Fai uns días asistimos en Pontevedra á
presentación do libro “Seique” de Susana Sánchez Aríns(Através editora); casualidades da vida fixeron que, poucos días
despois, atopase algunhas novas sobre o protagonista, “un fascista
tan sen importancia que nin sequera aparece nos arquivos” como di a
autora; pero si que aparece, hai moitas máis pegadas documentais do
pasado do que habitualmente se pensa, o difícil é atopalas pero
algunhas veces, como neste caso, a sorte está con nós.
Algúns dos que traballamos na
investigación da represión temos un caderniño no que imos
apuntando cousas: misterios a descifrar, cousas que non cadran,
peticións de información, nomes de desaparecidos, en fin, zonas de
sombra que esperan o día no que un raio de luz ilumine a historia.
No meu caderno tiña apuntado o nome de Manuel García Sampayo, sobre
quen me preguntara Susana fai bastante tempo.
O 28 de marzo de 1937, entre as doce e
doce e media da noite, foi asasinado en Ribadumia o taberneiro
Daniel Varela Muñíz. O xuíz de Cambados, Manuel Lojo, procede a
incoar o sumario; poucas veces atopei unha descrición tan minuciosa
nunha dilixencia de recoñecemento de cadáver:
el cadáver de un hombre, boca arriba, bañado su rostro en sangre [...] se le aprecian nueve heridas contusas en la cabeza, cuatro de ellas en la región frontal, dos en la temporal izquierda, una en la comisura labial derecha y dos en la parte inferior del occipital; también presenta en el párpado superior del ojo izquierdo, un orificio de entrada de un proyectil con salida por el lado derecho de la región occipital y en el tercio superior del brazo derecho y en su cara posterior de dicho miembro, se aprecia un orificio de salida de un proyectil y que tiene su entrada en su cara anterior, con probable fractura de húmero.
O cadáver estaba a medio vestir e hai
sinais de violencia por todas partes. Sucédense as declaracións; a
Guardia Civil recolle os rumores que apuntaban ao cura de Ribadumia
como indutor. O trece de xuño, o xuíz decreta a detención de
Manuel García Sampayo, que ingresa no cárcere de Cambados o día
seguinte, un día máis tarde ingresa Adolfo Martínez; ambos eran
militantes recoñecidos da Falanxe que, o 17, expúlsaos por
“indeseables e indignos de vestir la camisa azul.” O auto do xuíz
aprecia indicios racionais de que os citados, xunto con Ricardo
Caamaño (criado dos de Portarís, a familia de Sampayo) e un tal
Aguiño, foran os autores do crime. Ricardo e Aguiño xa non se
atopaban na localidade pois parece ser que estaban combatendo na
fronte.
Como os inculpados eran falanxistas e
estaban militarizados, o xulgado inhibiuse e a causa pasou á
autoridade militar.
O acusado presentou de xeito reiterado
escritos nos que defende a súa inocencia e apunta cara outros
posibles culpables e intúese que coñece moi ben as declaracións
que prestan as testemuñas; sucédense as declaracións ao seu favor
e achégase unha batería de informes favorables a Sampayo, por
exemplo o do cura de Besomaño:
no solo observó siempre buena conducta moral y religiosa, sino que es uno de los feligreses que merece ocupar un puesto de los más distinguidos por su docilidad, humildad y religiosidad nada comunes, contribuyendo con su buen ejemplo a la moralización de sus compañeros y vecinos. En cuanto a política tanto el como toda su familia fueron de derechas y desde que se inició el glorioso movimiento nacional fué, en la localidad, el más destacado defensor del mismo.
O informe da Guardia Civil de Cambados
destaca a pertenza ás Milicias de FET y de las JONS (xefe da escuadra
de Ribadumia) e que, dende os primeiros momentos, ofrecérase para
actuar contra os revolucionarios colaborando con entusiasmo no
restablecemento da orde pública e nas batidas nos montes para a
detención de extremistas; recalcan que sempre cumpriu as ordes
exactamente e sen extralimitacións.
O seu pai, Manuel García Moreira,
concelleiro na Ditadura de Primo de Rivera e membro da Comisión
Xestora logo do golpe,
después de haber criado quince hijos, de los que uno murió en la guerra de África, dos se hallan actualmente sirviendo a la Patria en el Glorioso Ejército en los frentes de combate, una hija monja y otra trabajando para el Ejército, otro hijo desempeñando el cargo de Teniente de Alcalde del Ayuntamiento de Meis
tamén intercede polo fillo e culpa a familia do falecido
de que
busca, entre sus amigos, compinches y correligionarios , individuos que se presten a declarar contra mi citado hijo. Así y todo, no pudieron encontrar, ni entre esa gentuza, quien hiciese cargos concretos contra mi hijo, y reducen sus manifestaciones a decir que suponen, que creen, que oyeron, que fulano le dijo, etc, etc, dándose el caso que la acusación principal la ponen en boca de un sujeto de filiación comunista que desertó de nuestras filas pasándose a los rojos.
Aduce que, polos seus achaques e a
falta do fillo, non pode facer fronte ao peso da casa.
O capitán que exerce de xuíz
instrutor, de maneira reiterada, rexeita as peticións de liberdade
porque, se ben non foron confirmados os indicios e sospeitas,
tampouco se presentaran probas que os desvirtúen. Tamén se permite
responder ás queixas do pai de Sampayo lembrando que, cunhas
propiedades que valían máis de trinta e cinco mil duros, ben
podería valerse de xornaleiros, como facía antes, e non precisar a
axuda do fillo detido. A irmá Waldina, de 17 anos, renuncia a
declarar.
Algunha testemuña apunta que se viu a
Sampayo, antes do crime e fronte á casa da vítima, dicir a media
voz:
este home non aprende, vai con unha, vai con dúas e ás tres non vai a chegar; calquer día voulle a voar os sesos da cabeza por enrriba (sic) das tellas [...] Boeno, total ten poucos días de vida
Outras apuntan a que o cura de Ribadumia negárase a
publicar as amoestacións do falecido e dixéralle a familiares da
moza que o casamento sería funesto, pois Daniel “tenía que
aparecer muerto cualquier día”. Pero hai moitas persoas que
declaran contradicindo os testemuños acusatorios e negando
manifestacións anteriores.
O instrutor acaba por recoñecer as
dificultades e non poder “hacer más luz en las sombras que rodean
el hecho de autos”. O auditor de guerra considera procedente o
sobresemento provisional e os detidos saíron en liberdade o 12 de
novembro de 1938. A familia da vítima, en abril de
1939, solicita a revisión da causa alegando que a falta de garantías
procesais, determinada pola anormalidade da guerra, propiciara que
os inculpados tivesen “sobra de medios para preparar la
confabulación”. As súas pretensións foron estériles diante da dificultade de atopar
testemuñas e probas máis contundentes, xa que ás testemuñas
que serían definitivas non se conseguiu que viñesen a declarar.
Como se ve, as incertezas continúan
pero a documentación perfila moito máis o personaxe e, sobre todo,
amosa de maneira moi real a realidade da época e do lugar. Con todo,
non da para borrar ese “Seique” omnipresente no libro, pero seguro
que aporta vimbios para unha nova narración que, estou seguro,
Susana non deixará de escribir.
No hay comentarios:
Publicar un comentario