Son
moitos os lugares a lembrar, a lista é interminable pois o
sufrimento estivo en moitos lugares, nas casas, nos diferentes
cuarteis das milicias vencedoras... Pero hai algúns sitios que poden
simbolizar con nome propio a dor das vítimas. A continuación, sen
ánimo exhaustivo, lembramos algúns destes lugares na comarca de
Pontevedra.
Malecón de Monte Porreiro,
lugar no que se realizaron fusilamentos tras consellos de guerra e
algún “paseo”; había unha pequena explanada fronte ao lugar
onde están as esculturas en forma de árbore e a inscrición que
lembra as vítimas. En 1944, a resistencia antifranquista xa fixo del
un lugar de homenaxe ás vítimas.
A Caeira, na carreteira de
Campañó un pouco antes dunha casa que hai na curva; alí fusilaron
a condenados a morte nos primeiros meses, aos dez do “doce denovembro”, a Bóveda...(cada vez máis xente pensa, de xeito
equivocado, que a Bóveda o fusilaron no lugar onde está o
monumento conmemorativo). O piñeiral pertencía á familia do
marqués de Riestra.
Xunqueira da Gándara. Xunto ao
muro que linda co camiño, na parte sur, apareceu o cadáver dun
paseado (Juan Magdalena, líder agrario).
Carreteira de Santiago, en Alba
(pola zona do actual bar Corinto). Varios “paseados” de Cerdedo:
José Cortizo González e José Torres Paz o 11 de agosto de 1936.
A Lomba, antes de Gargallóns,
na carreteira de Xeve a Campo Lameiro. “Paseo” de varias persoas
que foron enterradas xunto ao cemiterio de san Andrés de Xeve.
S. André de Xeve, entre a
igrexa e o cemiterio. Foxa común na que se enterrou os fusilados da
Lomba. Probablemente foron: Alberto Casal Dozo, Antonio Fariña
Duque, Eduardo García Santos, Gumersindo González González, Ángel
Rial Vidal e José Romero Castiñeira. A data das mortes, próxima a
outro “paseo” colectivo realizado en Tenorio, fixo que se
mesturaran referencias, tanto na bibliografía como nas testemuñas,
entre ambos sucesos; de aí que non teñamos certeza absoluta para
atribuír nomes de vítimas a un ou outro lugar.
Lourizán, xunto ao forno do
cal. Lugar de “paseos” entre eles o de García Busto.
San Amaro, no cemiterio, lugar
de depósito de “paseados” e de enterramento das vítimas. Alí
foron depositados corpos de “paseados” que atoparan a morte
noutros lugares, algúns, probablemente, no cuartel da Feira.
Volta do Couto ( entre Bora e
Tenorio). Lugar de “paseo” de varias persoas o 9 de novembro de
1936, que foron enterradas no cemiterio de Tenorio. Segundo o
Proxecto Nomes e Voces, os presuntos asasinados foron: Alfonso
Alonso, Juan Alonso Pérez, José Luis Bermúdez, Luis Frade Pazos,
Eliseo Garra Lalín, José Gómez Sampayo, Ramiro Granja González,
José María Montouto Rodríguez, Antonio Picallo Buela, Telmo
Rodríguez Alonso, e Luis Varela Sobrado.
Ponte da Rocha. (Tenorio)
Apareceu o corpo de Manuel Fraga Fentanes, “paseado” na noite do
10 ao 11 de agosto do 36.
Carabelos, na carreteira de
subida a Bora. Lugar de “paseo”. Alí depositaron o corpo de
Aurelio Torres.
Bora, zona da Lameliña ou Eirós, nos
límites con Mourente. Lugar de “paseo”. Nesa zona apareceu o
corpo de Genaro Puga.
Figueirido, antigo polígono de
tiro de artillería. Execución de Jacobo Zbarsky.
Praza de Barcelos, antigo
cuartel da Guardia Cívica e G. Civil, entre a praza e a rúa Benito
Corbal. Lugar de tortura e, probablemente, de “paseos” así como
local onde estaban “en capela” os condenados a morte. Na
actualidade non queda rastro dos cuarteis debido ás novas
edificacións.
Estribela.
Nun lugar indeterminado aparecen os corpos de José Búa Laredo,
Santiago Gómez Bao, Vicente Sáez Ruíz e Jesús Teixeira, o cinco
de decembro de 1936.
A Fracha, carreteira de
Pontevedra a Ponte Caldelas, lugar de “paseos” como o de AbrahamZbarsky e outros.
Deputación, Normal de mestres,
cárcere vello (Audiencia), Alameda.
Neste contorno estaba o lugar de celebración dos consellos de guerra
e goberno civil (Deputación), as prisións e na alameda morreu a
causa de disparos Ángel Torres López (20-7-36)
A Torre.
Entre Salcedo e Lourizán, asasinato de Méndez e Corbacho nos
sucesos de Salcedo.
Ponte das Cabras.
Hai referencias ao “paseo” de José Muñíz “O Peilán”.
Ata
aquí a nómina provisional e incompleta de lugares para a lembranza.
No hay comentarios:
Publicar un comentario