miércoles, 29 de diciembre de 2010

Familias represaliadas: Os Gama (1)



Na Pontevedra dos anos do medo atopamos familias que padeceron unha especial xenreira por parte dos sublevados; é o caso da familia Poza ou a dos Adrio, ambas con fusilados e presos entre os seus membros. José Adrio Barreiro, 26 anos, avogado, ex-gobernador civil de Ourense e ex-presidente da Deputación Provincial pontevedresa; Germán Adrio Mañá, 48 anos, mestre, propietario e director da Academia X e concelleiro socialista; Luis Poza Pastrana, 27 anos, xinecólogo, secretario do Partido Galeguista en Pontevedra; fusilados na Caeira o 12 de novembro do 36; todos eles, así como outros familiares tamén represaliados, eran persoas que ocupaban cargos políticos destacados e que tiñan unha posición social relevante.
Precisamente o ser persoas prestixiosas na súa profesión e apreciadas pola maioría dos pontevedreses, explica o maior coñecemento que se ten sobre a súa persecución e tamén o maior -aínda que insuficiente- recoñecemento público a través de publicacións, homenaxes e adicación de rúas.
Fai uns días, nunha entrevista, o historiador Dionisio Pereira recordábanos que a represión tiña unha compoñente fundamental de represión de clase e que a maioría das vítimas pertencían á clase obreira; sempre pensei que deberíamos facer un sobreesforzo na divulgación da figura destas vítimas pertencentes ao mundo obreiro, campesiño, mariñeiro... aos que se lles adica menos espazo ou son ignorados nalgunhas publicacións e semellan esquecidos nos recoñecementos.
Unha das familias que máis sufriu persecución nos seus membros, foi a dos Gama. A familia Gama vivía na parroquia de Lérez, na rúa J. Bautista Andrade.
Lérez foi unha parroquia cunha vida asociativa moi importante xa dende finais do século XIX, nela fundouse a primeira sociedade de agricultores de Galicia, foi pioneira nas loitas agrarias ata a chegada do franquismo e, no postfranquismo, seguiu protagonizando soados conflitos en defensa dos seus intereses . Lerezáns foron moitos dos dirixentes agrarios máis importantes: Valentín Peña, (máis información neste PDF) Ramón Abilleira, Víctor Moldes, Juan Magdalena, Manolo Gama...
Neste ambiente societario participan os irmáns Gama Casalderrey como fundadores de sociedades de tipo recreativo (Juventud Lerezana), cooperativo como a Caja Rural de Lérez e outras.
O golpe militar traería desgrazas para a familia: a morte de Faustino, o encarceramento de Alejandro e Manolo; outros irmáns como José ou Custodia tamén teñen que sufrir a represión con detencións, presión policial, etc; a todo isto debemos sumarlle a incautación de bens...
Alejandro Gama e Manuel Calvo Lores, tamén veciño de Lérez, foran detidos en varias ocasións con motivo de incidentes de carácter laboral, por exemplo en febreiro de 1933, con motivo da rotura dos cristais dos almacéns Olmedo.
Tanto Faustino como Alejandro eran militantes do Partido Comunista e directivos da Federación Cultural Deportiva Obrera de España (FCDOE) en Pontevedra; esta organización, controlada polo Partido Comunista, tiña a misión de influír ideoloxicamente na xuventude, dando ao deporte unha dimensión de clase. Foi importante o papel desenvolvido por esta na participación na Olimpíada Popular de Barcelona, á que asistiron deportistas pontevedreses.
No mitin do primeiro de maio de 1934, no cine Coliseum, participaron como oradores Alejandro Gama, en representación do Socorro Rojo e Manolo Calvo pola Federación Obrera. Os dous citados e Faustino tomaron parte activamente nas milicias formadas no goberno civil e no concello, ante o inminente levantamento militar.
Diversas declaracións en causas militares, sinálanos como compoñentes da chamada “tcheka” do goberno civil, que era o nome atribuído polos sublevados ás milicias que pretendían defender a legalidade republicana.
Un informe da Comisaría sobre Manuel Calvo, o 22 de marzo de 1937, afirma:
Este individuo es significado comunista, contando con gran ascendiente dentro de las milicias marxistas de las que fué el organizador. Era presidente del Gremio de Dependientes de Comercio, siendo el inspirador de cuantas huelgas y conflictos surgieron en este ramo. Asimismo era miembro del Comité Arbitral de la Delegación del Trabajo y patrocinador de las soluciones más absurdas en los conflictos sostenidos con los patronos. Durante los sucesos revolucionarios del pasado mes de Julio trabajó activamente en la recluta de armas y hombres para hostilizar a las fuerzas nacionales, estando entrando y saliendo constantemente en el Gobierno civil.

Faustino tamén tivo unha destacada actividade política; a Delegación de Orden Público emitiu un informe o 25 de xuño de 1938 (case dous anos despois do seu asasinato), nos seguintes termos:
participaba en alto grado de los ideales comunistas a cuya difusión contribuyó eficazmente; gran propulsor del Socorro Rojo y organizador de las Juventudes deportistas que eran sus milicias rojas a la que pertenecía como uno de sus Jefes, actuando activamente en prepararlas para la oposición al Movimiento Nacional habiendo el mismo ejercido resistencia armada.

Logo do golpe militar, Faustino permanece escapado, primeiro polos montes de Lérez e Verducido e despois en diferentes escondites. A presión policial sobre a familia da moza, que vivía en Salcedo, fixo que voltase cara Lérez decidindo presentarse ao médico D. Enrique Ballina e ao cura D. Leandro, para que o acompañasen a entregarse ás autoridades. Segundo os xornais dese día (28 de decembro de 1936), así o fixeron. Ao día seguinte, de xeito sorprendente, aparece a nova do seu fusilamento. No xornal El Progreso do 30-12-36, aparece na portada a seguinte nota:
Después de una detención. Estando ya en máquinas nuestro número anterior, fué pasado por las armas, sin formación de causa, por estar comprendido en uno de los bandos, Faustino Gama Casalderrey, que al sorprenderle la policía -no se había presentado como equivocadamente se nos informó- escondido en el patio de la casa del médico de Lérez Sr López de la Ballina, se le ocupó una pistola. [...] La Policía tenía ya conocimiento del arribo de aquel realizando activas gestiones que dieron el resultado apetecido.

O recurso á tipificación de “fusilado por incurso en los bandos vigentes”, non deixaba de ser unha aparencia de darlle cobertura legal ao que foi un asasinato.
Cando estivo en capela, acompañouno a súa moza que, como xa dixemos, era veciña de Salcedo. Figura inscrito no folio 320 volto, tomo 117 da sección de defuncións do rexistro civil, partida 637 e sen especificar a causa da morte. Porén, no certificado médico de defunción, asinado por Evaristo Vázquez Lescaille, di que
fué ejecutado a las ocho horas del día de hoy con sujección al Bando Declaratorio del Estado de Guerra del 20 de Julio último y falleció a consecuencia de las heridas recibidas en el tórax y cráneo.
Hoxe, 29 de decembro, cúmplense 74 anos do seu fusilamento. (En varias publicacións aparece erroneamente a data do 20 de decembro).


Imaxe: Foto de Faustino Gama Casalderrey.

No hay comentarios: