domingo, 24 de julio de 2016

Un militar leal: Rogelio Bugallo Orozco.


Esquécese a miúdo – moitas veces de xeito interesado – que a postura do exército non foi unánime contra o goberno republicano, senón que moitos mandos permaneceron fieis ao seu xuramento de lealdade á República; algúns a pesar de non coincidir coa súa ideoloxía. En Galicia, os tres altos mandos da Mariña e do Exército ( contralmirante Antonio Azarola, xenerais Enrique Salcedo e Rogelio Caridad ) foron fusilados por non apoiar o golpe; en Pontevedra, o xeneral José Iglesias e o coronel Mario Sánchez, que se sumaron a última hora forzados pola oficialidade, pronto foron destituídos aínda que salvaron a vida.
Fronte ao esquecemento, rescatamos hoxe a historia dun deses militares que tiveron unha actitude de enteireza, valentía e respecto á legalidade non sumándose á rebelión militar, coas consecuencias que esta actitude lles ía supoñer.
Rogelio Antonio Bugallo Orozco pertencía a unha coñecida familia de Lérez; a súa irmá Carmen foi unha das mulleres pioneiras no acceso a estudos universitarios e residiu, dende 1932 a 1935, na madrileña Residencia de Estudiantes herdeira da Institución Libre de Enseñanza; foi profesora de Filosofía no instituto masculino de Pontevedra e casou co benquerido e inesquecible catedrático de Ciencias Naturais Mariano García Martínez (“Don Mariano”). Outro irmán, Emilio, estudou arquitectura e ocupou o cargo de arquitecto municipal de Vigo, cidade na que deseñou o auditorio de Castrelos ou, cousas da vida, o conxunto da cruz do Castro, símbolo franquista que aínda pervive naquela cidade.
Rogelio Bugallo foi un alumno brillante, a principios de século sempre aparecía nos listados da academia Balmes encabezando os cadros de honra con matrículas de honor e sobresalientes. Optou pola carreira militar e ingresou no corpo de Enxeñeiros; en 1936 estaba destinado como capitán no rexemento de Transmisións do Pardo.
O 18 de xullo chegou a Lérez de permiso antes de desfrutar dunhas vacacións no balneario de Guitiriz. Ante as noticias do levantamento militar, tenta comunicarse cos seus superiores a través do goberno civil, pero non o consigue. Triunfante o golpe en Pontevedra, non se presenta ás novas autoridades militares: máis tarde aduciría que non o fixera porque se enterara pola prensa, que o goberno desautorizara a proclamación do estado de guerra e, ademais, en Lérez, parroquia na que residía, a orde pública estaba en completa normalidade.
Recibida a orde, dada pola autoridade militar, de presentarse, négase a facelo e contesta co seguinte escrito:
En contestación a su atento escrito fecha 27 de julio pongo en su conocimiento que no perteneciendo a tropas insurectas (sic) no me presentaré en esa Comandancia mas que en calidad de arrestado o para restablecer el orden público. Lérez 27 de julio de 1936. El capitán. Rogelio Bugallo.
O comandante militar ordena a súa detención e instrúeselle causa militar na que actúa como fiscal o capitán de Artillería Guillermo Jack Caruncho, que considera a existencia dos delitos de inxurias ao exército e institucións armadas e desobediencia. No interrogatorio a que foi sometido, Rogelio Bugallo non se priva en especificar o que considera como tropas insurrectas: “todas aquellas que estén en contra del Gobierno formado legalmente con el apoyo de las Cámaras y por las Leyes vigentes en el País.”
Non sabemos se porque a mentalidade dos golpistas non concibía esta actitude de acatamento á legalidade por parte dun militar, ou se foi debido a un intento familiar para libralo dunha condena, ordénase a dous capitáns médicos que recoñeceran ao detido xa que, dende que estaba preso, padecía insomnio, excitación nerviosa que alternaba con estados depresivos e outras alteracións de carácter psíquico. Os médicos aprecian normalidade física e, no aspecto psicolóxico, fan ver a dificultade que sempre existe para afirmar o estado normal ou patolóxico da mentalidade, pero si poden afirmar que Rogelio Bugallo “razona con lógica, tiene concepto exacto de la honorabilidad y de la justicia, conserva en su totalidad la memoria actual y retrógrada y a todas cuantas preguntas se le hacen contesta tal y como podría hacerlo la persona más sentada y normal.”
Non negan a posibilidade da existencia dun “fondo neurósico” exacerbado pola reclusión, polo que consideran conveniente que se lle permita saír ao aire unha hora polas mañás e outra pola tarde; rematan o informe reafirmándose na constatación dun “fisiologismo completo” na exploración do seu sistema nervioso e mental.
O consello de guerra de oficiais xerais celebrouse en Pontevedra o 30 de outubro de 1936 e foi condenado a un ano de prisión por inxurias e a tres anos e un día de prisión militar por desobediencia; engádense as accesorias de separación do servizo e suspensión de todo cargo e dereito de sufraxio durante o tempo da condena.
O 13 de xuño de 1969 faleceu en Lérez (Pontevedra) destacando os xornais “lo mucho que se le quería por su caballerosidad, afable trato y carácter servicial.” (El Pueblo Gallego, 14-6-69)
No BOE do 12 de maio de 1949 declárase a caducidade dun rexistro mineiro de volframio en Camariñas, por renuncia do seu titular Rogelio Bugallo Orozco. Coincidencia ou non, este rexistro levaba o nome de “Lealtad”.
Documentos reproducidos: El Pueblo Gallego, Archivo Intermedio Militar del Noroeste.

No hay comentarios: