domingo, 7 de febrero de 2016

Carta a Moscú dende Cerdedo.


A raíz do movemento revolucionario de outubro de 1934 tivo lugar unha ampla actuación represora contra os elementos máis destacados da esquerda en todo o país; gran parte dos encartados serán, posteriormente, os máis perseguidos logo do golpe do 36.
En Cerdedo, o 11 de outubro daquel ano, comezan as actuacións contra o alcalde, Antonio Sueiro, por non publicar o bando declaratorio do estado de guerra e por suposto instigador da corta de árbores e desprazamento de petrís para cortar a carreteira de Ourense en Pedre. Outros veciños como Carlos González Estévez, Sabino Bugallo Valiñas, José Torres Paz e Francisco Varela Garrido, foron encausados por instigadores dun “movimiento subversivo que se tramaba en las parroquias rurales por paisanos en número considerable provistos de armas de caza y cortas.”
O tenente da Guardia Civil Ángel Ramos, desprazouse con oito gardas dende Pontevedra e, logo de obrigar a veciños para que despexasen o paso en Pedre, efectuou unha serie de rexistros e incautacións de escopetas (a pesares de que os donos contaban con licenza) e documentación “revolucionaria”, nas casas de Francisco Varela Garrido e Sabino Bugallo.
O documento que dá título a esta entrada é unha carta, encabezada polo saúdo de “Queridos camaradas”, que dirixe Varela a Radio Central de Moscú; está escrita nunha preciosa caligrafía e fai unha serie de comentarios sobre a programación moscovita, que escoitan en Cerdedo con moitas dificultades e interferencias, nun aparato de radio de marca Nora, de seis válvulas.
Venimos unos cuantos amigos de ese país, oyendo con verdaderos deseos las conferencias y noticias que desde ahí trasmitís. [...] La lectura del artículo periodístico sobre las “causas” de la última gran guerra imperialista fué lo que más mal hemos podido oir. La conferencia sobre Crimea la hemos podido oir mejor. [...] ¿Me perdonareis esta sugerencia? Una pregunta si no es indiscreta.- ¿El niño Casanellas que tendremos el placer de oir pasado mañana, es hijo de Ramón Casanellas1? Sin otro particular y en el deseo de volver a oíros queda vuestro amigo.
Gran interese ofrecen os listados de libros ocupados a Varela e a Bugallo; destacan polo número os da autoría de A. Martínez Carrasco con títulos como: “El pancismo”, “El fascismo”, “El socialismo”, “Dios, mala entraña”, “Jesucristo sangriento pelele”, “Cristo visto por un ateo”, Los fabricantes de milagros”, El comunismo libertario” e doutros autores: “Reforma y revolución social”, “La huelga revolucionaria”, “Acción sindical”, Manifiesto del partido comunista” e varias revistas, folletos e follas de propaganda. Dalgúns son recollidos varios exemplares o que demostra a intención propagandística para repartir entre simpatizantes. No caso de “Al pueblo engañado (hojas extremistas)” asinadas por Ken Keirades incautáronse cen exemplares.
Para ser postos en liberdade provisional, en xaneiro de 1935, cada un dos procesados debeu prestar unha fianza persoal de mil pesetas. No caso de Francisco Varela o fiador foi o reloxeiro e político pontevedrés Arturo Rey Juncal, que ofrece o seu comercio como garantía.
O 8 de marzo, o auditor examina a causa 174/34 e considera que os procesamentos fundáronse nunha actuación pouco clara dos encartados, o que facía supoñer neles unha actividade encamiñada a apoiar o movemento revolucionario pero que
aún no aclarándose su actuación, plenamente, tampoco se han robustecido, a pesar de las múltiples actuaciones practicadas, los cargos que dieron lugar al procesamiento de todos ellos.
Dítase sobresemento provisional da causa, agás contra o alcalde sobre quen segue en pé por un delito de falsidades en documento público.
O 21 de agosto de 1935, Francisco Varela e Sabino Bugallo presentan un escrito polo que solicitan a devolución das escopetas de marca “Jabalí” e “Gogor”, as municións e os libros e documentación, pois tiñan as licenzas preceptivas, os libros estaban autorizados pola Dirección General de Seguridad e as cartas non contiñan ningún concepto delictivo.
O que non sabemos é se a carta foi enviada e, en Moscú, tiveron novas daqueles camaradas que polas noites, entre ruídos e perdas de sinal, emocionábanse, por exemplo, coa narración dos pasatempos e distraccións dos tripulantes dos crebaxeos rusos no Ártico.

1Político e sindicalista acusado de participar no asasinato do presidente do goberno Eduardo Dato.

No hay comentarios: