domingo, 4 de octubre de 2015

Con nome de muller.


É unha nómina de mulleres represaliadas, un listado incompleto, parcial, porque o conxunto de mulleres represaliadas directamente aumenta a medida que imos coñecendo máis polo miúdo a práctica represora dos golpistas. Sobre mulleres represaliadas en xeral xa teño escrito neste blogue fai varios anos, sobre algunhas, de forma máis detallada, noutras entradas e outras están no listado de tarefas pendentes.
Nesta entrada pretendemos ofrecer unha serie de nomes de mulleres veciñas de Pontevedra, acompañadas de moi breves referencias que permitan coñecer o contexto no que sufriron persecución. Sirva de pequena achega neste ano de homenaxes a estas mulleres na nosa cidade e tamén como unha chamada demandando máis información que permita completala.
Elvira Lodeiro González, muller do chofer da liña de autobuses a Cangas Juan Manuel Gómez Corbacho, fusilada aos 28 anos estando embarazada. Xunto con Consuelo Acuña Iglesias, de 60 anos, veciña de Salcedo e tamén executada, foi protagonista dos sucesos de Salcedo a finais do ano 1936.
Elvira Fernández Gracia era unha moza de 21 anos que militaba no partido socialista; o 20 de xullo resultou ferida por disparos das tropas rebeldes. Estivo procesada e presa varios meses. O seu irmán Germán foi fusilado; tiña motivos para que lle atribuísen ser “de genio levantisco”.
As Corseteiras era o alcume que tiñan as irmás Martínez Fernández por adicarse a esta profesión. Residían na rúa Michelena e tres delas, Aurora, Nicereta e María foron xulgadas por rebelión militar. Militantes socialistas e destacadas na axuda aos presos como presuntas integrantes do Socorro Rojo. A súa sobriña Peregrina Martínez Santos, mestra, sufriu procesamento por rebelión e foi depurada con suspensión de emprego e soldo.
Acusadas tamén de traballar para o Socorro Rojo, foron interrogadas, en xuño de 1938, as irmás Esclavitud (Tucha) e Serafina (Fina) Dios Vázquez, irmás de Edelmiro, “paseado” en setembro de 1936; pertencían á familia propietaria da ferrería do Pino. No mes de agosto do 36, a súa casa foi vixiada día e noite esperando deter a Edelmiro, mataron a culatazos un can da familia e os rexistros nocturnos foron continuos. Antes de que mataran a seu irmán, Serafina foi levarlle comida ao cuartel da Feira e comprobou que Edelmiro xa non podía falar a consecuencia das malleiras recibidas, ao día seguinte aparece o seu cadáver en Bora. En outubro, pai e fillas son detidos pola noite, conducidos ao cuartel da Feira e posteriormente ao cárcere; o pai estivo detido sete meses e tivo que pagar unha elevada sanción económica. Esclavitud e Serafina estiveron un mes presas no cárcere de mulleres. As condicións do cárcere eran deplorables: piollos, chinches... había que matalos fervendo a roupa nunha ola. As presas non podían ir ao retrete polo día e habilitaron unha especie de reservado con sabas na sala, alí tiñan unha tina, o “zambullo”, no que facían as súas necesidades. Cando quedaron libres ían levarlle a comida a seu pai ao cárcere; prohibíronlles poñer loito polo irmán e aproveitaron a morte da avoa para vestir de negro.
No cárcere coincidiron con Emma Mourón Álvarez, natural de Tui, de 37 anos, que criaba o seu fillo Carlos, recén nacido e que compartía prisión coa nai. Emma era considerada nalgúns informes, de xeito pexorativo, como a “querida” ou a “amante” do alcalde Manuel García Filgueira, que estaba fuxido. Fora inculpada xunto a outras mulleres nun proceso que ao final foi sobresido.
Unha característica común á práctica totalidade das mulleres represaliadas directamente era a de ser compañeiras ou familiares de militantes republicanos, algunhas sen militancia política coñecida; este foi o caso de Josefa Arruty, muller do dirixente de Izquierda Republicana Tafall ou Custodia Gama, pertencente a unha familia, os Gama, duramente castigada. Ambas estiveron presas e sufriron outro tipo de castigos.
Foi instruída causa contra un grupo de mulleres, familiares de fuxidos, presos ou fusilados, acusadas de pretender utilizar como reféns a mulleres de oficiais do Exército para evitar que triunfase o golpe. Foron: Hermosinda Blanco, muller de Ricardo Villamil; Luisa Rodríguez Pereira “A Chinita”, xastra de Lérez; Victoria Méndez Laredo, María Fandiño Estévez “ A Fandiña”, integrante dunha coñecida familia de churreiros dos que un dos seus membros, Antonio, comunista, estivera implicado no asasinato de Secundino Esperón; Carmen Abuín Díaz, muller do fusilado Germán Fernández Gracia; Dolores Lois Soto, muller do executado Ramiro Paz e as citadas Emma Mourón e Elvira Lodeiro. A causa rematou con sobresemento o que non evitou a algunhas o cárcere por disposición gobernativa.
Otilia Meis Pintos, filla do “paseado” Ramón Meis, sufriu detención, procesamento e cárcere. Flora Rey Iglesias, enfermeira, foi xulgada por rebelión militar e condenada a seis meses e un día de cárcere.
A veciña de Lourizán Asunción Vilas López foi condenada por auxilio á rebelión a 12 anos de prisión sendo unha das pontevedresas presas no cárcere de Saturrarán. Dolores López Prieto, viúva, de Salcedo, tamén procesada por auxilio á rebelión, foi condenada a doce anos e un día que conmutaron por un ano de cárcere.
Josefa Olmedo Martínez “La Caramelera”, nativa de Pamplona e cuñada de Maruja Fandiño, foi detida por orde gobernativa e pasou máis de sete meses no cárcere, sen que tan sequera lle tomasen declaración. Por ocultar o fuxido Gerardo Bao (fusilado sen formación de causa) foron detidas en xaneiro de 1937 as veciñas de Salcedo Pilar, María e Josefa Padín.
Mercedes Torres Sánchez exercía a prostitución na Moureira, xunto con Benito Lago foi acusada de ocultar o fuxido José Pintos (“paseado”), procesada por auxilio á rebelión e estivo presa a disposición gobernativa.
Deixamos fóra desta relación, na espera de novas entradas, ás funcionarias depuradas e ás mulleres detidas nas décadas do 40 e 50 por actividades de apoio á guerrilla ou por actuacións relacionadas co abastecemento e o estraperlo a pequena escala.

No hay comentarios: