Adicado a José Antonio Mera, José Luis , Javier e Maite Caramés e Merche
Espiño, un retallo da historia familiar compartida.
A consulta de documentación da causa
militar 1171/36, contra Manuel Villamayor (tenencia ilícita de
armas) e Eugenio Espiño e Víctor José Bugallo (intento de
organización de sociedades ilegais), proporcionou máis información
sobre a personalidade de Euloxio Espiño Amil. As actuacións
iniciáronse o 5 de agosto de 1936.
A Villamayor atopáronlle un sobre con
documentos do partido comunista e outros escritos que lle foran
entregados por Euloxio. Nas declaracións dos inculpados recoñecen
que José Espiño Moreira, primo de Euloxio e tenente de alcalde de
Silleda, lles falara de organizar o partido comunista, cousa que
aceptaron pero que non chegaron a realizar na práctica e sen que
Euloxio chegara a actuar como presidente. Entre o incautado aparece
unha relación cos compoñentes da célula nº 11 constituída por:
Eulogio Espiño (nº 89), José González, Ramón Sobrado, Ramón
Conde, Manuel Villamayor, Ismael Rey, Perfecto Sobrado, José
Iglesias e Víctor Bugallo.
Víctor José Bugallo, zapateiro de 32
anos, casado, foi detido no Carballiño o 30 de agosto. Será
fusilado en Pontevedra o 11 de maio de 1937. José Moreira Espiño
permanecerá agochado varios anos e as autoridades coidaban que
fuxira a América.
O alcalde de Silleda informa ao xuíz
instrutor que Euloxio non se atopaba en Fiestras pois estaba no
lugar de “Granja de Espiño” en Poio; esta confusión entre a
granxa dos Espiño na Bouza (Xeve) e o lugar da Granxa (na realidade
en Sanxenxo e non en Poio), proporcionou un tempo precioso para que a
familia puidese poñer a salvo a Euloxio e, a través dos seus
contactos no Goberno Civil pois lle vendían o leite ao gobernador,
preparase a súa posterior presentación a primeiros do mes de
outubro.
Nas declaracións e nun careo con
Villamayor, nega ser o presidente da célula comunista de Fiestras,
manifesta que nunca lle entregaran o carnet nin, por suposto,
cotizara para o partido, pero recoñece que lle entregara a
Villamayor o sobre. Na indagatoria descríbese a Euloxio, de 27 anos,
solteiro, albanel, como
de estatura regular, ojos pardos, pelo castaño, cara enjuta y como señas particulares tiene la dentadura del maxilar superior postiza toda ella menos un diente.
O 12 de outubro ingresa en prisión
segundo consta nun escrito asinado polo inspector provincial de
prisións Lago Búa.
O informe do comandante de posto da
Guardia Civil sobre Villamayor e Espiño, afirma que son persoas de
boa conduta persoal pero en canto á política
siempre han pertenecido a partidos de extrema izquierda, propagandistas del comunismo y desempeñaban ultimamente los cargos de secretario y presidente respectivamente de la Sociedad comunista de Fiestras
Noutro informe posterior, a comandancia de Pontevedra confirma o
anterior e engade a condición de “simpatizante con los
revolucionarios de Octubre de 1934.”
O sete de novembro, o auditor de guerra
considera que non se atopan méritos suficientes para reputar
xustificada a perpetración do delito e pide o sobresemento
provisional aínda que, por acreditarse a militancia comunista, os
imputados debían pasar á competencia gobernativa para que actuara
ao respecto.
3 comentarios:
Ola, o meu nome e María Xosé Amil González. O Euloxio do que fala o artigo creo que era parente lexano meu. Eu son nativa de Fiestras. Outro do que fala José González, pode que fose meu avó (pai de miña nai)
Parabéns polo artigo
Saúdos
María Amil
A persoa da que fala no artigo creo que era parente lexano meu. "José González" pode que sexa meu avó-
Parabéns polo artigo
María Amil
Grazas polos parabéns. Sobre José González non aparecen máis datos que o seu nome no listado. Saúdos
Publicar un comentario