sábado, 20 de agosto de 2016

Federación de Mocedades Galeguistas.



A Federación de Mocedades Galeguistas (F.M.G.) era a organización xuvenil do Partido Galeguista e, en Pontevedra, ocupaba dependencias no local do partido na rúa Tetuán. A finais do 1934 contaba cunha afiliación de vinte e sete membros, na práctica totalidade estudantes de instituto e de maxisterio, con idades comprendidas entre os 17 e 20 anos e que pagaban unha cota mensual de 75 céntimos. Entre os afiliados atopamos os irmáns Buxán Rivas, Xosé L. Fontenla Méndez, Demetrio Gómez Otero, Manuel Rodríguez Ruibal ( “Malecho”), Ramón de Valenzuela, Ramón Dios Vidal e Enrique González García, entre outros. A secretaría executiva estaba composta por Prudencio Taboada Tabanera, mestre, como secretario xeral, Manuel Portas de secretario de organización e Amador Villar como secretario de propaganda.
Na capital pontevedresa tiveron moita actividade, cunha actitude moito máis radical que o partido galeguista, tanto nas actuacións na rúa como nos postulados políticos.
Proba do anterior son os sucesos que tiveron lugar o 17 de decembro de 1934: en pleno estado de guerra derivado dos sucesos de outubro e con Castelao e Bóveda no desterro, un grupo duns oito membros das Mocedades acompañados polo vogal da directiva do Partido Galeguista Francisco Gastañaduy Ozores, efectúa un reparto de propaganda “marcadamente separatista” na praza da Ferrería. Foron observados por un grupo de tres mozos dereitistas encabezado por Vicente Couceiro Amor que tentaron impedir o reparto; non o logran debido á desigualdade de forzas e denuncian os feitos ao capitán de asalto que se encontraba na praza. Tamén afirman que Gastañaduy os insultara chamándolles “desgraciados españoles fascistas y que les iba a aplastar los seis testículos.”
A folla que repartían tiña o seguinte texto:
Lembranzas da F.M.G. Hoxe: 17 de Nadal do 1934. Fai 451 anos que asesiñaron en Mondoñedo ao mártir da liberdade galega: Mariscal Pardo de Cela. ¡Viva Galiza Ceibe! 
 O custe da impresión correra a cargo de achegas persoais de galeguistas.
A policía detivo a Manuel Manso Rodríguez, Prudencio Taboada Tabanera, José de Castro Arines ( cumpría o servizo militar) e Francisco Gastañaduy, acusados de repartir as follas; rexistran o local do Partido Galeguista e incautan diversa documentación e propaganda, así como unha bandeira galega que nun dos ángulos tiña unha estrela de cinco puntas de cor verde. A cousa non remata aí pois, á noitiña, Vicente Couceiro denuncia na comisaría que fora maltratado e insultado por Xosé L. Fontenla debido á súa actuación nos feitos.
No eido cultural, destacamos a publicación do folleto “Berro en lembranza dos Herois de Carral”, texto dunha charla impartida en Pontevedra por Xosé Mª Álvarez Blázquez en maio de 1934; esta publicación era o número un da Sección de Educación Cultural e Patrióteca (sic) do grupo pontevedrés.
No terreo estritamente político, os seus plantexamentos achegábanse ao independentismo; como exemplo temos unha folla dirixida aos labradores galegos pero, contradicindo algúns dos seus parágrafos, escrita en castelán. Nela falan da riqueza de Galicia, das penalidades da emigración, dos impostos abusivos, do centralismo da monarquía e da república.
En Madrid son los amos y nosotros somos los criados. Los cuartos son nuestros, el sudor es nuestro, el trabajo lo ponemos nosotros, pero ellos lo administran para tener en Madrid y en Barcelona y en Sevilla buenos palacios, mientras nosotros no tenemos ni casa para la escuela y nuestros hijos y el maestro tienen que vivir en cuadras. Labrador, hermano labrador, piensa en esto que te decimos y no lo olvides nunca: si Galicia se separase de España, si Galicia no tuviese nada que ver ni con Madrid, ni con Barcelona, ni con Sevilla, Galicia sería la nación más rica del mundo.
Continúa cunha serie de consellos, nos que mestura castelán e galego (este nas respostas que deberían dar os agricultores):
- Cuando vengan a la aldea a echar discursos, tú contesta: que me falen da miña terra porque o demáis non me importa.
- Cuando te hablen en castellano, contesta siempre en gallego, que es tu lengua y todos tienen obligación de saberlo.
- Cuando eche los discursos un castellano, contéstale: vostede vaya arreglar a súa casa que aquí arreglámonos nós.
- Donde veas la bandera de España di: que poñan tamén a bandeira galega, que é a miña.
- Y si alguno te dice que Galicia es mala tierra, que nuestra lengua es fea, que aquí no sabemos gobernarnos, que tenemos que vivir siempre con caciques, que tenemos que dar el voto a los señoritos de Madrid, colle unha estaca e pártelle a cabeza.

No hay comentarios: