domingo, 28 de mayo de 2023

A presentación do alcalde García Filgueira.

 


Manuel García Filgueira, canteiro, natural de Mourente, era un destacado dirixente agrario e obreiro; dirixente do partido comunista. Debido á súa condición de primeiro tenente de alcalde, exercía o cargo de alcalde pola marcha do titular, Bibiano Fernández Osorio-Tafall, a Madrid para ocupar cargos tras a vitoria da Fronte Popular.

O 20 de xullo de 1936, os militares disparan contra o concello pontevedrés cun canón emprazado diante do cuartel de artillería (actual facultade de Belas Artes) e prodúcese a desbandada entre os concentrados en apoio do réxime republicano.

García Filgueira, a figura máis representativa da esquerda obreira, foi intensamente buscado polas milicias falanxistas e “cívicas”; de ser atopado tiña todas as probabilidades de ser executado ou “paseado”, como aconteceu con moitos correlixionarios. Sobre o refuxio do alcalde circulan varias versións: unha familia da Seca, outra de Salcedo, a casa do zapateiro Torres e ata os conventos dos franciscanos ou o das monxas de santa Clara. Manuel afirmou que estivera agochado no seu domicilio.

Co paso dos anos o risco de condena a morte era menor e os sucesivos indultos rebaixaran significativamente a duración das penas de cárcere; moitos fuxidos presentáronse ás autoridades. García Filgueira esperou trece anos para facelo. O 18 de xullo de 1949 escribe unha carta ao capitán xeral da VIII rexión militar:

Que en Julio de 1936 le sorprendió el Glorioso Movimiento Nacional siendo Alcalde del Ayuntamiento de Pontevedra, y como por el cargo que desempeñaba se me atemorizaba con ser fusilado, he decidido ocultarme abandonando a los que me insistían en que debía de hacer frente a las fuerzas del Ejército, luego por temor de unos y otros ha continuado en dicha situación de oculto, por tener entendido que se me encartó en Causa cuyo número y año desconozco pero que debió de tramitarse en esta Plaza, por lo que es de suponer me halle en situación de rebeldía y deseando hacer mi presentación al nuevo Estado es por lo que a V.E.

SUPLICA tenga a bien que previos los trámites reglamentarios se me apliquen los beneficios del in dulto [...] ya que el recurrente no ha tomado parte en hecho alguno que se pueda calificar de vandálico, no habiéndose presentado antes a V.E. por no haber tenido conocimiento de la gracia concedida por nuestro invicto Caudillo.

Logo da presentación, a autoridade militar recolle declaracións e informes de persoas e institucións que, en xeral, rebaixan ou desculpan a perigosidade das actuacións de Manuel. Non negan a actuación política e sindical destacada do preso pero non acreditan actuacións terroristas nin actos contra o estado durante o tempo que estivera oculto; tamén afirman a súa boa conduta.

Quedaban lonxe os tempos nos que era acusado gravemente de todo tipo de maldades, como facía Víctor Lis o 8 de setembro de 1936:

Este individuo es el propulsor y organizador del Comunismo en Pontevedra y se asegura que recibía subvenciones para su desarrollo [...] que armó a los empleados municipales, organizó desde el ayuntamiento la resistencia a las fuerzas del Ejército, dispuso el asalto al cuartel de la guardia civil, estuvo en contacto contínuo con el Gobernador Civil y mandó que los paisanos de las parroquias de este ayuntamiento vinieran a la Capital armados para atacar el cuartel de Artillería, de la guardia civil y demás fuerzas armadas reclutando para ello todas las células comunistas de Salcedo, Marcón, Mourente, Campañó, Geve, Lérez, Tomeza y otros pueblos.

A súa compañeira, Emma Mourón, estivera procesada no 36 polo intento de secuestrar as mulleres de militares sublevados (absolta) e estivera presa. Cunha idade de 67 anos, procesado en rebeldía en dúas causas militares, condenado en 1940 por responsabilidades políticas a dez anos de desterro, inhabilitación absoluta e unha multa de 250 pesetas, un decreto auditoriado da autoridade militar (18-10-1949) condénao a dous anos de cárcere que lle foron indultados.

Imaxe: Retrato efectuado polo seu fillo Carlos García Mourón.

No hay comentarios: