sábado, 22 de noviembre de 2008

Memoria histórica de Balbina e Manuel

>

Hoxe Pontevedra nos anos do medo ten a satisfacción de acoller un artigo do profesor e investigador SERAFÍN FONTENLA FERNÁNDEZ, que nos achega á vida e á morte dun cotobadés que non figura nos listados de asasinados nin rexistros pero sí na memoria das xentes.

Manuel Fraga Fentanes naceu en S. Xurxo de Sacos (Cotobade) o 26 de Novembro de 1.889. Casou con Balbina Vilán Quinteiro, catro anos máis nova e da mesma localidade. Manuel emigra a América e Balbina non sabe ler nin escribir, polo ten que recurrir a algún veciño que lle lea e escriba as cartas de e para Manuel. Así que decide, con moito esforzo e en pouco tempo, aprender a ler e escribir. Na Arxentina traballa como xastre :

Manuel Fraga Fentanes. Buenos Aires, 23 de diciembre de 1911.

Sastrería. Especialidad de Casimires Franceses e Ingleses.

Certifico que el Sr Manuel Fraga ha trabajado en calidad de Oficial de Sastre por el término de los años habiendo observado siempre buena conducta.

De volta á terra, pertenece á Sociedade de Oficios Varios de S. Xurxo de Sacos e á Sociedade de agricultores da mesma localidade , ocupando na mesma o cargo de tesoureiro.

Balbina tiña 43 anos no 36 e tres fillos: Evanxelina de 24 anos, Manoel de 22 e Pepe de 16.

Pepe era afillado de Fulgencio de Lis Vilán, pai de Víctor Lis Quibén. Fulgencio, con domicilio na mesma parroquia e no lugar de Cutián, morreu o 4/XI/1.935. Consérvase unha carta moi afectuosa de Fulgencio de Lis a Manuel Fraga F. onde o encabezamento comeza así: “Mi querido primo”. Mutuamente considerábanse familia.

Ó producirse a sublevación militar, Manuel Fraga Fentanes marcha para unha casa- panadería de Seixo, Marín, propiedade dun amigo e alí permanece durante uns días ata que o seu fillo máis novo, a instancia da súa nai, vai buscalo. De volta, á saída de Pontevedra, encóntrase cun veciño, Manolo de …, que lle comunica dúas novas: “Sr. Manuel, non vaia para S. Xurxo porque o andan buscando”; a outra é que el acaba de saír da cadea onde o meteran os seus propios compañeiros da Garda Cívica por negarse a seguir facendo servicios nocturnos, despois da desagradable experiencia de sacar da casa un home con fillos pequenos colgados del e chorando. A Manolo de … déronlle como alternativa alistarse na Lexión e marchaba xa.

Pese a todo, Manuel Fraga vai para S. Xurxo. A súa casa estaba moi cerca do Cuartel da Guardia Civil e alí o citan. Cando volta, Balbina sae ó seu encontro:

-¿Que che querían?

- Que lle asinase un papel en branco.

- ¿Asináchelo?

- Sí.

- Asinaches a túa morte.

- Vou fuxir para o monte.

- Eu vou contigo, se marchas ti eu vou tamén.

A noite do 10 ó 11 de agosto do 36, unha noite dun luns para un martes, catorce gardas cívicos irrompen no domicilio familiar polas portas e fiestras. Mentras Manuel se viste remexen todo. Un grita: “Aquí está”. Era un vestido vermello. Ó darse conta da confusión guíndao con rabia. ¿Qué buscaban? Posiblemente o estandarte da Sociedade de Agricultores de S. Xurxo, aquel que o 1º de Maio do 1.936 encabezaba a manifestación que, partindo de S. Xurxo, foi ó encontro doutra que viña de Santa María de Sacos e que, ó xuntarse na Portela da Cruz, celebraron un mitin. Tamén foi o estandarte que presidíu o enterro civil do irmán de Avelina Aguirre, que voltara de Bos Aires un pouco antes da Guerra, para morrer entre os seus; ou o de Fiuza, encargado da Fábrica da Luz do S. Xusto. Pero na casa de Manuel Fraga Fentanes non encontraron nada e levárono a él, empurrándoo, pegándolle. Un dos fillos grita: Papaíño, non podemos axudarte que nos matan.

Nada máis saír, a familia trata de indagar a onde levaron a Manuel. As pescuzas resultan infroitosas. Unha nova chega a S. Xurxo: En Bora hai un home morto na cuneta. Nun coche de aluguer Balbina e o seu fillo Manolo van comprobalo. Queda no coche, non baixes, mamá. Non é papá. Este ten reloxio de pulseira e papá utilizaba reloxio de peto.

Un rapaz de Tenorio vai coa vacada para unha veiga cerca da Ponte da Rocha. Leva con él un can de caza. Sínteo ladrar a parado. Acércase e atópase co cadáver de Manuel Fraga Fentanes. Despois de escachizalo, botárano por un terraplén de máis de tres metros de altura.

A familia quere enterralo no cemiterio de S. Xurxo pero non lles deixan. Ten que ser soterrado na parroquia que ten xurisdición no lugar do crime. A xente de Tenorio, a pesares da represión e do terror imposto, acompaña o féretro. Sobresaen nesta axuda a familia das Cachadiñas.

De volta a S.Xurxo a Balbina rápanlle o pelo e prohíbenlle chorar en público. O cura de Santa María de Sacos de paso entre S. Xurxo e a súa rectoral, ameaza con denunciala: … si la veo de nuevo llorando públicamente.

A farmaceútica, que vivía cerca do Cuartel da Guardia Civil, ó ver pasar a Pepe Fraga Vilán coas vacas para o monte dille en voz alta ó Sarxento: Amadeo, Amadeo, cuando se corta un árbol perjudicial hay que hacer desaparecer también su simiente.

Antes de concluir aquel terrible ano de 1.936 Manoel Fraga Vilán ten que incorporarse ó exército de Franco e Pepe forma máis tarde parte da “Quinta do Biberón” que tamén existiu no exército sublevado. No Frente contrae unha tuberculose da que cura a duras penas.

No ano 1948 permítenlle trasladar os restos de Manuel Fraga Fentanes do cemiterio de Tenorio ó panteón de S. Xurxo.

Atrás quedaron moitas visitas de Balbina e dos seus fillos levándolle flores á tumba de Manuel en Tenorio pero continuaron botando outras dende a Ponte da Rocha.

Eran tempos de calar pero Balbina Vilán tiña a vontade de que a morte do seu home non quedara esquecida: de xeito repetido lle dicía á súa neta Mª Carmen que tiña que escribirlle un libro (un poema); a neta un bó día copiouno e consérvao. A maiores do seu valor testemuñal, é unha estarrecedora declaración de amor que transcribo a continuación:


Madre mía de mi vida / un caso te voy a contar

que horroriza el sentido / y las piedras hace llorar.

El día diez de Agosto de 36 / día tan señalado

que me robaron a Manuel / catorce hombres armados.

Entraron por las puertas / puertas y ventanas

a las dos de la mañana / que estaba acostado,

acostado en su cama. / Andar hijos de mi vida

dadme la ropa ya / papacito papacito

no te la podemos dar / que nos pueden matar.

Señores y caballeros, / por favor yo les pido

que no me los martiricen / que son unos infelices.

Manuel mío de mi vida / Manuel mío de mi querer

que gritamos y gritamos / y no nos vienen valer.

Calla mujer de mi vida / prenda de mi corazón

que el que no las debe / no las paga

sino que sea una vengación.

La vengación es tan grande / Manuel de mi querer

que gritamos y gritamos / y nadie nos viene valer.

Los gritos de nuestros hijos / llegan a los cielos

pero nuestros vecinos / están sordos y ciegos.

Adiós papá de mi vida / papá de nuestro querer

que te nos roban de casa / y no te podemos valer.

No te podemos valer / no te podemos salvar

ladrones de nuestra casa / dónde lo irán a pagar.

Adiós Manuel de mi vida / prenda de mi corazón

que te me roban de casa / esos bandidos ladrones.

Quedamos los cuatro / los cuatro desgraciados

llorando día y noche / sin poder salvarlo.

Ladrones de mi casa / ladrones de mi vida

ladrones de mi casa / que me dejaron perdida.

Lo llevaron en el coche, / en la Rocha lo mataron

y por las zarzas y robledas / por alli lo arrastraron,

y a una altura de tres metros / a una presa lo tiraron .

Vino por allí un chiquillo / un chiquillo con el ganado

con un perro de caza / destrozado lo encontró.

Su hijo Manuel: / papaíño, papaiño

papaíño de nuestro querer / como te han puesto papá

apenas se te puede conocer. / Una bofetada me dieron

al suelo me tiraron / por querer ver a papá

¡ay valientes y desgraciados!

Madre mía de mi vida / vaya una valentía

catorce hombres armados / para quitar una vida.

Una vida tan amable, / papá de nuestro querer

vivían bien en su casa / tres hijos y su mujer.

Madre mía de mi vida / dadme ánimo y sentido

yo no puedo pensar / en tan horrible crimen.

A la gente de Tenorio / le debemos atención

acompañaron a mi prenda / con toda devoción.

Al cementerio lo llevaron / y allí lo enterraron

aquí estamos Manuel / tus hijos y tu mujer

te venimos a visitar / ay que muerte tan cruel.

Descansa Manuel de mi vida / en esa tierra tan fría

descansa Manuel del alma / en esa tierra tan helada.

Tu mujer anda llorando / por toda Galicia y España

si yo fuera pajarillo que / volara por el cielo estaría

siempre a tu lado en el cementerio.

Hijos de mi vida / hijos de mi corazón

guardar este libro hijos mios / guardarlo en el corazón.

Que lo lean vuestros hijos / y mis bisnietos nada más,

que es la muerte de papá / y un recuerdo de mamá

que no se borra jamás, jamás.

Balbina Vilán Quinteiro.

Seguen as penalidades, cando chega a hora de xestionar o subsidio da vellez e precísase acreditar a morte de Manuel Fraga Fentanes, indícaselle que se poñía que morrera nas circunstancias relatadas, o máis probable era que non lla concederan, polo que houbo que facer no rexistro unha inscripción marxinal de falecemento, no ano 1965, dando como data do mesmo a do 10 de agosto de 1946, día no que transcorreran os dez anos da súa “desaparición”.











Autor: SERAFÍN FONTENLA FERNÁNDEZ.

9 comentarios:

Anónimo dijo...

Impresionante historia, Serafín.
Se cadra, poderíase plantexar a Sempre con Vós e á Comisión Sinhor Afranio algunha iniciativa como colocar unha placa na Ponte da Rocha na memoria de Manuel e algunha pequena publicación onde se recollera o romance de Balbina, e así contribuír ao seu desexo de transmitir a memoria do irreparable....
¿Que vos parece?.
De calquera maneira, parabéns, Pepe e Serafín. polo voso labor calado, rigoroso e comprometido.
Saúde
Dionísio Pereira

Anónimo dijo...

Grazas por publicar esto:
Son bisneta de Manuel e Balbina
estou segura que se meu abuelo
ou calquera dos seus irmans
poideran ver esto;gustarialle
moito ou casi tanto coma min.

Anónimo dijo...

DENDE QUE TEÑO USO DE RAZON CONOZCO A HISTORIA XA QUE O MEU AVO JOSE FRAGA VILAN SEMPRE A CONTOU E MORREU CON ESA PENA.GRACIAS A VOSTEDE E OS SEUS COLABORADORES AGORA SABESE A HISTORIA UNHA DE TANTAS QUE ACONTECERON EN ESPAÑA.SON BISNETA DE MANUEL E BALBINA E QUERO AGRADECERLLE ESTA INICIATIVA QUE HONRRA A MEMORIA DE TODA A MIÑA FAMILIA QUE TANTOS ANOS SUFRIU POR ESTA TERRIBLE E APAIXONANTE HISTORIA. ESPERO QUE TEÑA MOIT SORTE NA SUA VIDA E QUE ESTO SIRVA PARA QUE A HISTORIA DO NOSO PUEBLO NON QUEDE NO OLVIDO.

ATENTAMENTE ISABEL CUBELA FRAGA.

Anónimo dijo...

DENDE QUE TEÑO USO DE RAZON RECORDO ESTA ATERRADORA HISTORIA SEMPRE A CONTABA MEU AVO E EL MORREU CON ESA PENA, POR ISO QUERO AGRADECER A TODA A XENTE QUE REALIZOU ESTE TRABALLO A SUA DEDICACION E ESFORZO POR CONTAR UNHA DAS TANTAS HISTORIAS QUE ACONTECERON NESES TEMPOS DE MISERIA E MATANZAS.SEI QUE O MEU AVO PEPE E TODA A SUA FAMILIA ESTARIA CONTENTA DE QUE SE SEPA A VERDADE QUE SE SEPA QUE O MEU BISAVO MANUEL FOI ASASINADO POLO REXIMEN DE FRANCO POR TER AS SUAS IDEAS. DICIR QUE ESPERO QUE ESTO SIRVA PARA ALGO E SE NON E ASI PO LO MENOS ESTE REPORTAXE HONRRA A HISTORIA DE MANUEL E BALBINA.

ATENTAMENTE ISABEL CUBELA FRAGA

Anónimo dijo...

Súmome ó resalte da necesidade de colaborar para que non se esqueza esta historia en particular, e ningunha desde logo.

Coido acertado que se tramite o necesario para que haxa unha boa pedra significativa ca sua placa, na Ponte da Rocha de Tenorio, que lembre os feitos concorrentes no asasinato e que afecte o seu patrocinio ós concellos de Cotobade e Pontevedra, pola sua extraordinaria significación.

Tamén me parez necesario e oportuno que o autor Serafín, e mais algún bisneto si fora posible, presenten o caso, primeiro en Tenorio e logo en Sacos.

Moi impresionante situación a vivida nesta historia, e só vinganza sanguinaria pola custión agraria cando menos, e que apunta directamente á cabeza do Lis (e moi bárbaros compinches, desde logo).

Parabéns: por aquí, con accións como estas e moitas outras, pasa o camiño da verdade e da reparación moral das víctimas afectadas, e, non esquezamos, a nosa recuperación ética como pobo e como personas de sí.

Alejandra Cachafeiro dijo...

Señores Serafìn e Xosè:
O meu nome é Alejandra Cachafeiro Camiña e recido en Bos Aires, Arxentina.
Acabo de lerlle á miña nai, Olga Camiña Monteagudo, de 80 anos de idade a Historia de Balbina e Manuel, pois ela é natural de Figueroa, Cerdedo, e hai persoas e personaxes no relato que ela conocìa moi ben.
O Personaxe é a farmaceutica, "a loba" Gutierrez" unha muller que ela recorda como unha muller sinistra, baixa e regordeta que levaba un gran crucifixo de prata no peito.
O sarxento "Amadeo" Gonzalez era cuñado da miña avoa Carmen Monteagudo.
En agosto do 36 avísana á miña avoa Carmen, Republicana, que "a Loba" habìa mandado "paseala", ese mesmo dìa á tarde Carmen recibe un telegrama de Amadeo Gonzalez, diciendole que se presentase na Garda Civil para cumprimentar uns papeis, era o xeito de avisarlle que se saíse da casa.
A miña avoa puido escapar.
En nome da miña nai e mio, quixese agradecerlles o labor de vostedes de recuperar a Memoria Historica de Galicia.
A historia de Balbina e Manuel, a da miña avoa, do meu pai e a de miles de heroes anonimos mais, vivirà grazas á vosa coraxe e dedicaciòn.
Perdoen o meu galego, se que é moi rudimentario, pero ao escribilo podo sentirme màs preto dunha terra que considero mia.
Co corazòn na man, MOITAS GRAZAS.

Lemos & Romay dijo...

Felicidades por esta páxina!!!por todas as publicacións...seguireina atentamente!!

Un Saúdo

Jesús Rey

Jorge Cubela López dijo...

Noraboa pola iniciativa e todo o meu ánimo para contar estas historias que espero que nunca queden no tinteiro do olvido.
Ademais, emocionoume ler esta historia que o meu pai me contou xa de pequeno porque toca algo na familia política.

Saúdos dende San Xurxo de Sacos.

Xosé Álvarez Castro dijo...

Grazas no meu nome e no de Serafín Fontenla, autor desta entrada e coñecedor polo miúdo da historia de Cotobade.