viernes, 17 de abril de 2009

Constantino Gómez Rodríguez, mestre .

Sobre o papel xogado polos mestres na II República e tamén sobre a represión que un elevado número dos mesmos sufriron logo do golpe militar, trataron en diversas publicacións os compañeiros Anxo Porto, Antón Costa e Xosé Manuel Cid, entre outros. En Pontevedra capital, foron varios os que pagaron coa súa vida o seu compromiso coas ideas de progreso e liberdade: Manuel Iglesias, Xermán Adrio, Benigno Rey, José Meis, Paulo Novás, Eduardo Muíños, José Cortés... e tamén Constantino Gómez, do que falarei hoxe, cando se cumpren 72 anos do seu pasamento.

Constantino nacera en Pontevedra no ano 1911, mestre nacional con destino en Setecoros (Valga) e veciño de Pontevedra.

O seu procesamento na causa 115/37 está directamente ligado á actividade do suposto grupo, cualificado polos sublevados como “Tcheka” do goberno civil de Pontevedra e polo intento de asasinato do gobernador Gonzalo Acosta.

Sobre estes feitos, o xulgado de instrución abre a causa 245/36, que se aporta á causa militar. Na mesma, consta que fora presentado na comisaría polo axente Cienfuegos, manifestando que, segundo testemuños que

de momento no están determinados y concretos, andubo (sic), antes de la declaración del estado de guerra, haciendo registros domiciliarios y recogiendo armas en unión de algunos otros, intentó asesinar al gobernador y encañonó así mismo a los Guardias y Agentes que allí se encontraban (AIMN. Ferrol)

Este é o núcleo da acusación que, en diversas declaracións, será completada con outros matices: compoñente dun grupo de “destacados Jefes sindicales y de las milicias rojas” do que era xefe Jacobo Zbarsky ou, como aporta o informe da comisaría (13-1-37):

Individuo afiliado a la Juventud Socialista y de los sistemáticos provocadores contra las personas de ideología derechista o que eran conocidas por sus creencias religiosas; fanático marxista que se distinguió por su actuación en los sucesos de julio último manifestándose activamente y con armas en el Gobierno Civil [...] Individuo de extremismo peligroso; maestro afiliado a Trabajadores de la enseñanza, de significación marxista.

As probas testificais coinciden na existencia dun grupo de persoas armadas no goberno civil e no malestar que produciu a decisión, tomada polo gobernador, de resignar o mando nos militares; tamén parece fora de toda dúbida o feito das ameazas e mesmo algún disparo contra Acosta. A declaración de Amancio Caamaño, presente no lugar ao lado de Acosta, e do mesmo gobernador que afirma o insultaron gravemente chamándolle traidor e que oíu dous disparos, coincide en liñas xerais coas das testemuñas da acusación. No que disenten é en atribuír a autoría ao acusado ou ao seu compañeiro Gonzalo Guillán.

Na causa actúa como defensor o tenente de artillería Jaime Aranda Totsans. O fiscal acusa a Gómez de formar parte da “Tcheka” do goberno civil cualificando o feito como un delito de rebelión militar.

Constantino Gómez manifesta ante o presidente do tribunal, que ten dous irmáns na fronte loitando a favor do exército, un deles foi ferido, e que son o orgullo da súa anciana nai para a cal pide clemencia ao consello xa que a súa condena a afectará directamente.

O resultando da sentencia referido a este acusado conclúe:

Que Constantino Gómez Rodríguez, Maestro Nacional, de filiación socialista y propagandista de estas ideas se le ve en el Gobierno Civil en los primeros días del Movimiento Militar repartiendo armas, lanzándose a la calle al frente de grupos de paisanos armados, quienes practican por la violencia registros en varios domicilios y al enterarse de que el ex-gobernador civil de esta provincia trataba de rendir el mando, amenaza a aquella Autoridad intentando asesinarlo.

O 17 de abril do 37 foi fusilado en Monte Porreiro, recibindo tres feridas de arma de fuego en la región precordial determinante de hemorragia interna.

Na práctica totalidade das publicacións que recollen a súa morte aparece, inexplicablemente, como “paseado” cando, en realidade, foi executado por sentencia de consello de guerra xunto a varios compañeiros. Foi enterrado no cemiterio de San Amaro, fosa nº 29, zona 2ª e fila 1ª.

No hay comentarios: