domingo, 13 de mayo de 2012

Agricultores de Salcedo (2)



      Pero volvamos á sociedade de agricultores da parroquia. En 1903 organizou un mitin en Salcedo que foi prohibido pola autoridade por tratar asuntos non autorizados e que dou lugar a unha manifestación de protesta ata o Goberno Civil; xunto co resto das agrarias pontevedresas participa en diversos congresos como o celebrado en Pontevedra en 1908, organizado pola sociedade de agricultores de Lérez e que reuniu a máis dun cento de sociedades. Formou parte da Federación Agraria Comarcal, de orientación comunista. Na propia parroquia tivo a competencia dunha sociedade agraria antimarxista, impulsada por homes de Víctor Lis, e da que Silva Ferreiro afirma que contaba con douscentos afiliados. O xornal El País (7-2-36) refírese a ela do seguinte xeito:
 existe una sedicente Sociedad Agraria inspirada en el credo fascistoide que fué engendrada por unos individuos insolventes, con el único objeto de reducir por hambre y conquistar a la antigua sociedad de agricultores, de significación proletaria que hace muchos años está constituída.
    As actividades das agrarias non se limitaban a cuestións relacionadas co campo e, no caso de Salcedo, contaba cun equipo de fútbol que levaba o nome de “Estrella Roja”. O compromiso desta sociedade coa esquerda era evidente, dende a participación na candidatura agrario-obreira nas eleccións municipais de 1931 ata o apoio á Fronte Popular no 36. O triunfo frontepopulista foi celebrado en Salcedo cun festival campestre organizado pola sociedade de agricultores; nel participaron grupos de gaitas tocando pola mañanciña dianas e alboradas dun “marcado sabor izquierdista”, a banda de música de Arcade dou un concerto no campo da festa, logo de facer a entrada cos sons do himno de Riego e de La Internacional e, xa entrada a tarde, un espectáculo que aínda hoxe está na memoria das xentes: o concerto polifónico de Los Cuchipandistas Antifascistas e os monólogos do incomparable José Peón interpretando El Straperlo, El último pirata e El golfo de Méjico, nos que satirizaba a personaxes como Lerroux, o banqueiro Juan March e o deputado radical Emiliano Iglesias.
    Dirixentes agrarios de Salcedo destacaron en tempos da república, lembremos a Francisco Fernández Blanco, “Sacheiro”, camareiro do Savoy, comunista, secretario da Federación Comarcal e do comité organizador do congreso agrario de 1935. Interveu no mitin do primeiro de maio de 1936 celebrado na praza de touros de Pontevedra. A prensa ofrece un resume da súa intervención:

Dirige duros ataques al capitalismo y se pronuncia en contra sobre el impuesto de plagas del campo, que agrava aún más la precaria situación del campo gallego. Dice que no es el momento de hacer discursos floridos, sinó de organizarse para dar la batida final, que con los emblemas del trabajo que figuran en la bandera proletaria aplastemos -agrega- y segaremos la cabeza del odioso capitalismo e implantaremos nuestro Gobierno obrero y campesino. (El País 2-5-1936).
 Participou activamente na defensa do concello pontevedrés en xullo de 1936, foi un dos oradores que, dende o balcón do concello, falou á xente alí congregada e proclamou que, se saíse o exército, era necesario loitar dando o peito, rematou a intervención con gritos de ¡Viva o comunismo! e ¡ Viva a revolución!. Foi “paseado” o sete de setembro de 1936.
    Outro dirixente agrario importante foi José Gallego Acuña, vicepresidente do comité organizador do congreso agrario de 1935 e concelleiro pontevedrés pola candidatura agrario-obreira no 1931. “Paseado” en Ponte Sampaio o 24 de agosto de 1936.
    Logo do golpe militar, os bens das sociedades agrarias foron incautados e a sociedade de Salcedo figura co número trinta no expediente de responsabilidades  políticas procedentes de entidades marxistas.

No hay comentarios: