domingo, 3 de abril de 2016

Manuel Sayar Orellán


Manuel Sayar Orellán, mariñeiro, membro do Sindicato de Industria Pesqueira, de trinta anos, natural de Corrubedo e residente en Marín, era pobre, todos os informes coincidían en sinalar que non se lle coñecían bens de fortuna e o da Guardia Civil de Marín remataba coa frase : “de su situación económica es pobre”. Sobre a ideoloxía política e conduta non se andan con medias tintas:
es de una conducta pésima, tanto pública como privada, su ideología es de los comunistas acérrimos, hizo público de que había llegado el momento de que había que actuar cuando se declaró el Estado de Guerra y se le supone que el citado día llevaba un arma consigo, con el fin de hacer frente a la revolución” (informe da Guardia Civil de Marín, 10-11-1936).
Enténdese que a “revolución” era o golpe dado polos militares. O alcalde marinense considérao un “comunista exaltado, levantisco e perturbador”.
Manuel Sayar foi un dos poucos presos que tentaron evadirse do lazareto de san Simón. O cinco de decembro do 36 tentou acadar a liberdade e apareceu afogado na praia de Cesantes o 17 do mesmo mes. Dous presos, Antonio Pousada Pérez e Antonio Martínez Montes, identificaron o cadáver, que foi trasladado á parroquia de Cesantes para o seu enterramento.
Estaba preso no lazareto a disposición do xulgado militar, que lle instruía a causa 593/36 como consecuencia dun atestado instruído por forzas de Falange, desprazadas de Santiago a Ribeira, no que lle atribuían participación nos rexistros e requisas, ademais de instalar unha radio no teatro de Corrubedo, propalar falsas noticias e ameazar á xente de orde. Chegara a Corrubedo fuxindo de Marín nun barco e detéñeno en Ribeira.

No hay comentarios: