lunes, 11 de marzo de 2013

Genaro Estévez Posada


Algunhas fontes orais contáronme que un carteiro lle abrira algunhas cartas de compañeiros e entregárallas aos falanxistas, que delas se desprendía unha hipotética homosexualidade e esa fora a motivación do seu “paseo”. Nunha lectura detida da correspondencia incautada non atopamos ningún indicio do apuntado por ditas fontes e si unha forte carga de camaradería e militancia revolucionaria compartida; tampouco foi asasinado mediante o método do “paseo” senón por fusilamento logo dun consello de guerra.
O día un de agosto de 1936 un grupo de “cívicos” e gardas civís mandados polo capitán Lledós rexistra a casa de Gumersindo Estévez, coñecido dirixente agrario de Salcedo. Entre outros documentos atopan correspondencia particular, selos de cotización e carnets de organizacións revolucionarias e que pertencían ao seu fillo Genaro que estaba fuxido.
Genaro presentouse no cuartel da Guardia Civil ao saber do rexistro “ y en virtud de la invitación que se le hizo a su padre”. Tiña 23 anos, solteiro, carpinteiro de profesión; no interrogatorio 
reconoce que cuando estaba en el servicio y quizá debido a las malas compañías con que se reunía, pensaba de la forma que demuestran sus cartas.
 Declara pertencer a unha célula comunista de Salcedo e estar asociado á Sociedade Cultural Deportiva á que pagaba unha cota de 25 céntimos mensuais. Nega que baixara a Pontevedra o día 20 formando parte dun grupo de persoas armadas.
Un coñecido militante fascista de Salcedo declara que é 
un individuo peligroso por ideas extremistas, ejerce el cargo de organizador y secretario de las células comunistas de Salcedo y lo ha visto el día 20 del pasado julio desde las ventanas de la cárcel, portando una escopeta, con la cual al parecer trataba de hacer frente a la fuerza pública.
O informe emitido polo concello afirmaba a súa boa conduta, a pertenza á Juventud Cultural de Salcedo e ignoraba antecedentes políticos.
O xuíz instrutor, capitán Leonardo Enríquez, considérao como integrante dos grupos armados que baixaron a Pontevedra “sin demostrar que hiciera frente a la fuerza”e eleva consulta á superioridade sen efectuar auto de procesamento. A resposta da autoridade militar conclúe que incorreu nun delito de rebelión militar: 
 La confirmación de los indicios de culpa apreciados depende de que se demuestre o no en autos que obraron por su propio impulso como cabecillas, propagandistas o dirigentes o por el contrario como seducidos entre tantos pobres obreros españoles.
Dítase auto de procesamento o 7 de setembro. Un dos resultandos deste auto pode ser un perfecto exemplo dos fundamentos nos que se baseaba a chamada “xustiza ao revés”: 
RESULTANDO: que el 20 de julio último, los elementos extremistas de esta Capital y de otros pueblos de la provincia, en relación con sus afines de toda España se levantaron en armas con el propósito de transformar el régimen social y político español, implantando el soviético y a tal fin se reunieron en la Alameda de esta Capital en las proximidades del Cuartel del XV Regimiento de Artillería Ligera numerosos individuos armados con el propósito de impedir que las fuerzas del Ejército salieran de sus cuarteles, declarasen el estado de guerra y malograsen sus criminales y antipatrióticos propósitos.
Tamén se afirmaba no auto que Genaro tiña ideas comunistas, ocupáraselle abundante correspondencia e documentación deste carácter e que fora visto pasando por diante do cárcere armado cunha escopeta.
Diversas testemuñas declaran ao seu favor, entre elas o alcalde de barrio do Birrete e da Esculca, Benito Acuña (detido ao acabar o xuízo e morto por un sospeitoso suicidio no calabozo); tamén presta testemuño un relevante falanxista da parroquia que apunta as ideas extremistas de Genaro pero xúlgao incapaz de cometer o menor acto de violencia e afirma que non sabe que cometera ningún, non sendo máis que “uno de tantos inducidos en la parroquia de Salcedo por los dirigentes extremistas” e que estaba case seguro de que non era secretario nin organizador da célula comunista.
No relato de feitos, o fiscal Hernán Martín Barbadillo, logo de confundir Salcedo con Salceda de Caselas, pide pena de reclusión perpetua a morte. O consello de guerra contra Genaro e Salvador Pastoriza celébrase na tarde do 18 de setembro de 1936, presídeo o tenente coronel Francisco Lorente e actúa como defensor o alférez de artillería Félix de la Cuesta que pide a absolución.
A sentencia é de pena de morte; afírmase que foi organizador dunha célula comunista e que estaba en comunicación directa con elementos comunistas de Tui, Ferrol e Asturias e mantiña correspondencia con eles para organizar a revolución e que estas actividades tamén as levaba a cabo cando cumpría o servizo militar na armada, pois nunha das cartas “vierte toda clase de conceptos injuriosos contra sus oficiales y Jefes.”
Genaro Estévez Posada foi executado ás seis da mañá do 22 de setembro de 1936 no quilómetro un da carreteira de Campañó (A Caeira) e enterrado no cadro 4, sepultura 888, do cemiterio de san Amaro.

No hay comentarios: