sábado, 8 de agosto de 2009

Documentos para a historia de Poio (1936-1939)


Fai algúns meses, neste blog, facía votos para a pronta publicación do libro que o compañeiro Andrés Dacosta estaba preparando, sobre a historia de Poio nos anos inmediatamente posteriores ao golpe militar franquista.
Días atrás asistimos a un acto, no Casal de Ferreirós, no que se presentou dito libro, co título de : Documentos para a Historia de Poio (1936-1942), editado por Alén Miño Edicións.
As persoas que traballamos na investigación deste período, sabemos das dificultades de todo tipo que se nos presentan e do perigo de incorrer en erros, por desgracia presentes nalgunhas publicacións, como a frivolidade interpretativa, o seguidismo acrítico- cando non copia descarada- doutros autores, as posturas maniqueas e partidistas, etc.
Lonxe do anterior, Andrés Dacosta opta polo rigor metodolóxico e a utilización axeitada das fontes. Preséntanos un corpus documental sobre Poio e as súas xentes neste período de sete anos, no que a presencia do autor só se nos fai visible para contextualizar ou precisar cada un dos documentos. Non é, polo tanto, un relato divulgativo da época – animo ao autor a facelo – senón un conxunto documental que servirá para suscitar variadas liñas de investigación: a mecánica da represión, a moralidade, os informes de conduta, a Guardia Cívica, o papel da muller...
Para os que compartimos liñas de traballo con Andrés, foi un día de ledicia a publicación deste libro que ven a cubrir unha lagoa na investigación nesta comarca.

No hay comentarios: