sábado, 26 de marzo de 2016

"Lo que necesita España"


En decembro de 1945, a secretaria xeral do Partido Comunista de España, Dolores Ibárruri Gómez “Pasionaria”,expuxo as cuestións a resolver en España cando se lograse botar do poder a Franco e o seu réxime. A súa posición sintetizouse nun documento que a resistencia espallou polo país; non eran tempos fáciles na loita antiréxime, o partido tentaba reorganizarse e os militantes, presos nos cárceres ou traballadores forzados en minas como as de Fontao, deron os primeiros pasos. As caídas, nas mans da Brigada Político Social ou da “Brigadilla” da Guardia Civil, sucedíanse. Aínda así, a propaganda repartíase e  copias deste documento, impresas a ciclostil e tituladas “Lo que necesita España” espalláronse por Pontevedra no ano 1946, a través de militantes como Eugenio Urtaza Norat e un pequeno grupo de comunistas que non tardarían en ser detidos.
1º Profunda reforma agraria, basada en la supresión de la gran propiedad latifundista y terrateniente y el reparto de las tierras entre los campesinos pobres y los obreros agrícolas, facilitándoles el estado los créditos necesarios para su cultivo. Los propietarios que estén exentos de responsabilidad de los crímenes cometidos por el franquismo, y cuyas tierras sean incautadas, deberán recibir la indemnización que sea establecida por las leyes.
2º Supresión de todos los monopolios existentes. Nacionalización del cré [ilexible] de los grandes bancos y de las Compañías de Seguros. Nacionalización de minas y explotaciones industriales consideradas de interés nacional; de servicios de comunicaciones, ferrocarriles, marina mercante y construcciones navales. Las expropiaciones y nacionalizaciones se harán mediante indemnización correspondiente a sus antiguos propietarios, a excepción de los casos de confiscación por la responsabilidad criminal que se derive de su conducta durante el período franquista, con las modalidades que establezcan las leyes. Los casos en que resulten afectados con las expropiaciones y nacionalizaciones los intereses extranjeros, estos deberán ser debidamente salvaguardados e indemnizados.
3º Reconocimiento de la personalidad nacional de los pueblos de Cataluña, Euskadi y Galicia, dando satisfacción a sus legítimas aspiraciones nacionales en el marco de una Federación Democrática de los Pueblos Hispanos.
No punto 4º trata da realización dunha política que permita ao pobo repoñerse dos acontecementos pasados, de cara a posibilitar o disfrute dunha vida digna. Esta política concretábase nunha serie de medidas:
Indemnización a todas as vítimas do franquismo, adicando especial coidado ás viúvas e aos orfos.
Readmisión inmediata de todos os despedidos polo franquismo, con indemnización polos danos e prexuízos sufridos.
Reaxuste e regulación dos soldos dos empregados e obreiros de xeito que se elevase progresivamente a capacidade adquisitiva do pobo, con elevación de salarios mínimos para asegurar a cada traballador e familias os medios de vida indispensables para unha existencia decorosa.
Crear unha extensa rede de seguros sociais, que comprenda dende a construción de sanatorios e casas de repouso para os inválidos e enfermos, subsidios de paro e maternidade, ata proporcionar os medios de existencia a todos os cidadáns que sexan incapaces de procuralos co seu propio traballo.
Para obter os recursos necesarios para atender estas necesidades sociais, plantéxase a creación dun imposto progresivo sobre a renda e as herdanzas, así como a incautación das grandes fortunas amasadas dende o 18 de xullo polos colaboradores do que denomina “nazi-falangismo”.
Sobre o exército, propón a creación dun forte e poderoso exército nacional democrático, dotado da técnica máis moderna; un exército que non fora o defensor de intereses de grupo ou casta, senón o brazo armado da nación para garantir e defender a independencia e soberanía e salvagardar as conquistas e liberdades democráticas do pobo. Neste exército utilizaríanse os cadros actuais non complicados nos crimes do franquismo así como os procedentes do exército popular republicano, xefes guerrilleiros e guerrilleiros.
No plano relixioso, defende unha ampla liberdade de conciencia e de cultos, baseada na separación de Igrexa e Estado.
As medidas expostas anteriormente deberían estar precedidas por unha serie de actuacións que sintetizamos a continuación:
Liberdade incondicional de todos os presos republicanos e antifranquistas e anulación de todas as sentenzas da xustiza franquista e dos procesos pendentes.
Repatriación dos emigrantes forzados.
Detención e entrega aos tribunais de xustiza, para ser rapidamente xulgados e castigados polos seus crimes, dos xerarcas falanxistas, colaboradores, torturadores e delatores dos antifascistas.
Depuración de falanxistas do aparato do estado, policía, exército e administracións públicas e privadas.
Disolución das organizacións falanxistas e incautación dos seus bens para o Estado.
Detención e entrega ás autoridades competentes das Nacións Unidas dos criminais de guerra alemáns, italianos, franceses, belgas, etc que gozaron da protección do goberno franquista.
Los comunistas aún estando conformes en lo fundamental con la Constitución de 1931, consideramos que las primeras Cortes republicanas que se elijan deberán tener un carácter constituyente, y, por consiguiente, la posibilidad de ampliar o modificar la Constitución con arreglo a la situación y a las nuevas condiciones en que vamos a vivir en España.”

No hay comentarios: