É inútil buscar o seu nome nas listaxes de asasinados, el é un dos numerosos “descoñecidos” que aparecen nas mesmas.
Era de Cons (Mourente), o único fillo varón da parteira e compostora señora Teresa “A Barriguda”, tiña dúas irmás: Pilara e Maruja. Era canteiro de profesión.
O 29 de abril de 1936 celébrase en Pontevedra unha asemblea xeral conxunta das Xuventudes Socialistas e das Comunistas, acordándose a unificación. O Comité de Honor conta con nomes famosos; Stalin, Dimitrof, Thaelman, José Díaz, Largo Caballero...entre outros. No Comité efectivo, presidido por Pastor Torres Paz, figura como vocal Manolo Amoedo.
Pero remontémonos aos sucesos de outubro de 1934 na nosa capital, na tarde do 10 deste mes, eran detidos en Mourente, Amoedo e Constante Tomé por estar en posesión de armas cortas. O xulgado militar condena a Amoedo a 18 anos de cárcere por posuír dúas pistolas sen licenza. Cumpre pena no tristemente famoso penal do forte de S. Cristóbal, en Pamplona, xunto con Juan Manuel González ( ¿Gómez?) Corbacho, de Salcedo,condenado a 20 anos por posesión de botellas de gases inflamables.
Co triunfo da Fronte Popular e conseguinte amnistía, volven a Pontevedra o 26 de febreiro de 1936 sendo recibidos por unha impoñente multitude. Ao entrar o tren na estación dispárase unha salva de bombas e a Banda Municipal fai sonar a Internacional. Aplausos e puños en alto. A manifestación- coas bandeiras e representacións das organizacións obreiras e políticas e os sons do Himno de Riego e a Internacional- marcha ata o Centro Obreiro na praza do Muelle. Alí, dende as ventás, Amoedo e Corbacho agradecen o recibimento e logo pronuncia palabras de benvida Manuel García Filgueira, presidente da Federación Local de Traballadores e que sería o último alcalde republicano de Pontevedra. Manolo Amoedo foi tamén xefe de milicias en Mourente.
O 29 de abril de 1937, o comandante instrutor Luis del Hierro, publica unha requisitoria: ...Amoedo, Manuel, Martínez, Joaquín, y un tal Riobó, chófer, cuyas demás circunstancias personales de todos los citados se desconocen, contra los que se instruye causa por rebelión, comparecerán en el término de cuarenta y ocho horas contadas a partir de la publicación de la presente en el Boletín Oficial de la provincia, en este juzgado de mi cargo, sito en el edificio de la Caja de Recluta, número 53, de Pontevedra, bajo apercibimiento que, de no efectuarlo, serán declarados rebeldes.
Pero Amoedo xa non podía ler a requisitoria pois, como en tantos casos, esta publicábase despois do seu asasinato.
Logo do golpe militar, a súa moza e familia prepáranlle un escondite en Xeve nun pozo ou mina en desuso e tapado con toxo. Os falanxistas e a Garda Cívica, con Víctor Lis ao mando, buscan pola zona, interrogan, ameazan... As malleiras e o feito de rodear con gasolina á súa moza para prenderlle lume, conseguen que algún familiar da mesma confese o paradeiro. A moza nunca perdoaría a delación e marchou da casa. Logo de torturalo, é asasinado sen que conste en ningún rexistro, agás na memoria das xentes. Tiña 24 anos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario