jueves, 28 de julio de 2011

Paseados... (2)



Como apuntabamos na entrada anterior, a confección dun listado de “paseados” presenta certa complexidade. Os “paseos” eran asasinatos que cumprían, habitualmente, as seguintes características: saca da vítima do cárcere ou apresamento no domicilio ou refuxio, nocturnidade, participación como executores de certos grupos de individuos pertencentes ás milicias falanxista ou das JAP, “cívicos” e asimilados, a morte tiña lugar fóra dos núcleos habitados e os cadáveres aparecían de madrugada en determinados lugares como as proximidades dun cemiterio, carreteiras de acceso á cidade...buscando o efecto de amedrentar á poboación.
Pero hai algúns asasinatos como os afondamentos ou os ocorridos en certos incidentes, que engaden dificultades para a súa adscrición. Os afondamentos, na maioría dos casos, son continuación da morte por fusilamento ou a consecuencia das torturas, ou sexa, habitualmente, son a fase final dalgúns “paseos”. No caso de Pontevedra, debemos lembrar o sucedido co avogado e concelleiro conservador, Alberto Martínez Tiscar; detido de madrugada no seu domicilio por un grupo de gardas civís e “cívicos”, foi conducido a Bueu onde, na compaña doutras persoas, fusilárono e o afondaron no mar. Andrés Dacosta Paz apunta a existencia de testemuños que indican que o mestre pontevedrés, socialista e masón, Manuel Pedreira Pazos, foi un dos que compartiron sorte con Tiscar. Ningún dos dous aparece no noso listado pois o “paseo” tivo lugar fóra de Pontevedra, como tamén foi o caso doutros pontevedreses que atoparon a morte lonxe do noso concello.
Outras veces as mortes foron presentadas como consecuencia dun enfrontamento coas forzas de seguridade; así sucedeu en Salcedo o 12 de decembro de 1936; o volume de forzas intervintes e o incendio provocado, fixo que os feitos tiveran unha repercusión distante do secretismo habitual dos “paseos”. Consideramos “paseo” o asasinato de Manuel Méndez Montes e Juan M. Gómez Corbacho? Neste e en casos parecidos non o fixemos.
En diversas publicacións aparecen como “paseadas” persoas que, cando investigamos nos xornais da época, aparecen consideradas como suicidios; é imposible comprobalo con total certeza e teñen que ser outras circunstancias as que determinen a tipoloxía da morte. É o caso de Benito Acuña Gallego, Ricardo Eymar Fernández, Antonio Gallego Moya, Benito Pérez Losada e tamén algún outro que aparece morto por disparos no seu domicilio. O caso de Acuña xa foi comentado na entrada anterior.
Ricardo Eymar, tenente coronel, 57 anos, orixinario de Toledo, apareceu nos arredores da capital gravemente ferido sendo ingresado no Hospital e falecendo horas despois. O xornal falanxista El Pueblo Gallego escribe
“...Presentaba cortes de navaja en distintas partes del cuerpo, que él mismo se había dado con ánimo de suicidarse. Ignoramos los motivos de esta resolución y se nos dice que el señor Eymar padece de trastorno mental” (EPG, 4-10-1936)

Antonio Gallego Moya, garda de seguridade, 54 anos, vivía coa filla xunto ao cárcere pontevedrés. Neste caso é o Diario de Pontevedra o que nos dá a nova:
“...sorprendida por la detonación de un disparo de arma de fuego, la hija de Gallego, que se encontraba en la cocina preparando la comida, acudió a la habitación de su padre, encontrando a este moribundo. Presentaba un tiro en la sien derecha, con salida de proyectil por la izquierda [...] lo que hace suponer que se suicidó en un momento de perturbación mental”
(DP, 19-10-1937)

Benito Pérez Losada, coñecido como “o coxo”, de Estribela, 31 anos, apareceu no quilómetro 1,700 da vía do tren, lugar de A Caeira. O titular do Diario de Pontevedra é inefable: Un joven se arrojó al paso de un tren. Era un aburrido de la vida y quedó muerto en el acto. A continuación describe os feitos:
A las tres y cuarto de la tarde de ayer, un hombre que al parecer iba paseando al lado de la vía por la Caeyra (sic), se arrojó de pronto hacia los raíles, en el momento en que avanzaba un tren de mercancías que se dirigía a Villagarcía [...] Estaba cojo y enfermo, por lo que se supone que aburrido de la vida decidió arrojarse al paso del tren. (DP, 28-4-1937)

Hai outro suicidio que tamén merece comentario: o do practicante Afrodisio Martínez Menéndez, sucedido o 23 de outubro de 1936; a intervención do xuíz militar e o rexistro da morte como causada por “hemorragia interna por disparos de arma de fuego” poden explicar que algúns autores o consideren como “paseado”. Os xornais cualificaron a morte como accidente:
Muerte sentida. Víctima de un inesperado accidente ha dejado de existir en la mañana de ayer el culto y conocido practicante de Medicina don Afrodisio Martínez. El finado gozaba de generales simpatías y su muerte fué muy sentida” (Diario de Pontevedra, 14-11-1936)
A realidade foi outra: Afrodisio, falanxista e membro da Guardia Cívica pontevedresa, estivo implicado en irregularidades económicas na mesma o que, parece ser, o levou ao suicidio.
As causas de morte que aparecen nos rexistros non sempre aportan claridade aos casos, atopamos numerosas veces “hemorragia interna”, “colapso cardiaco”, “ Parálisis del bulbo raquídeo”, “Lesión al corazón” e outras igual de equívocas, fronte ás máis descritivas e explícitas de “ Lesiones producidas por disparos de arma de fuego”, “Rotura de corazón por arma de fuego”, “Cuatro heridas de armas de fuego penetrantes en el tórax”, “Fusilamiento”... Este feito fai que os investigadores poñan a atención en calquera causa de morte de tipo traumático e, se a hora ou o lugar da morte son sospeitosos, pode levar a confusión e clasificar como “paseo” o que foi consecuencia dun accidente de tráfico entre un ciclista e un camión no empalme de Lérez, como foi o caso de Manuel Filgueira Fontenla, sendo máis grave a confusión -fóra da provincia de Pontevedra- cando se atribuíu a condición de “paseado” ao militar golpista Eugenio Jack Caruncho, morto en accidente en Santiago.
Caso distinto é o sucedido con Emilio Areán Moure, na súa morte dábanse todas as condicións: militancia política, participación nos sucesos de xullo do 36 e morte por “hemorragia interna” a finais de xullo; o profesor Manuel Igrexas, investigador nas terras do Deza, faime chegar a información, baseada en testemuños da familia da vítima, de que a súa morte no Hospital pontevedrés foi a causa dunha caída da camioneta cando participaba, xunto con compañeiros chegados a Pontevedra, na defensa da república.
O feito de que haxa persoas a quen se “pasea” despois de seren xulgados e condenados en Consello de Guerra, pode explicar que se atribúa aquela condición a vítimas que temos documentadas como fusiladas coas formalidades xudiciais; sucede así con Albino Sánchez Leiro “O Perrita”, Joaquín Blanco Vázquez ou Serafín López Otero, sometidos os dous últimos a consello de guerra o 7 de outubro de 1936 e fusilados o 14 de dito mes. Máis sorprendente é a afirmación, que aparece nunha coñecida Historia de Pontevedra, de considerar “salvado milagrosamente”, facéndose o morto logo do “paseo”, ao taxista José Pintos que, desgraciadamente, foi asasinado en Pontevedra o 27 de agosto do 36.
Un tema que tamén aporta confusión é o dos “desaparecidos”. As desaparicións poden deberse a “paseos” nos que non se atopou o cadáver ou non hai constancia por fontes fiables da morte, pero tamén hai evidencias de desaparicións debidas a fuxidas ao estranxeiro, entrada na guerrilla, etc. Un caso xa tratado nestas páxinas foi o de Jesús González González, o “Suma y sigue”, a quen non debemos confundir cun “paseado” que aparece no listado do mesmo nome pero que era coñecido por “Pernas”.
Notas sobre o listado publicado na entrada anterior:
Godoy Rago, José: o segundo apelido é Lago.
Otero Lago, José; Pando Rivero, Luis e Oubiña López, Manuel non foron “paseados” senón executados na Caeira, ás sete da mañá do 4 de decembro de 1936 por unha compañía de gardas de asalto, logo dun consello de guerra celebrado o 21 de novembro.
A continuación coloco unhas gráficas, elaboradas a partires dos datos do listado, sobre os “paseados” en Pontevedra:

No hay comentarios: