viernes, 4 de marzo de 2016

Mortes en Paradela.


...al tener necesidad el Guardia 1º José Zúñiga, de hacer una necesidad corporal, aquellos a pesar de ir atados trataron de uir (sic) y sin que a pesar de las intimaciones reglamentarias que les fueron hechas de “ALTO” no se pararan, tuvo el que suscribe la necesidad de hacerles fuego, cayendo estos al suelo en el Kilómetro 5 de la carretera que conduce a la Capital, quedando estos cadáveres.
Así constaba o informe datado o 17 de xuño de 1937, asinado polo sarxento da Guardia Civil Desiderio Camacho, do posto de Vilagarcía, e que daba conta ao xulgado de Cambados do sucedido contra as seis da tarde dese día, cando conducían a Pontevedra a Paulino Carballo del Río e José Gerardo del Río Villanueva.
O xulgado de Cambados incoa o sumario correspondente e ordena ao xulgado municipal de Meis o levantamento do cadáver, que se efectúa ás once da mañá do día seguinte. Constituído o xulgado no quilómetro cinco da carreteira de Vilagarcía a Nogueira, no lugar de Vilanoviña, parroquia de Paradela, atopan tendidos na cuneta dous cadáveres ensanguentados, vestidos con roupa ordinaria e que, ao parecer, eran dous obreiros de Cea. O alcalde pedáneo afirma que era de rumor público que morreran en “acción de guerra por la fuerza pública.” Un primo das vítimas recoñece os cadáveres de Paulino, peón, solteiro, e de José, canteiro, casado e con cinco fillos.
A detención producírase como consecuencia dunha batida no monte Xiabre, con máis dun cento de efectivos entre militares, falanxistas e corpos de seguridade; parece ser que foi o grupo mandado polo capitán Bernal quen detivo a Paulino e José.
Cando os detiveran, atopáranlle a Paulino unha carta. A Guardia Civil coñece que fora unha rapaza de trece anos quen levara o escrito á casa de Paulino e que quen lla entregara fora Rosario Herbón. Rosario admite que ía dirixida a un fillo pedíndolle que se incorporara a filas, pois fora chamada a súa quinta e non se presentara.
Varias mulleres foron interrogadas e algunhas detidas por ser “supuestas encubridoras de la jente (sic) que por el monte se halla merodeando.” O 21 de xuño ingresan en prisión Rosario e outra veciña, María Abalo, como supostas encubridoras das “partidas facciosas” que estaban no monte.
O sumario instruído polas mortes foi sobresido pola Audiencia provincial, o xulgado de Cambados inhíbese diante das autoridades militares, que asumen a competencia unificándoo co de Rosario, e instrúese a causa 1021/37 contra dous gardas civís e Rosario Herbón por “muertes y supuesto delito de espionaje.” Os informes sobre Rosario, veciña de Cornazo de Abaixo, afirman que era de tendencia marxista e sospeitábase que tiña relación cos fuxidos; matáranlle un fillo, Ramiro, no monte Lobeira o 25 de xullo do 36, e aseguraban que era viúva de “un individuo apellidado Torrado, que fué muerto por la fuerza en el monte Lobeira, cuando con otros revoltosos hicieron frente a la misma.” O seu home era Ricardo Torrado Ferro e non atopamos referencia a esta morte polo que puideran referirse ao fillo.
A autoridade militar considera que non se desprenden os máis mínimos indicios de culpabilidade para os gardas, que actuaron en acto de servizo e, en canto a Rosario, “sospechosa de espionaje en favor de los rojos extremistas fugados”, nada se desprende que confirme de xeito determinante as sospeitas. Dita sobresemento definitivo no relativo aos gardas e provisional respecto a Rosario que, “dados sus pésimos antecedentes puede considerársela desafecta al Glorioso Movimiento Salvador,” foi posta a disposición do delegado de orde pública por se era acredora de sanción.
Sobre as mortes de Paulino e José, no libro Para despois do silencio de Celso Milleiro, Mario Gallego e X. Manuel Moreira (Ed. Ir Indo, Vigo 2012), cítanse fontes orais que afirman o papel dos asasinados como enlaces cos fuxidos no monte; citando fontes da familia, contan que estiveran presos uns días no cuartel da Guardia Civil de Vilagarcía e foran obxecto de malos tratos e, o día anterior ao seu asasinato, un deles estaba en coma e o outro con feridas graves. Tamén nos contan detalles sobre o seu enterro no adro de Paradela.

No hay comentarios: