Á fronte da mesma estivo sempre un militar: o primeiro xefe foi o tenente da G. Civil Inocencio Rivera Balado, relevado en outubro do 36 polo capitán do mesmo corpo Emilio Lledós Muñoz e, o 15 de xuño do 37, é nomeado o capitán de infantería Carlos Cabezas Carlés que continuará tamén no cargo baixo a nova denominación de Milicia Nacional de 2ª Línea.
De tódolos xeitos, a cabeza visible e quen dirixe en persoa as actuacións máis destacadas da mesma é o exdeputado dereitista Víctor Lis Quibén, médico e alférez de complemento. No acto de reposición da bandeira (El Pueblo Gallego 1-9-36) a G. Cívica é conducida por Bernardito López baixo o mando de Lis.
En canto aos nomes dos dirixentes da Guardia Cívica, en varias publicacións aparecen os nomes dos oficiais da mesma, ás veces con pequenos e comprensibles erros. Logo do baleirado de todos os partes de servizo coñecidos da G. Cívica e que da como resultado un total de 390 membros (pode haber unha pequena variación), publicamos a relación completa dos oficiais que neles figuran, antes da súa integración na Milicia Nacional da 2ª Línea: Aparte os militares xefes da mesma, xa nomeados, son: Víctor Lis Quibén, José Acuña Núñez, Enrique Alonso Muñoz, Manuel Corbal Corbal, Leoncio Feijóo Sueiro, Calixto Lois Fernández, Bernardo López Durán, Vicente López García-Mosquera, Gustavo Losada Amor, Claudio Losada Fernández, Francisco Javier Mosquera Caballero, Jesús Muruáis Carrillo, Néstor Pazos Feijóo, Carlos Rodríguez Soriano, Faustino Temes Diéguez e Enrique Vázquez Lescaille. Nunha “foto de familia” reproducida fai anos nun xornal, tamén aparece un militar, o comandante Pereira.
A estrutura diaria de servizo compoñíase de oficiais e sarxentos de garda e vixilancia, médico e practicante de garda, cabos e militantes encadrados en grupos, e ciclista de garda. Os grupos ou escuadras de choque e auxiliares eran 20. En cada grupo era habitual que os compoñentes foran da mesma localidade , por exemplo o grupo 7 era de Poio, o 9 de Mourente, etc.
O mesmo feito de darse de baixa como cívico podía ser sancionado, por exemplo, unha nota do goberno civil (12-7-37) di o seguinte:
El vecino de esta localidad D. Jesús Jaráiz García que hasta hace unos días perteneció a la Guardia Cívica y hoy es baja, ha sido sancionado con la multa de 500 pta por su falta de civismo, alegando para dejar sus servicios pretextos fútiles y acomodaticios, olvidando que su vida, hacienda, industria y tranquilidad, la están defendiendo en las trincheras sufriendo cuanto sea preciso los verdaderos amantes de la patria.
Os servizos diarios que prestaban consistían en gardas en diversos postos: Hospital, prazas da Peregrina e S. Xosé, carreteira de Vigo, ronda da Seca-Eiriña, garda no cárcere, escolta de trens, etc. Contaba tamén cunha sección ciclista, outra sección montada, a cabalo, integrada por xinetes de Xeve, que participa por 1ª vez no desfile de outubro do 36, e banda de música propia.
Os adestramentos e prácticas de tiro son habituais e realízanse en Monte Porreiro ou ben no monte da Fracha, como o realizado o 10, 12 e 16 de decembro do 36 e nos que participaron tanto auxiliares como de choque. (El Pueblo Gallego, 10-12-36).
Aparte os servizos de garda e vixilancia mencionados anteriormente, a G. Cívica leva a cabo actividades que podemos cualificar de propaganda e de ostentación do poder do novo réxime. Isto lévase a cabo a través de desfiles e marchas, tanto na capital como por distintas localidades dando conta das mesmas os xornais:
En la mañana de ayer fuerzas de Falange, Requetés y Guardias Cívicos, precedidos de la banda municipal de música recorrieron la población deteniéndose en los principales lugares urbanos para fijar y leer pasquines de carácter patriótico. La población acogió con mucha simpatía estos actos. (El Pueblo Gallego 20-9-36).
As testemuñas tamén nos dan conta do mesmo:
Desfilaban os cívicos polas rúas, diante ía Víctor Lis e dous máis e logo a tropa do demo ¿que outra cousa era senón a tropa do demo? Todos cantando o cara el sol e unha vez dúas mozas de Marcón que os estaban mirando na Ferrería e díxolle unha á outra: ese era bo para ti e a outra díxolle que para que quería ela un deses. Debeu escoitalas alguén que as colleron e lles raparon o pelo (V.C.E.).
1 comentario:
muy interesante
Publicar un comentario