sábado, 5 de julio de 2008

Familias represaliadas: Os Zbarsky (2)



A primeira persoa fusilada en Pontevedra, logo de ser xulgada en Consello de Guerra, foi o fillo de D. Abraham, o tamén dentista Jacobo Zbarsky Kuper. Nacido en Lotz no ano 1914, nacionalizado español, a súa militancia política era a socialista.


Con motivo do golpe militar, presentárase no goberno civil vestido co seu uniforme de brigada de complemento de artillería, sendo nomeado polo gobernador Gonzalo Acosta, xefe das milicias populares encargadas da resistencia contra os golpistas. Logo da rendición aos militares sublevados, Jacobo Zbarsky abandona o goberno civil e é detido pola policía na madrugada do día 21 de xullo.


O consello de guerra comeza ás 11 e media da mañá do sete de agosto de 1936, no salón de actos da Deputación e con asistencia de moito público. Preside o tribunal o coronel de artillería Mario Sánchez Sánchez, o militar dubitativo nas horas do golpe e que será expulsado do exército por desafecto a comenzos do ano 1939. De relator actúa o capitán Villavicencio, do corpo xurídico, de fiscal o tristemente coñecido Ramón Rivero de Aguilar, fiscal mobilizado da Audiencia de A Coruña e como defensor, o capitán Manuel López de Roda y Arquer, de infantería, defensor tamén noutras causas máis coñecidas, profesor na academia Kosmos (dirixida polo que sería gobernador de Ourense e fusilado Gonzalo Martín March) e que morrería na fronte.


A acusación é a de tomar parte activa na formación de milicias opoñéndose á declaración do estado de guerra, actuar como xefe das forzas resistentes, ameazar cunha pistola ao gobernador se se rendía, facer disparos de pistola a un hidroavión da base Janer que voaba pola cidade... Varias testemuñas ( policías e porteiro do goberno civil) corroboran as mesmas e outras (procesados tamén) o exculpan.


Rivero de Aguilar no seu informe fala

elocuentemente de la política del llamado Frente Popular que conducida al comunismo violaba la Constitución, y convertía la libertad en crímenes, violaciones, asaltos y toda suerte de delitos. [...] El procesado ha sido uno de los principales dirigentes de los elementos marxistas, mancillando el uniforme que vestía, traicionando a España que le abriera los brazos como a un hijo, y que por todo ello pide en nombre de la Justicia la pena de muerte.
(Diario de Pontevedra, 7-8-36).


A estratexia do defensor, moi habitual en López de Roda, centrouse en destacar a pouca idade do acusado (22 anos) que o facía vítima fácil das doutrinas revolucionarias, que as actuacións e a militancia eran anteriores á declaración do estado de guerra e acordes coa legalidade republicana, etc. No peor dos casos, non o considera merecedor da pena de morte senón de prisión maior. É curiosa a argumentación do fiscal sobre o momento da declaración de guerra e que anula de raíz calquera tipo de formalidade xurídica: declara que MORALMENTE o estado de guerra implantouse en toda España o 17 de xullo, esquecendo a necesidade da publicación do bando en cada poboación.


O tribunal dita condena a morte. Jacobo Zbarsky escribe unha conmovedora carta aos seus que non me resisto a transcribir:

Pontevedra, 9 de agosto de 1936.

Queridos míos: Querida madre, perdóname este último gran disgusto que te doy. Dentro de 3 horas moriré, tú bien sabes cuanto te quiero, sin embargo no he querido ver a ninguno de vosotros por última vez, porque si así lo hiciera no tendría el valor de afrontar mi suerte.

Mis últimos pensamientos serán en todos vosotros, sobre todo en ti, madre mía.

Estoy tranquilo, creo que esta tranquilidad me acompañará hasta el último momento.

Piensa, madre mía, que si pierdes un hijo, por ningún ideal más justo. Yo puedo sacrificar mi vida, te queda otro hijo y mucha más familia que harán todo lo posible por consolarte.

Os beso y abrazo a todos queridos, sobre todo a ti, madre.

Tu hijo, que siempre te ha querido y te querrá mientras viva.

(Caeiro, Antonio e outros. Aillados. Vigo: Ir Indo.1995)


Ás cinco da mañá do dez de agosto, no polígono de tiro de artillería, en Campolongo, execútase a sentenza. Jacobo Zbarsky rexeita o ofrecemento de auxilios espirituais e estivo acompañado ata o último momento polo seu defensor, capitán López de Roda e polo xuíz instrutor da causa.

A fotografía foi elaborada a partires da publicada en: Álvarez Vidal, J.M. "El colectivo ruso en la historia del Colegio." Punto de encuentro. Revista Oficial del Colegio de Odontólogos y Estomatólogos de la XI Región. Nº 3. Xaneiro, 1997.


4 comentarios:

Anónimo dijo...

Esterrecedor: "Querida madre, perdona este último gran disgusto que te doy"!

ESTEBAN M.O. dijo...

A verdade que un disgusto moi grande para unha nai que tres horas antes lle che chege unha carta decindo o teu fillo que vai morrer por unhas ideas distintas. Por eso temonos que dar conta do que pasou e non decir o pasado pasado esta como dicen alguns ai cousas moi recentes que se deben aclarar non intentalas escurecer como fan alguns ainda.

Xoán Salgado dijo...

Veño de enterarme por AGAI destas tremendas historias e seguindo o fío coñecín o seu blog. Noraboa polo blog. Shalom

David Simón dijo...

Algunos datos y enlaces para ampliar más la historia de los Zbarsky están en : http://diariodeunmedicodeguardia.blogspot.com/2009/09/sobre-galenos-judios-en-ourense.html