jueves, 23 de diciembre de 2010

Incidentes anticlericais.



No réxime instaurado a partires do golpe militar, a igrexa tivo un papel moi destacado e desempeñou unha función lexitimadora do mesmo. Esa identificación entre igrexa e réxime franquista xa se fixo visible dende os primeiros momentos,e non hai máis que lembrar o forte contido simbólico que se lle outorgou aos actos de reposición dos crucifixos en escolas e institutos.
Unha das razóns aducidas para xustificar esta estreita relación baseábase nos ataques e persecucións recibidos na etapa republicana. Evidentemente, o enfrontamento estivo presente ao longo desta etapa, con períodos de máis intensidade que outros, ata acadar graos tan elevados coma os que supuxeron a existencia de atentados e incendios contra edificios relixiosos ou asasinatos dos seus membros; actitudes que poden explicarse, pero non xustificarse, pola identificación da igrexa cos sectores máis conservadores e reaccionarios da sociedade e a súa postura belixerante de cara á república ou, xa empezada a guerra, polas reaccións descontroladas tras bombardeos ou outras accións contra a poboación por parte dos sublevados.
Precisamente os inxustificables asasinatos de relixiosos tiveron lugar na zona republicana despois do levantamento militar, agás os localizados en Asturias en outubro do 34. Este incremento de violencia anticlerical a partires do 17 de xullo está recoñecido na mesma “Causa General”:
A partir del 18 de julio de 1936 es cuando la persecución religiosa adquiere su máxima intensidad, pues los grupos marxistas bien armados se lanzan contra los templos y monasterios dispuestos a exterminar a sacerdotes y religiosos...
(La dominación roja en España. Causa general instruída por el ministerio fiscal. Páx. 176).
Menos coñecido é o feito de que, na zona sublevada, tamén houbo encarceramentos e asasinatos de sacerdotes no país vasco e nalgúns outros lugares así como a expulsión do bispo Mújica. Os militares sublevados castigaban así o compromiso cos máis pobres ou as simpatías nacionalistas destes cregos.
Dito o anterior, opinamos que é unha esaxeración evidente soster que o anticlericalismo xorde en España coa 2ª República, pois foi sempre unha corrente máis ou menos presente ao longo da historia, opinando algúns autores que o anticlericalismo é unha característica cultural estable de España, pois como dixo o escritor falanxista Agustín de Foxá, en España sempre andaron detrás dos curas, ou cunha vela ou cunha tranca.
Serva esta pequena digresión como introdución ao relato do acontecido en Pontevedra e zona de influencia en relación con incidentes relacionados coa igrexa durante o período republicano.
As primeiras referencias aparecen no 1931, con pequenas liortas provocadas por persoas que perturban o culto, como o acontecido en Silleda durante a predicación dunha misión, resultando detido un mozo de 19 anos (El Progreso 30-5-31) ou as multas impostas a varios curas por propaganda ilegal e ameazas a republicanos, no mes de xullo. (El Progreso 17-7-31)
O ambiente político non era moi favorable á igrexa e pode ser un exemplo o acordo adoptado polo concello de Poio, no mes de outubro, de dirixir un telegrama ao presidente das Cortes constituíntes, no que, entre outras cousas, pide:
1º.- Separación de la Iglesia del Estado sin jubilación para ninguno de sus miembros y nacionalización de sus bienes incorporándolos al Estado.
2º.- Disolución de todas las órdenes religiosas e incautación de sus bienes sin indemnización.
No ano 1933 teñen lugar varios incidentes en Salcedo, parroquia moi polarizada ideoloxicamente; o 16 de agosto el pueblo disolvió tumultuariamente la procesión de san Roque autorizada por el gobernador. (El País 17-8-33) e, en novembro, nun acto tan sinalado como a misa de ánimas, fan explotar nas portas da igrexa, unha bomba ou, como afirma o gobernador, un cartucho envolvido en papel. En ningún dos casos se produciron danos persoais ou materiais de importancia.
A chegada ao goberno da Fronte Popular tampouco significou un aumento na gravidade dos incidentes e, en maio do 36, organízanse con toda normalidade - anuncios nos xornais e recollida de donativos en diversos comercios - subscricións populares para a reconstrución da capela da Virxe do Camiño, moi deteriorada polo abandono e o paso do tempo.
Nas eleccións de febreiro, o cura de Cerponzóns, secundado pola súa ama de chaves e unhas mulleres, rompe a urna dun colexio electoral. Prodúcese a detención de varios sacerdotes por posturas belixerantes contra o goberno, é o caso do de Vilasobroso (Mondariz) ou o de Oroso (A Cañiza), este último por cuspir publicamente nun retrato de Azaña.
Os sectores máis radicais provocan incidentes nas procesións de Semana Santa na capital, con lanzamento de petardos e cánticos da Internacional ao paso das procesións.
O incidente máis soado de toda a etapa republicana foi o sucedido o 4 de maio de 1936 en Bértola (Vilaboa). Naquela data, o párroco José Estévez Boullosa, recibe a visita do alcalde de barrio, o secretario da sociedade de agricultores e varios veciños que lle piden a entrega das chaves da capela de santa Marta, para instalar nela o centro obreiro. O cura contesta negativamente en tanto non recibira orde das autoridades e, temendo algún acto violento, retirou as imaxes. A capela apareceu coa porta rota, o altar e o retablo destrozados e cos restos dos mesmos colocados á entrada. Os presuntos autores foron detidos pola Garda Civil e encarcerados.
A conclusión que se segue do relatado anteriormente é que a gravidade deste tipo de actos, nunca xustificables, non alcanza na zona pontevedresa o grao de intensidade doutros lugares do estado. Non houbo danos a persoas e os materiais foron de escasa contía pero a repercusión deste tipo de actos vai máis alá dos danos materiais, dada a forte carga emocional que tiña para os crentes.

Imaxe: portada do folleto " La quema de conventos". Publicaciones Españolas, 1959. Madrid.

No hay comentarios: