Eran tempos de fame
e racionamento; na década dos corenta, o estraperlo a pequena escala
foi o medio de subsistencia de moitas familias e, nesta actividade,
foron as mulleres as máis activas. Había un circuíto de mercancías
intervidas entre a zona de costa e o interior da provincia
pontevedresa no que traían fariña, queixo e outros produtos do
campo e levaban café, azucre, arroz etc, sempre burlando o control
da Guardia Civil e dos axentes da fiscalía de taxas. Era habitual a
utilización dos ómnibus que facían transporte de mercancías e
persoas a feiras e festas dos pobos do interior; neles compartían
viaxe feirantes e contrabandistas con carteiristas e moinantes. Un
caso moi interesante e que serve de exemplo desta actividade e das
circunstancias das mulleres que a ela se adicaban é o que relatamos
a continuación.
Con motivo da feira
na Estrada, ás oito da mañá do sete de xuño de 1948, a Guardia
Civil montou un control no quilómetro 115 da carreteira a Santiago;
tiñan confidencias de que varios contrabandistas levarían
mercancías intervidas nos autobuses con destino a aquela. Deteñen
dous ómnibus, un que tiña por propietario ao veciño de Xeve José
Sanmartín no que atoparon: 18 kg de café, 54 de azucre, 35 de
garavanzos, 6 de arroz, 2,4 de chocolate e 2 de sopa. No autobús de
Manuel Palmeiro, de Vilaboa, 15 kg de café, 55 de azucre, 25 de
garavanzos, 6 de sopa e 4 de xabón. Ningún dos pasaxeiros se
presentou como propietario agás Isaura Pazos, que recoñeceu ser a
dona dunha cesta con 6 kg de arroz, 4 de azucre, 1 de garavanzos e
unha libra de chocolate.
Cando os gardas
incautan a mercancía, Isaura, Rosalía Goris e as irmás Carme e
Matilde Casalderrey baixaron do ómnibus
insultando a la fuerza y tratando de agredirla, para lo que arrojaban sobre la misma los bultos de mercancía que había sido intervenida y piedras, excitaban al resto de los viajeros que se unieran a ellas en su propósito de agredirles e impedir el que se llevase a cabo la intervención de la mercancía.
Parece ser que chamaran atracadores e ladróns aos
gardas. Segundo a forza pública, os donos e o resto dos viaxeiros
comportáronse ben e en todo momento estiveron de parte dos gardas.
O suceso podería
ser un máis dos centos de incautacións de mercancías dos que dan
conta os listados de sancións da época, pero a identidade das
mulleres que se resisten á actuación policial préstalle singular
relevancia ao caso. Rosalía Goris Cousido, 38 anos, casada, natural
de Baión e residente en Pontevedra, era unha habitual do
contrabando; en data tan tardía como no ano 1965 sería multada polo
tribunal de Contrabando de Pontevedra por un importe de 1134 pesetas
e o comiso dos xéneros intervidos. (BOE 5-4-1965). Recoñece que
tirou os garavanzos á carreteira. Isaura Pazos Campos, 31 anos,
viúva, natural de A Estrada e residente en Pontevedra, aduce que a
mercancía era para súa nai, que residía naquela vila, e nega as
agresións e insultos, pois só se limitara a forcexar co garda que
lle quería retirar a cesta. Apunta o xesto solidario de moitas
traballadoras do campo que dicían aos gardas que lles deixaran a
mercancía ás mulleres. As irmás Casalderrey Dios, Carmen, 39 anos,
viúva, e Matilde, 49 anos, casada, as dúas residentes en Lérez,
declaran que non levaban mercancías xa que ían compralas á feira e
que, vendo que Rosalía se desmaiaba, dixéranlles aos gardas “que
había que tener más corazón, que todos eran de carne humana y que
no había derecho.”
As catro son
procesadas por un delito de insulto a forza armada; o consello de
guerra celebrouse o 7 de decembro de 1948 e foron condenadas a seis
meses e un día de prisión. Pero a esta condena había que sumarlle
a sanción da delegación de Facenda. Carmen e Matilde, nun escrito
no que solicitan a liberdade provisional para atender os coidados da
casa e as necesidades familiares, fan constar que a cada unha lles
impuxeran a multa de 1260 pesetas que estaban pagando en pequenos
prazos por carecer de medios económicos. Preocupadas polos fillos
menores de idade, escriben:
Si ambas fuésemos encarceladas, estas tres criaturas, en edad tan crítica y de salud tan delicada, quedarían en el más completo abandono y miseria.
De nada lles
valería a súa carta, o 17 de xaneiro de 1949 reingresan no cárcere,
na que estarían ata o 18 de xuño, data na que son postas en
liberdade.
Carme Casalderrey
Dios era a viúva de Albino Sánchez Leiro “ O Perrita” fusilado
o 17 de abril de 1937. Isaura Pazos fóra a muller do membro da
resistencia antifascista Higinio Carracedo Ruzo, morto o 28 de
novembro de 1938 nunha acción na que foi abatido por gardas civís e
falanxistas; na autopsia do guerrilleiro consta como causa da morte a
de “inhibición cerebral”; Isaura fora condenada por un delito de
auxilio á rebelión, acusada de esconder e axudar a Higinio. En
consello de guerra celebrado o 9 de marzo de 1939 impuxéronlle a
condena de 12 anos e un día de reclusión temporal que foi conmutada
a dous anos. Queda para outra entrada escribir máis polo miúdo da
vida das persoas protagonistas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario