domingo, 18 de mayo de 2008

O asasinato de Secundino Esperón

O sacerdote M. Silva Ferreiro descríbenos unha situación catastrófica nos tempos da Iiª República, no parágrafo que segue recóllese a argumentación que se reiterou para xustificar o levantamento militar:

El crimen y el desorden se paseaban triunfantes por el suelo de nuestra patria con un sadismo y una furia propios de pueblos salvajes; el incendio había sido adoptado como medio de exterminio de todo aquello que la revolución podía creer un obstáculo a su marcha devastadora y sangrienta; el asesinato se practicaba con una frecuencia horripilante, sin que sus autores fuesen molestados por la justicia en la mayor parte de los casos; en todas partes aparecían los exterminadores de la libertad, del orden, de la propiedad, de la vida y tranquilidad de los ciudadanos honrados, empuñando el arma homicida que había de llevar negras sombras de tragedia a los hogares, o la tea incendiaria que habían de aplicar a conventos, iglesias, centros derechistas, edificios de prensa católica, etc.
(Silva Ferreiro, M. Galicia y el Movimiento Nacional. Santiago de Compostela. Imprenta y Enc. Del seminario Conciliar. 1938)

Se o escrito anterior é esaxerado para o conxunto de España, polo que acae a Pontevedra resulta totalmente irreal, a pesares de que a situación pontevedresa non estaba exenta de tensión e de pequenos incidentes. O caso máis grave foi o asasinato de Secundino Esperón o 19 de maio de 1936. O lugar, hora e compañías aportan certo grao de confusión á motivación dos feitos pero as personalidades do asasinado e do presunto autor do mesmo, danlle unha especial relevancia política.

Secundino Esperón, contratista e “sportman”, era un significado membro dos grupos fascistas pontevedreses. Se acreditamos en fontes falanxistas, no expte nº 20.(Pontevedra) atopamos que “el ejemplar militante de las JONS de Villagarcía, Secundino Esperón fue también herido por los enemigos de la Falange en febrero de 1935”. Concédenlle a “aspa roja”. ( http://usuarios.lycos.es/historia_falange/espedientes.htm . Acceso o 17-5-2008).

Fora detido tamén polos incidentes da Praza da Verdura con motivo dun boicot obreiro. A militancia política non lle quitaba tempo para as súas afeccións deportivas, ao volante ou coa moto, que o levaron a sufrir algún accidente , como cando quixo facer unha proba no “Muro de la Muerte” que actuaba na nosa cidade; como decía un xornal: No quedó mal de su pretensión pero sufrió un buen trastazo (El Progreso 21-9-33).

A persoa a quen se lle atribúe o asasinato foi Antonio Fandiño Estévez, casado, 33 anos, orixinario de Betanzos pero domiciliado en Pontevedra e churreiro de profesión. A súa militancia política era comunista. Tamén fora detido no 1933 por causar danos aos almacéns Olmedo.

A partires de datos obtidos de diversas fontes, os feitos foron os seguintes: Sobre as tres da madrugada, no bar “Obrero”, tamén chamado “Puñalada”, situado xunto ao comercio de “La Abundancia” na rúa de Benito Corbal, atopábase Secundino Esperón e os seus amigos Gonzalo Freire ( ¿Freiría?), mestre nacional, Paulino Echave, alférez e Manuel Mirón, de Mourente, ( personaxe que sería tristemente coñecido pola súa actuación como membro da Guardia Cívica). Tamén estaban outras persoas, entre elas Carolina Piñeiro (38 anos) e Josefa Alonso (23 anos) tamén coñecida por “La Fina”. Antonio Fandiño e un amigo albanel chamado José, chegaron ao bar e tiveron un pequeno incidente co grupo de Esperón e no que estaba por medio “La Fina”, que se negou a bailar con Esperón porque non a quixo convidar a unha botella, facéndoo co tal José que lle ensinou dous duros. Cando ía pechar o bar, Fandiño e José saíron do bar e tamén Esperón acompañado de Mirón. Soaron uns disparos e Esperón apretou os brazos sobre o peito e dixo: “¡Me muero! ¡ Me han matado!” caendo nos brazos de “La Fina” que acudira a socorrelo. Foi conducido por gardas civís e de asalto á Casa de Socorro pero xa era cadáver.

A autopsia realizada polo forense Dr Pérez Vázquez e o Dr Rubido conclúe:

...se comprobó que Secundino Esperón había recibido tres balazos que le causaron heridas mortales de necesidad. Una de las balas penetró por la espalda, a nivel de la última costilla del lado izquierdo y fue a alojarse debajo de la piel en la región hipocondriaca del lado contrario; otra hizo su entrada por la región pectoral derecha, alojándose en la hipocondriaca izquierda; el tercero penetró por la hipocondriaca derecha y después de atravesar una costilla, perforó el estómago; los otros perforaron los intestinos, estómago y parte del pulmón izquierdo. El cuarto balazo lo recibió en el brazo derecho. Los tres primeros tiros produjeron una gran hemorragia interna.
(Diario de Pontevedra 20-5-36).

No enterro, con presencia policial, non houbo incidentes.

O gobernador civil, Gonzalo Acosta, tenta quitarlle motivación política aos feitos, mesmo aducindo que Esperón fora posto en liberdade logo de comprobarse que xa non pertencía a Falanxe e non realizaba actividades fascistas. Sen dúbida, estaba no ánimo do gobernador evitar unha espiral de violencia como vinganza polo asasinato. Debemos salientar que a noite anterior fora asasinado por fascistas en Ourense, Manuel Silva, obreiro pontevedrés de militancia comunista.

Feitos posteriores parecen confirmar os seus temores: o 25 de xuño, nos arredores da cafetería “Monte Arruit”, na praza de Indalecio Armesto, centro de reunións clandestinas dos fascistas pontevedreses, a policía detén a varias persoas forasteiras e que se supoñía pensaban levar a cabo algunha represalia polo asasinato de Esperón.

Ás cinco da madrugada do 1 de xuño deteñen en Mourente a Manuel Mirón, que fora denunciado por un garda urbano por ter unha pistola coa que pensaba atentar contra unha persoa para vingar a morte do seu compañeiro Esperón.

Do presunto asasino, sábese que fuxiu cara Asturias e que estivo en Grado e Trubia loitando cos republicanos. Mesmo nun xornal pontevedrés escríbese que se espera poder cogerle vivo y traerlo a Pontevedra. En novembro do 36 publícase unha requisitoria polo delito de sedición e , días despois, destácase a posible detención de Fandiño en Asturias.

Esta noite cumprirase o 72 aniversario dos feitos.


No hay comentarios: