lunes, 14 de febrero de 2011

Familias represaliadas: os Gama (e 3)



A biografía de Manuel Gama Casalderrey, excede con moito o espazo que podemos adicarlle neste blogue. A pesares do seu papel político relevante e o protagonismo que tivo no mundo asociativo, sobre todo no relacionado coas organizacións agrarias, non hai nada escrito sobre a súa figura, agás o magnífico artigo de Xosé Henrique Acuña, publicado no número cinco da revista CEDOFEITA e que trata da concepción marxista do seu pensamento político.
Manolo Gama nace en Lérez o vintecatro de xullo de 1896 e falece no Grove o 11 de maio de 1950. Dende moi novo aparece ligado á sociedade de agricultores de Lérez, pioneira en Galicia neste tipo de organizacións, tamén aparece como un dos fundadores de Juventud Lerezana, entidade de carácter cultural e recreativo; destacou como impulsor e “alma mater” da Caja Rural de Lérez.
Esta última entidade non só foi a depositaria doa aforros dos agricultores da bisbarra e da federación obreira pontevedresa, senón que actuou tamén como cooperativa chegando a editar unha revista de técnica e economía agrícola co título de Vida Agraria. Dificultades económicas ligadas á crise dos anos trinta, a hipoteca contraida para levantar o magnífico edificio que lle servía de sede e o levantamento militar, deron ao traste coa iniciativa e coas súas propiedades.
Participou como impulsor, organizador e poñente en diversos congresos agrarios do momento, sendo un dos líderes máis significados da Federación Comarcal Agraria; dentro da loita polo control do movemento agrario pontevedrés, Gama non escapa ás críticas de socialistas, republicanos e comunistas, críticas as do PCE pola defensa dos campesiños propietarios e polo papel fundamental que Gama outorgaba ao cooperativismo.
Manolo Gama negou a súa pertenza ao Partido Comunista aínda que formou parte da candidatura comunista nas eleccións xerais de 1933 e resultou elixido concelleiro na candidatura obreiro-agraria, controlada polos comunistas. Non hai dúbida dos seus plantexamentos marxistas e sempre foi considerado comunista, independentemente da súa militancia formal no PCE.
Colaborou nos xornais Nueva Aurora, El Pueblo Gallego, Revolución, Vida Agraria e outras publicacións agrarias e de esquerdas. En diversas conferencias e artigos destacou como experto en economía e cooperativismo.
Ofrecemos tres pinceladas da súa actuación no ámbito político, como concelleiro e tenente de alcalde no concello de Pontevedra:
O 15 de agosto de 1932, xunto con concelleiros da candidatura obreiro-agraria (García Filgueira, Orozco, Gallego, Sanmartín e Loureiro), presenta unha proposta na que considera culpable ao goberno dos “últimos sucesos monárquicos acaecidos” [ golpe de Sanjurjo] pola complacencia coas forzas dereitistas reaccionarias
en contraste con la dura represión de que hacen objeto a las fuerzas de avance del proletariado al que se ametralla, encarcela y deporta
e piden que se cumpla de inmediato o programa republicano entregando aos campesiños as terras dos grandes terratenentes, conventos e igrexas e que se eliminen do exército a xefes e oficiais monárquicos, permitindo a libre asociación dos soldados coa facultade de elixir eles mesmos aos seus xefes. (Acta sesión supletoria 15-8-32).
A súa postura no debate sobre o estatuto galego, deixaría atrás a plantexamentos que hoxe se consideran moi avanzados
...dice que le parece poco el proyecto de estatuto que se ha confeccionado, que debe reclamarse para Galicia más que la autonomía integral, el reconocimiento de la nacionalidad gallega con independencia absoluta pues tiene los caracteres de una verdadera nacionalidad, entonces podría irse a la confederación de nacionalidades peninsulares junto a aquellas otras regiones que se constituyan en nacionalidades, llegando así a la unión internacional. (10-12-32)

Cando o 15 de abril de 1936 varios concelleiros propoñen a colocación, no salón de plenos, dos retratos de Marx, Lenin e Pablo Iglesias, Manolo Gama amplía verbalmente a proposta aclarando que non tiña carácter demagóxico, senón que trataba de trazar unha traxectoria á república democrático-burguesa que, como forma transitoria que era, unha vez cumprida a súa misión, debería dar paso a unha forma superior que debe ser a que postulaban Marx, Lenin e Iglesias. Polo tanto, a colocación dos retratos
no tiene otro significado que el de indicar que la república democrático-burguesa debe desembocar en el Socialismo y nunca en el fascismo.
Triunfante o golpe militar de xullo do 36, Manolo Gama foi detido, ingresando en prisión o 26 de dito mes, é posto en liberdade o 18 de xaneiro de 1938. Sofre un arresto de tres meses polo impago dunha multa de 3000 pesetas que se lle impuxo o 21 de outubro do 37. Volve a ser detido o 9 de marzo do 38 non sendo alleas ao feito as denuncias que se presentan contra el.
No escrito do gobernador militar dirixido ao auditor de guerra, que acompaña ao atestado da Garda Civil, consta:
el individuo llamado Manuel Gama Casalderrey, como presunto culpable de activa propaganda comunista antes y hasta la iniciación del Glorioso Movimiento Nacional, y del envenenamiento político-social de las masas. (Causa 317/38. AIRMN).

Varios coñecidos lerezáns, algúns antigos compañeiros seus, desexosos de subirse ao carro dos vencedores ou querendo lavar o seu pasado, préstanse a acusalo de instigador do comunismo en Lérez e de desfalco na Caja Rural:
...fué el principal inculcador en las masas obreras de Lérez, al menos, del ideal extremista, que sin poderlo definir el deponente, si las doctrinas no eran comunistas, quizá fuesen más abanzadas (sic).

Outra testemuña, afonda nas acusacións:
...el único y verdadero responsable de la semilla marxista que invadió el ánimo o lo predispuso, de los labradores, ha sido el citado Gama, a sabiendas de que producía un daño enorme en la educación espiritual que iba contra la civilización occidental; extrañándole enormemente que esté en libertad y sin haber sido sancionado; pues sigue gozando ante los obreros de axcendiente (sic) marcado...

Non faltaron homes e mulleres que, naqueles momentos en que moitos calaban pois a vida estaba en xogo, testemuñaron ao seu favor, entre eles un home, José Filgueira Solla, que acode como testemuña ao consello de guerra e defende apaixonadamente a Gama:
Que como dejé manifestado, Manuel Gama no hizo nunca labor de propaganda política dentro de la sociedad, en la que unicamente hablaba de cooperativismo y de asuntos relacionados con el funcionamiento de la sociedad que era su obsesión...

O instrutor da causa, capitán de artillería Marcial Cadilla, considera que pola súa actuación antes de xullo e a súa presencia no Grove para reclutar forzas que acudiran ao goberno civil no momento do golpe (actuación negada por Gama que atribúe esta acción ao seu irmán Faustino, facía meses pasado polas armas), é constitutiva do delito de rebelión militar. O fiscal Rivero de Aguilar considera especial agravante de perversidade do delincuente pola súa significada actuación e pola trascendencia que tiveron os sucesos revolucionarios, e pide a pena de reclusión perpetua a morte.
O consello de guerra celébrase o 13 de xullo de 1938, cun tribunal presidido polo tenente coronel de artillería D. Francisco Lorente Armesto, sendo o defensor o tenente D. Jaime Aranda Totsans.
A sentencia declara probado:
Que el procesado MANUEL GAMA CASALDERREY fué Concejal del Ayuntamiento de Pontevedra durante el primer biennio (sic) de la república y desde las últimas elecciones del Frente Popular hasta el comienzo del Glorioso Movimiento Nacional; de ideología comunista, organizador destacado de las masas obreras y propagandista contumaz; aprobó una moción del Ayuntamiento para que fueran puestos en el salón de Sesiones de la casa consistorial los retratos de Marx, Lenin y Pablo Iglesias.
Que una vez comenzada la revolución marchó al Grove y a la Toja con el único y exclusivo objeto de reclutar a la masa campesina, y trasladarla a Pontevedra para que luchasen en contra del Ejército Nacional.

A condena é a morte. Foi conmutada o 2-8-38 a reclusión perpetua e, máis tarde, a 12 anos de prisión maior. Cunha enfermidade crónica (tuberculose ósea), recorre varios cárceres entre eles o hospital penitenciario de Segovia ou a tristemente celebre prisión de Valdenoceda en Burgos. Pasa a prisión atenuada en 1943 residindo no Grove ata a súa morte.

No hay comentarios: