Dentro das organizacións que existían dentro da Falange, a Guardia de Franco era algo así como a encargada de custodiar e defender as esencias do pensamento falanxista. Creada no ano 1944 (fixo o seu primeiro desfile como tal en Pontevedra, con motivo dunha visita de Franco) sobreviviu ata o ano 1977. Estaba organizada por localidades, comarcas e provincias e contaba cun mando estatal formado pola lugartenencia xeral dependente da Secretaría Xeral do Movemento; á fronte estaba o lugartenente xeral, nomeado polo Xefe Nacional, e os servizos de organización, formación e actividades, á fronte dos cales figuraban os Inspectores Nacionais da Guardia de Franco. Os lugartenentes provinciais dependían dos xefes provinciais do Movimiento. A estrutura constaba de Escuadras, con xefe e nove escuadristas, Falanxes, formadas por seis escuadras (nalgúns casos, por tres) e Centurias, que constaban de tres Falanxes.
Na provincia de Pontevedra, as comarcais radicaban en: Caldas, A Estrada, Lalín, Porriño, Ponteareas, Redondela, Tui, Vilagarcía, Pontevedra e Vigo. Na maioría das localidades non parece que houbera moito entusiasmo para constituíla e abondan as escusas para evitar o ingreso. Durante a estancia de José Solís Ruíz como gobernador, lévase a cabo unha reorganización de cara a poñer orde e “seriedade”. Noméanse unha serie de lugartenentes comarcais e locais: Germán Rodríguez Dios (Pontevedra), Felipe Castro Valladares (A Estrada), Manuel Gómez Fragoso (Lalín), Nereo López Rojo (O Porriño), José Luis Rodríguez Otero (Ponteareas), Faustino Álvarez (Vilagarcía), Eudoro Goberna Ramilo (Vigo), entre outros. Pola lugartenencia provincial pasaron personaxes como José Ojeda de la Riba, Juan Manuel Pardo Gayoso, Antonio Echevarría Ortiz ou o inspector de educación Emilio Fernández Figueroa, xa na década dos sesenta. A nivel estatal, o máis coñecido foi Luis González Vicén, falanxista próximo a Girón de Velasco e que, posteriormente, sería fundador dos Círculos José Antonio e estivo na onda do “falanxismo auténtico”. Para seleccionar os mandos tiñan preferencia os que foran oficiais do Exército durante a guerra e non podía ocuparse ningunha “Jerarquía” no Movimiento sen pertencer á Guardia de Franco.
Os militantes podemos encadralos en dous grupos segundo a procedencia: por unha banda xefes falanxistas, militantes da Vieja Guardia, ex-combatentes e voluntarios da División Azul e, por outra, os que se integraban a través das Falanges Juveniles cando cumprían os 21 anos.
Dentro da cerimonia de ingreso estaba o chamado “bautizo”, nel destacamos o xuramento que prestaba cada novo membro sobre os Evanxeos e ante o crucifixo. Logo de renovar o xuramento da Falange efectuaban un específico da Guardia de Franco:
Juro al ingresar en la Guardia de Franco vivir en constante afán de superación, servir con fanatismo y disciplina y ser leal hasta la muerte al Jefe Nacional de la Falange.
Nas instrucións que o mando central enviou aos lugartenentes provinciais para os actos de ingreso de militantes procedentes do Frente de Juventudes, que se celebraron o 29 de outubro de 1948, figura o seguinte parágrafo:
La Guardia de Franco es la Guardia política del Movimiento que engloba la Vieja y la Nueva Guardia del Nacional-Sindicalismo, es Vanguardia de inquietud política que no cejará en la lucha diaria y tenaz contra los enemigos de la Revolución y que por eso agrupa en su seno a la mayor y mejor fuerza de nuestra primera línea política.
A Guardia de Franco contaba cunha emisora propia, “La voz de la Falange”, con sede en Alcalá 44 (sede da Secretaría General del Movimiento), que transmitía en onda curta de 23 a 24 horas. Esta emisora tamén publicaba a revista “Altavoz”, por subscrición exclusiva para afiliados. Outras publicacións do mando central eran o decenario “Si” e o boletín interno “En Pie”. Nalgunhas localidades tamén contaban con publicacións propias, era o caso de Ourense, onde publicaban “Arco”.
En canto ás actividades desenvolvidas por esta organización, podemos agrupalas nos seguintes apartados principais:
Política interna.- Na circular 13 (27-8-48), o lugartenente xeral ordena a creación de “Juntas de agitación política”. Ao mes seguinte, anímase a presentarse ás eleccións municipais e sindicais do Réxime
llevando al ánimo de las gentes el hecho de que la Falange no se encuentra vinculada a los errores administrativos que pudieran haberse cometido y precisamente por ser esto así acude a la elección, entre otras cosas, para pedir responsabilidades por las actuaciones pasadas y sobre todo porque considerándose en posesión de la verdad, está plena de entusiasmo y de fe para guiar al pueblo español por el camino revolucionario que este desea ir.
Adopta unha postura belixerante contra outros sectores do franquismo, que considera representantes da “vella política” e contrarios ás ideas falanxistas, como veremos máis adiante. Isto leva a que certos membros da organización, a medida que comproban que os postulados xoseantonianos non se levan á práctica, tomen unha postura crítica contra o propio Franco. Pode ser un dos exemplos a actitude da Centuria XVI de Montañeros que, o 20 de novembro de 1957, nun funeral por José Antonio, cando Franco lles ía pasar revista, deron media volta dándolle as costas e saudando brazo en alto. Houbo outros actos semellantes que ocasionaron destitucións e encarceramento de militantes.
Información e actividades de contra-insurxencia.- Contaba cun servizo de información propio e os xefes provinciais debían remitir ao mando central:
Nota de cuantos hechos ocurran dentro del territorio de la provincia de tu mando, cometidos por grupos terroristas o de guerrilleros [...] Todo género de propaganda, que se reparta en tu provincia por elementos marxistas, monárquicos u otros, de los cuales nos enviarás un ejemplar de cada hoja o pasquín, que deberán estar en nuestro poder a las veinticuatro horas de haberse repartido (23-3-47).
Nunha nota reservada (19-2-47), o xefe provincial accidental, Enrique Quesada Munuera, remite a Madrid copias da propaganda clandestina distribuída na capital pontevedresa “que han sido recogidas por camaradas de la Guardia de Franco”.
Non se limitan só a tarefas de información senón que tamén pasan á acción: en Pontevedra forman “grupos de protección, vigilancia y retén” en datas sinaladas como o 14 de abril e o primeiro de maio e días próximos.
Tamén hai constancia documental (co selo de secreta) da participación de falanxistas (algúns de tráxico recordo) en servizos de vixilancia nocturna en colaboración coa policía.
En todo o estado colaboran coa Guardia Civil na loita contra a resistencia armada e, nalgúns casos, forman parte das contrapartidas.
Os monárquicos alfonsinos, carlistas e os antigos membros de Acción Popular, que ocupaban cargos e influían cada vez máis nos gobernos, eran branco das súas críticas e actuacións. As instrucións da lugartenencia xeral aos mandos locais eran non consentir propaganda monárquica e cortala da “manera que sea precisa”. Para iso, os mandos deberían facer que “camaradas especializados” se infiltrasen nos sitios de reunión de monárquicos de calquera signo a fin de que o mando puidese estar informado en cada momento “de las posibles alteraciones que se pretendan y sea más fácil evitar la propaganda que en esta Circular se ordena destruír”.
A confrontación cos carlistas tivo momentos de moita tensión como o incidente en Pamplona entre carlistas, a policía e o lugartenente da Guardia de Franco Zabalza. Como resultado prenderon 36 días a Zabalza, fixéronlle consello de guerra e impuxéronlle 2000 pesetas de multa. A indignación da organización levou á apertura dunha campaña de solidariedade e recollida de fondos para patentizar a súa oposición á sanción.
Con motivo da difusión de presunta propaganda monárquica criticando o protocolo entre Franco e Perón, a lugartenencia provincial, aparte de dar instrucións para contrarrestala e rebatela dialecticamente nos distintos lugares, indica:
En forma alguna se debe tolerar que se haga política contra el hombre que ha sido y es el más fuerte baluarte de nuestra independencia, política que se hace a base de “eslogan” propagandísticos totalmente falsos, con la intención final de pedir que reine D. JUAN III, de cuya servidumbre al extranjero tenemos tantas pruebas recientes, como si no hubiera significado suficientemente para España las pérdidas territoriales que nos ha ocasionado graciosamente la familia borbónica, -desde la Luisiana a Gibraltar- cuyo representante actual, identificado totalmente con la línea política familiar, se nos ofrece como el Rey liberal anarco-populista.
La Guardia de Franco y todos y cada uno de sus componentes cerrará dialecticamente, o por el medio más adecuado, cualquier boca que apoyándose en las falsedades indicadas al principio de este escrito, o en otras análogas, traten de llevar la desorientación a los españoles para la consecución posterior de sus fines bastardos. (3-5-48)
Atribuían a elementos procedentes de Acción Popular (aos que chamaban neocedistas) a formación de entidades “que pretenden ser obreras y católicas” e que utilizaban para desacreditar a política de reivindicacións sociais falanxistas. Consideran que existía o perigo de que, baixo este tipo de organizacións, puidesen reunirse elementos de filiación marxista, anarquista ou separatista. Chaman a desenmascaralos e combatelos para que
no prevalezca la intención ni el deseo de quienes desde unos puestos de responsabilidad y respeto pretenden crear un arma que sería origen de disgustos y divisiones entre los obreros españoles y por lo tanto en la Nación entera.
Pontevedra foi sede de albergues da organización na Lanzada e na illa de san Simón. Neste último lugar ocorreu, o 22 de agosto de 1950, un naufraxio no que morreron afogados 43 membros desta organización.