Esteban Picón Conde
era zapateiro e tiña o alcume de “O Chosco”, natural de Santiago,
vivía na Illa de Arousa. Persoa significada da esquerda, tras o golpe militar
fuxiu a Coruña, pois as actuacións da Guardia Cívica naquela
localidade non facían presaxiar nada bo. Entre os “cívicos”
destacaban antigos militantes socialistas que buscaban tapar o seu
pasado e ao seu xefe un numeroso grupo de máis de cincuenta
veciños, entre eles significados dereitistas e fabricantes de
conservas, considérano un perturbado e denuncian que “innumerables
son los desmanes y atropellos que este grotesco dictador comete en
personas y haciendas”.
Os “cívicos”
deteñen a Encarnación, moza de Esteban, para premela e obrigala a
dicir o seu paradeiro, pois decatáranse de que fora visitalo a
Coruña aínda que ela mantiña que non chegara a velo. Unha noite
leváronlle unha gabardina do mozo dicíndolle que xa o detiveran e,
na planta baixa do cuartel, comezaron a dar golpes e gritos
semellando que estaban a mallar nel. Ao día seguinte, o xefe
“cívico” deixouna marchar ordenándolle que primeiro fose á
misa; o de obrigar a ir á misa era unha das manías que tiña dito
xefe.
Un grupo de seis
“cívicos” e falanxistas contrataron un coche en Vilagarcía e
dirixíronse a Coruña, no cuartel da Guardia Civil recolleron a
Esteban e emprenderon o regreso; como choraba e queixábase de que as
esposas lle apertaban, dicíanlle que perderan as chaves e
cantábanlle o enterro obrigando ao detido a participar nos cánticos.
Pararon en Santiago e, a petición do chofer, déronlle un bocadillo
e unha gaseosa. Á unha da madrugada chegaron a Vilanova e
embarcaron cara a Illa. Xa na Illa, levan a Esteban atado e
ensanguentado polas casas de dúas persoas das que fora mozo; unha
delas, Encarnación, conta que o 23 de setembro entraron no seu
domicilio levando a Esteban coa roupa esnaquizada e a cara
ensanguentada, algúns “cívicos” cantaban e o xefe preguntoulle
á moza que quería que fixeran con el. Ela abrazouno e dixo que non
lle fixeran nada. Picón, chorando, pediulles que non o maltrataran
máis e que o puxeran en prisión toda a vida; o xefe contestoulle
que o porían nunha prisión pero baixo terra. Paseárono esposado
polo pobo nunha macabra procesión na que o obrigaban a cantar as
coplas que, segundo parece, cantara Esteban nun dos carnavais e que
aludían ao xefe dos “cívicos”; os gritos foron escoitados en
toda a illa. Diante dun cruceiro mandárono rezar e atravesárono
cunha baioneta, levárono á praia do Aguiúncho e, contra as catro
da mañá, rematárono a tiros; a continuación afondárono no mar, a
tres quilómetros da costa, atado a un poste de pedra.
Por estes feitos e
outros de semellante gravidade foron procesados o xefe e varios
compoñentes da Guardia Cívica; este procesamento tivo lugar o 28
de xuño de 1937, tras unha serie de denuncias feitas á autoridade
militar.
O fiscal militar
resume o sucedido nestes “escandalosos hechos”:
después de llevarle esposado, hambriento y haciéndole objeto de malos tratos por el camino hasta el extremo de obligarle a cantar su propio entierro, lo condujeron con el rostro ensangrentado, exhibiéndolo así en la casa de dos muchachas que habían sido sus novias, mofándose de él y respondiendo a sus súplicas de piedad, obligándole de nuevo a cantar coplas alusivas a él, conduciéndolo por último a la playa llamada del Aguiuncho, en donde BENITO FIGUEIRAS [en maiúsculas no orixinal]le dió muerte, y entre todos, después de atarle una piedra al cuello, arrojaron su cadáver al mar.
No consello de
guerra os acusados non negan o asasinato de Picón e o defensor
xustifica o sucedido aducindo que, nos primeiros momentos tras o
“Glorioso Alzamento” todas as enerxías estaban adicadas ao
mantemento da orde, o que non permitía fixarse en formalismos
legalistas que conduciran a unha perda de tempo e ao favorecemento
dos intereses inimigos: “había que cortar el mal en donde se
hallaba, sin contemplaciones, sin formalidades.”
A pesar de que
recoñecen o asasinato de Esteban Picón, o tribunal que xulgou as
actividades deste grupo, na súa sentencia estima “ocioso e
innecesario” facer relación detallada dos feitos e considera que
foron medidas tomadas ante a ameaza da “destrucción y barbarie de
los defensores de la antipatria” aínda que non foron utilizadas
con ponderación pero
hubieron de producirse necesariamente acciones reprochables desprovistas no obstante, en un sereno análisis, de indiscutible peligrosidad criminal y esencia antijurídica.
polo que foron absoltos.
Nota: As citas textuais aparecen en documentación do proceso. AIMN.
No hay comentarios:
Publicar un comentario