jueves, 20 de diciembre de 2018

O nome de José Antonio.


O 20 de novembro de 1941, os edificios oficiais de Pontevedra apareceron con colgaduras de loito e bandeiras a media hasta; as campás de todas as igrexas tocaban a morto e, a partir das once da mañá, pechou o comercio e a industria para que a poboación puidese asistir ao “solemnísimo” funeral, a celebrar na basílica de santa María, organizado pola xefatura provincial do Movimiento. Na nave central da igrexa destacaba un túmulo coas bandeiras e facían garda escuadras de falanxistas.
Como era de costume, no xornal, incautado a Portela Valladares e agora de obediencia falanxista, El Pueblo Gallego destacados escritores do réxime ocupaban a portada cos seus artigos: Juan Aparicio escribía sobre “La renovación de la muerte en Europa”, Raimundo Fernández Cuesta afirmaba que unha das máis fondas preocupacións de José Antonio fora a sorte do proletariado e un escritor local, José María Castroviejo, criticaba a retórica organizada sobre a figura do Ausente, chea de “ frases hueras, tópicos en estremecedora avalancha”, pois José Antonio non podía ser un “pretexto chabacano para que cualquier espontáneo entusiasta vierta estupideces en torno a su limpia figura”. Aproveita para pedir un minuto de silencio na honra do xefe falanxista pero quitándolle á frase “su sentido laico, francés y antiespañol con que los masones de allende el Pirineo, chaqué, bombín e intenciones ocultas” pretendían honrar os seus mortos da gran guerra.
Neste ambiente de inflamado culto ao Ausente, non era sorprendente a noticia de que 
     
El militante de F.E.T. y de las J.O.N.S camarada Bernardo López Durán, ha entregado al jefe provincial del Movimiento, la cantidad de quinientas pesetas, que destina a dos libretas de la Caja Postal de Ahorros de doscientas cincuenta pesetas cada una, para los dos primeros varones que nazcan el día de hoy, 20, y se les bautice con el nombre de José Antonio. 
(El Pueblo Gallego, 20-11-1941.) 

O desexo deste destacado membro da Guardia Cívica pontevedresa, da que foi oficial, foi cumprido e o 29 de xaneiro do ano seguinte, o gobernador civil daba conta de que a cantidade entregada por Bernardito López fora adxudicada a un neno de Lérez e a outro de Meis.

No hay comentarios: