Moito se ten discutido e publicado respecto á problemática das fontes a utilizar para o estudo do período histórico que nos ocupa. O autor destas liñas non oculta a súa opción pola metodoloxía que podemos considerar máis tradicional, na que as fontes escritas, arquivísticas, teñen un papel fundamental, sendo as orais complementarias das mesmas. Pero cando nos enfrontamos a un tema como a represión, con aspectos que, pola súa propia natureza, non deixan lugar a soporte documental algún, porque, de seguro que os que decidían quen ía ser “paseado” non levantaban acta do acordo, os testemuños orais ( con todas as cautelas que procedan), acadan un papel relevante. Sen elas, as lagoas no coñecemento dalgúns feitos serían tan grandes que imposibilitarían o seu axeitado entendemento.
É nestes casos cando debemos lembrar as palabras do cineasta austríaco Günter Schwaiger cando pregunta: ¿Dende cando a memoria non serve para testemuñar a verdade? ¿Ou acaso nos xuízos non fan falla testemuñas para condenar a alguén? ¿Xa non vale o testemuño dun fillo que veu como fusilaron a seu pai para testemuñar o horror do fascismo?.
Un caso que se axusta ao comentado anteriormente é ao que fai referencia o título desta entrada. Fai máis de vinte anos escoitei o seguinte testemuño:
Unha noite mataron a sete na ponte do Couto, en Tenorio, e logo os falanxistas viñeron ata Filgueira, en Xeve, petando nas portas e mandando preparar un carro cunha pouca palla, obrigaron a ir buscar os cadáveres e cando chegaron de volta á igrexa eran xa as dez da mañá e como era un acto das ánimas, estaba moita xente que empezou a chorar e dar gritos e tamén choraba o cura, don Manuel Ogando. Fixeron un burato xunto ao cemiterio e botáronos nel colléndoos polos pés, o cura mandou buscar unha saba e tapalos antes de botarlle a terra dicindo: “pobrecitos, no son animales”. Alí están enterrados. Din que dous eran da parte da Estrada ou Lalín e eran irmáns. Algúns familiares andaron para levalos pero o cura convenceunos de que os deixaran cos seus compañeiros.A testemuña, unha muller de Xeve que tiña uns dez anos cando ocorreron os feitos, dou multitude de detalles dun suceso que a impresionara fondamente.
Outro informante de máis idade, coincidía no esencial do relato pero matizaba que o número era de cinco ou seis, engadindo que a quen obrigaran a ir co carro fora a dirixentes das sociedades e ao enterrador a cavar a fosa nun sitio entre a igrexa e o cemiterio pero fóra deste. Anos máis tarde, esta mesma persoa, amosaba a súa preocupación sobre unhas obras na zona por se podían afectar ao enterramento.
No ano 2006, outra testemuña afirmaba que a un dos que viñeran a buscar de noite para ir co carro dos bois fora o seu avó. Outras persoas tamén sabían dos feitos pero xa por referencias.
Común a todos os informantes é destacar o papel relevante do cura de Santo André de Xeve, don Manuel Ogando, non só pola súa actuación humanitaria respecto aos fusilados, senón, en xeral, na defensa de veciños comprometidos coa república, mesmo dicindo descoñecer aos que foran á súa casa, nos días anteriores ao golpe, tentando requisar armas. Algún afirma que dixo que nunca toleraría que na súa parroquia se fixeran cousas así. Fora ou non pola actitude do cura, o certo é que o número de fusilados en todo o antigo concello de Xeve foi mínimo.
A referencia á celebración dun acto de ánimas, sitúa os feitos nos primeiros días de novembro. O historiador lalinense Manuel Igrexas Rodríguez, no seu traballo sobre a represión franquista na comarca do Deza (A represión franquista en Galicia. Actas do Congreso da Memoria, Narón, 2003. 517-542), afirma que, nesas datas, “pasean” en Tenorio aos lalinenses Luis Frade, José López Bermúdez, Ramiro Granja, Luis Varela Sobrado, José Montouto Rodríguez e Eliseo Garra Lalín, todos eles sacados do cárcere de Pontevedra e pendentes de xuízo.
Se consultamos a publicación cos datos máis completos e actualizados sobre a represión na nosa provincia ( Amoedo López, Gonzalo e Gil Moure, Roberto. Episodios de terror durante a Guerra Civil na provincia de Pontevedra. A illa de San Simón. Edicións Xerais. Vigo 2006), comprobamos que os días 8 e 9 de novembro aparecen como “paseados” en Tenorio ? (sic) os citados por Igrexas e, a maiores, Juan Alonso Pérez (mestre de Arbo), Telmo Rodríguez Alonso (Arbo) e Blasco Barra/Garra Lalín, este último sen referencia ao lugar onde foi asasinado (teño dúbidas sobre se era un irmán de Eliseo ou se trata da mesma persoa). Tamén figuran outros “paseados” nestas datas pero sen referencias a Tenorio.
Polo tanto, parece indubidable a existencia dun fusilamento colectivo na volta do Couto, en Tenorio. O problema xurde cando compañeiros investigadores da represión na zona de Cotobade, obteñen testemuños coincidentes cos obtidos en Xeve pero discrepando no lugar de enterramento, afirmando uns que foi no cemiterio de Tenorio e outros no de Xeve.
A certeza do lugar só poderá ser confirmada mediante unha escavación. De tódolos xeitos, non sería aventurado supoñer a existencia dun número maior de fusilados e un reparto de cadáveres nos dous lugares, co que o efecto exemplarizante acadaría unha maior extensión.
3 comentarios:
Me encanta la idea del blog. Seguiré leyendo
Escalofriante o teu relato, poderíase repetir en moitos outros sitios da nosa xeografía.
Grazas polos comentarios. A idea é contribuir á divulgación e o mellor coñecemento dos feitos.
Publicar un comentario