martes, 4 de septiembre de 2012

Masonería en Pontevedra (IV): Adeus a unha antiga sé masónica.



Fai anos falamos neste blog da loxia masónica que se reunía nun local do barrio pontevedrés do Burgo. Logo do golpe militar, na década dos corenta, algúns dos asistentes a esas reunións foron encausados por sospeitosos de afiliación masónica e tamén escribimos aquí sobre as súas desventuras. Entre os asistentes ás reunións atopamos personaxes tan coñecidas como o boticario Joaquín Maquieira, o médico Amancio Caamaño, o ex-alcalde Andrés Corbal, o concelleiro Arturo Rey, o procurador Maximiliano Pérez Prego e os avogados Isidoro Millán, Joaquín Poza Juncal, José Echeverría e Avelino Silva Güimil, entre outros.
O último dos citados, Avelino Silva, solteiro, natural de Meis e veciño de Pontevedra; estivo afiliado ao Partido Republicano e asistiu á xuntanza de Lestrove en 1935 representando ao Partido Republicano Federal; no 1931 participou na fundación do Partido Radical do que foi o primeiro presidente en Pontevedra e, no 34, solicita a alta en Unión Republicana. Entre as súas amistades atopamos personalidades pertencentes á masonería como Gonzalo Martín March (gobernador civil de Ourense en tempos da República), Manuel Guillán Abalo, Amancio Caamaño e Gerardo Abad Conde, de quen afirma que foi o lles insinuou ao grupo de persoas antes citado a creación dunha loxia.
Avelino Silva foi procesado por masón a pesar de negar esta pertenza.
Non foi fácil a localización da casa do Burgo na que se reunían “con objeto de leer las Hojas Libres y hablar de política”, como afirma Silva ao ser interrogado en 1937; logo de localizar nova documentación sobre a masonería na nosa capital, xa se pode afirmar con total seguridade que a loxia estaba radicada na casa, propiedade de Avelino Silva, na que (ironías do destino) estivo situado moitos anos o cuartel da Garda de Asalto e , despois, da Policía Armada.
Esta casa apareceu ultimamente nos medios de comunicación debido a que é unha das expropiadas na reforma do campo de Pasarón e que será derrubada proximamente. Pérdese así un edificio histórico máis da nosa Pontevedra.

No hay comentarios: