domingo, 29 de abril de 2012

Agricultores de Salcedo (1)


O pasado 14 de abril quen isto escribe falou en Salcedo sobre a represión naquela parroquia; o acto formaba parte da I Xeira do Patrimonio do Rural e estivo presidido pola bandeira da antiga Sociedade de Agricultores, felizmente rescatada e depositada no concello por don Arturo Estévez. Nesta entrada tratarei da historia dos agrarios desta parroquia.
No ano 1897 foi fundada a sociedade de agricultores de Salcedo, un ano despois das de Lérez e Marcón, a primeira delas foi pioneira en Galicia, non só pola data de fundación senón tamén polo papel destacado que tivo nas iniciativas levadas a cabo polo asociacionismo agrario galego antes de 1936.
Os veciños de Salcedo xa foran noticia en todo o estado polos sucesos do Campo da Porta. No interesante blog “Fol de Veleno Weblog” hai un artigo sobre estes sucesos no que se recollen testemuños orais do coñecemento que os veciños de Salcedo conservan sobre os feitos. Non está de máis tratar polo miúdo o sucedido.
 A última década do XIX estivo caracterizada na nosa bisbarra pola proliferación de motíns populares contra o cobro de impostos, o máis destacado foi o protagonizado por vendedoras da praza e leiteiras de Pontevedra en xullo de 1892 na ponte do Burgo.
    O 19 de xuño de 1894 chegaron ao Campo da Porta os axentes do arrendo encargado da cobranza das células, eran José Caramés, José Benito Cochón e Andrés Rodríguez e viñan protexidos por unha parella da Guardia Civil. A chegada desta comitiva produciu gran excitación entre los paisanos por considerar abusivos e injustos los procedimientos de cobranza, siendo los agentes maltratados. Os recadadores fuxiron poñéndose a salvo na casa do concelleiro da parroquia sr Salgueiro e os gardas volveron ao cuartel e informaron do sucedido. Dende o cuartel saíron un tenente e once números para rescatar aos recadadores e impoñer a orde.
    Os veciños foron convocados con bucinas e fixeron fronte aos gardas. A primeira versión dos xornais foi a de que algúns veciños deran un golpe na cabeza ao tenente e que outros tentaran desarmar aos gardas; tamén afirmaban que a forza fora recibida a pedradas. O xornal barcelonés La Vanguardia (21-6-1894) calificaba os sucesos de motín e afirmaba que  
la multitud agredió a los recaudadores y a los guardias civiles que les acompañaban. La agresión hizo necesario el empleo de las armas, resultando de la colisión dos hombres y una mujer muertos, tres heridos y muchos detenidos.
    Os mortos foron Francisco Piñeiro, José Rodríguez Rial e Manuela Couso, esta última atopábase encinta e tiña un neno pequeno no colo cando recibiu un balazo; tamén foron feridas as súas irmás María e Benita. Os gardas civís feridos foron José Iglesias na perna dereita, Gerardo Conde na cabeza e nun brazo e o sarxento Hermógenes López tiña a levita atravesada por unha navallada.
    Os feridos foron trasladados  ao Hospital Provincial, tamén os mortos para serlles efectuada a autopsia. Foron detidos varios veciños, entre eles os que foran ao xulgado a dar parte do sucedido e que eran o alcalde de barrio Manuel Gallego e os seus acompañantes José Blanco Pintos, Ignacio Pintos, Manuel González, José Carabelos Fernández e Manuel Rial. O xuíz municipal sr Boullosa instruíu as dilixencias que resultaron en dous sumarios: un por desacato e ameazas aos axentes do arrendo das células e outro por atentado á Guardia Civil. O comandante da Guardia Civil tamén instruíu sumario nomeando instrutor ao capitán Francisco Blázquez.
    O xornal Gaceta de Galicia (23-6-1894) relataba o enterro das vítimas: 
Después de las cinco de la tarde salieron del Hospital los tres féretros encerrando los cadáveres de las víctimas. Era una comitiva severa y tristísima. Las tres cajas negras y sencillas, y conducíanlos en hombros paisanos de Salcedo. Labradores convecinos de los fallecidos llevaban también las cintas de los féretros. Seguían dos sacerdotes y tras la presidencia del duelo marchaba un gentío inmenso, casi toda la parroquia de Salcedo, con muchas más personas de Pontevedra. Sinnúmero de mujeres vecinas de las que fueron víctimas del suceso lloraban con desconsuelo y sus gemidos y sus llantos eran desgarradores.
    A solidariedade coas familias dos falecidos non se fixo esperar e, en Pontevedra, ábrese unha colecta  facendo notar que, se ben o viúvo non quedaba nunha situación desamparada en canto a recursos para vivir, as viúvas e orfos quedan en la situación más deplorable y triste. Los dos muertos eran trabajadores que sostenían a sus familias con el producto de su exiguo jornal.
    Algúns xornais piden a posta en liberdade dos detidos e non se explican que os gardas civís non estean sometidos a consello de guerra. Destaca Unión Republicana que lamenta o feito de que despois de pedirlle á banda de música Popular que suspendese o concerto da Ferrería, a ameaza de darse de baixa por parte de socios da citada banda logrou que o concerto se celebrase. A prensa tamén critica  a actitude do concelleiro Salgueiro e pide que non volva ao concello.
    Pero a repercusión do suceso acada dimensión estatal, o deputado conservador Fernández Villaverde anuncia unha interpelación ao goberno e anticipa a opinión de que no motín, aínda que os gardas civís agrediron á multitude, o verdadeiro culpable era o gobernador civil por non saber evitar a colisión. O deputado liberal Eduardo Vincenti, xenro de Montero Ríos e Director Xeral de Instrucción Pública, pide que compareza o gobernador para explicar o ocorrido, que o ministro de Facenda instrúa expediente á compañía arrendataria do cobro de células persoais e que se adopten  medidas para que o imposto se reparta equitativamente en toda España. Aproveita para sacar rendemento político da súa postura e telegrafía ao alcalde de Pontevedra:
 ...Pedí ministro Hacienda atienda clamores labradores bastante esquilmados ya por consumos y afirmé debe plantearse el impuesto en relación y armonía entre vecinos y Hacienda, pues ganarán todos y no se perturbará la paz pública. Comuníquelo prensa y Junta Artesanos y abra suscripción para familias muertos, apuntándome con doscientas pesetas.
 O deputado republicano Salmerón interpela tamén ao goberno, di que se trata de verdadeiros asasinatos,  pide que se impoña castigo aos culpables e censura o sistema de arrendamento de impostos. O ministro de Gobernación ofrece a versión oficial e afirma que se tratou dun motín contra o recadador das células apoiado polos gardas civís e que estes dispararon para repeler a agresión, se ben recoñece que o gobernador incorreu en deficiencia por non acudir a Salcedo; promete que se depurarán os feitos e farase xustiza.
    Como vemos, os conservadores aproveitan a ocasión para saldar contas cos liberais, agora no goberno, pola actitude daqueles, cando estaban na oposición, sobre os citados motíns do Burgo. Republicanos e socialistas estarán detrás da organización dos labradores impulsando a fundación de sociedades agrarias no 1896.
    O fiscal pediu no seu informe que se deixase sen efecto o procesamento dos detidos poñéndoos inmediatamente en liberdade por non haber cargos contra eles e si contra a Guardia Civil por facer uso das armas.

No hay comentarios: