martes, 23 de julio de 2024

Masonería en Marín. O Triángulo Solón nº 8.

 


O triángulo Solón nº 8 de Marín constitúese a finais de 1929 e os seus primeiros membros proceden da loxa Helenes nº 7 de Pontevedra. O día 1 de febreiro do ano seguinte, para constituílo, reciben prancha de quite na loxa citada os masóns José Antonio Paz Martínez “Marconi”, grao 3 (mestre masón) e que adoptaría un novo nome simbólico, “Licurgo”, José Bermejo Sánchez “Zozaya”, grao 2 (compañeiro masón), Roberto Cob de la Guardia “Raúl”, Pedro Escarabajal Peralta “Asdrúbal” e “Tolstoy” e Salvador Mas Sastre “Lanuza”, os tres últimos eran grao 1 (aprendiz masón).

A razón da fundación (levantamento de columnas na linguaxe masónica) deste triángulo está relacionada coa aprobación, na Asamblea Nacional Simbólica celebrada en Cartaxena a principios de 1930, da constitución dunha Loxa Naval, integrada exclusivamente por membros da Mariña, militar ou civil. Créase así a loxa Atlántida, dependente da Gran Logia Regional del Suroeste de España, pero os talleres podían establecerse nos distintos portos. Un dos triángulos constituídos foi o Solón nº8 de Marín, lugar de moito interese debido á existencia do Polígono de tiro naval Janer e a base naval e “ser al mismo tiempo uno de los lugares de Galicia más propicios a todas las propagandas anticatólicas” (causa 155/37). Como veremos, non todos os afiliados foron mariños; a razón de non poder constituírse como loxa era o feito de que se necesitaban sete membros como mínimo e tres deles tiñan que ter o grao tres. Os triángulos só precisaban un mínimo de tres membros e un mestre masón.

Nun principio tiña seis afiliados e no ano 1931 ou 1932 “abate columnas” ou sexa péchase, algúns dos seus membros intégranse na loxa orixinal, a Helenes, e outros deixan a masonería.

Ademais dos citados, integraron o triángulo ao longo do seu curto tempo de vida, Valentín Pazos Fernández “Marcelino Domingo”, Gonzalo Martín March “Igualdad”, Ángel Ramonde Gregorio “Sherman”, Enrique Sanmartín García “Ferrer”, Manuel Rivero Fuentes “Caronte”, Enrique Vidal Espiñeira “Esculapio” e Eduardo Sánchez Rodríguez.

Ramonde e Vidal reciben “prancha de quite” por traslado en marzo de 1931 ao igual que Sanmartín e Escarabajal.

Tras o golpe lévanse a cabo unha serie de actuacións contra membros, reais ou presuntos, da masonería marinense. O 1 de xuño de 1937, o xuíz Colmeiro, encargado da persecución da masonería a nivel Galicia, ordena a detención e ingreso en prisión no cárcere de Pontevedra do armador Luis Pérez Quevedo, de Agustín Rey Fonseca e Antonio Muíños Búa. O 7 dese mes quedan en liberdade xa que “han cesado las causas que han motivado su detención”. Estas detencións obedecen a unha serie de denuncias, probablemente de sectores falanxistas da localidade (grupo de Temes e Bruno Schweiger), que motivaron a remisión, por parte do goberno militar (8-5-37) dunha serie de fichas de posibles sospeitosos.

A Luis Pérez Quevedo acusábano de que se efectuara diante do seu domicilio unha queima de papeis e que nos restos apareceran membretes masónicos polo que “es lógico sospechar que ese señor pertenecía a esa infame secta y por eso se dió tanta prisa por destruir todos los documentos que le podían comprometer”. Valentín Pazos (o único dos acusados que efectivamente era masón) estaba acusado de repartir folletos nuns buques e dependencias da Mariña facendo apoloxía da masonería. A José Esperón declárano sospeitoso por ser cuñado de Pazos e dirixente das Xuventudes Socialistas. A Agustín Rey, Antonio Muíños, Antonio Pazos e José e Eusebio Santiago considéranos sospeitosos por ter amizade con masóns ou por rumores no pobo. Ao panadeiro Eladio Santos Fontenla, aparte do rumor público, afirman que no seu carro de reparto de pan tiña pintado o símbolo masónico da estrela de cinco puntas; ademais era “Socialista, asegurándose que es masón [...] Es individuo de cuidado”. Antonio Landín Graña estaba considerado como “Comunista, asegurándose que es masón [...] Es hombre peligroso”. Ata chegan acusar a Sebastián González, xefe local da Falanxe en Marín, porque consideran que é de carácter débil e estaba influenciado por familiares e amigos pertencentes ao Frente Popular e á Masonería, “de los que recibe constantemente indicaciones en el sentido de sus conveniencias particulares y nunca en bien de las cosas justas y de la Patria”.

Algún dos masóns do triángulo Solón, como foi o caso de Salvador Mas Sastre, afiliouse a Falanxe e participa activamente coas súas milicias noutra localidade; tamén o acusan de delator de antigos compañeiros, posiblemente isto lle vale para que a condena a 12 anos de cárcere por masonería quede reducida a un confinamento domiciliario de 3 anos e un día.