterior ao que se viña considerando como o da eclosión do movemento guerrilleiro. Non vén de agora por parte dos autores este labor de documentar estas accións pois, fai anos, xa publicaran unha relación semellante na revista Terra e Tempo.

A importancia desta publicación é grande e encádrase nas novas vías de estudo da represión que cuestionan, de xeito documentado, a interpretación dominante na sociedade, non só nos sectores afectos ao réxime senón tamén nos opositores. Este relato manipulado ao longo de moitos anos, a ocultación da resistencia directa ou indirecta dende os primeiros momentos, demanda novos estudos que o cuestionen achegando os datos dunha realidade que o desbota.

Outra publicación imprescindible é o libro de Carlos Méixome “O terror nas Tebras e outras catas na memoria”, editado por Laiovento. Nel segue a estela da súa anterior publicación “Catas na memoria. A persecución franquista no Val de Miñor” da que xa temos tratado neste blog.

Continúa esa tarefa tan necesaria de achegar as pezas que completen o quebracabezas da represión nesa zona da provincia pontevedresa. Podería ter adoptado o autor a opción de ofrecer unha síntese xeral do sucedido e exemplificala con casos sobre os distintos aspectos da represión na zona; sería unha opción perfectamente válida: pasar do xeneral ao concreto. Pero Méixome, historiador experimentado, elixe outra opción: mediante unha serie de casos (catas) documentados minuciosamente, proporciona unha extensa información que nos achega o contexto e os datos que permitan ao lector ou lectora construír a súa interpretación sobre o sucedido.

A mecánica do terror empregado na eliminación de diferentes grupos aparece perfectamente documentada nos distintos capítulos; non só nos achega a traxectoria sindical ou política das vítimas senón a dos verdugos, que aparecen con cargos, nomes e apelidos. Analízase a lóxica do terror que espallou a morte polas beirarrúas de Tomiño, Mos e outros lugares nun sistemático plan de eliminación de desafectos.

“Os cinco de Porriño”, grupo formado polos irmáns Antonio e Eleazar Francés, José Groba Domínguez, José Groba Rodríguez e o portugués José Rocha paseados en Tebra; “os cinco tranviarios”, asasinados tamén en Tomiño, “os cinco de Teis”, fusilados en Amorín, a aproximación biográfica a Francisco Rodríguez “Paquiño de Figueiró”, asasinado en Mondariz xunto con outros compañeiros, a eliminación dos mestres Hipólito Gallego, de Forcadela, José Cortés, de Goián, serve para achegarnos a problemática do ensino na zona e as loitas entre os sectores reaccionarios e o maxisterio progresista, sempre cos sectores clericais movendo os fíos da persecución.

Un capítulo a salientar é o adicado ao campo de concentración de Oia acompañado dunha extensa relación de prisioneiros que alí estiveron internados.

Non están ausentes os represores pois un capítulo trata da composición e actuacións da Falanxe da Ramallosa, froito dunha minuciosa investigación a partir dos fondos que sobre esta organización conserva o arquivo municipal de Nigrán.

Xa no campo da reflexión historiográfica, Méixome achégase a un tema que xa ten tratado noutras ocasións: a relación entre historia e memoria. Nunhas consideracións sobre “a emerxencia da memoria, entre historia e mito” proporciónanos unhas atinadas observacións moi necesarias nuns tempos no que estas “medio irmás”, en palabras de Judt que fai súas Carlos, se confunden acotío. Magnífica e didáctica a análise de Méixome da que moitos nos consideramos debedores e que utilizamos en moitas ocasións.

Como na outra publicación comentada, os apéndices documentais son numerosos e interesantes.

En resume, dous libros imprescindibles para calquera persoa interesada na nosa historia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario