Adicado a Xosé Luiz Oubiña.
Eran as dez da mañá
do 13 de abril de 1938 cando o xuíz de Vilagarcía recibe a nova
de que, nas inmediacións do monte Lobeira, aparecera o cadáver dun
home descoñecido; acompañado do secretario xudicial e unha parella
de “cívicos” diríxese ao lugar para proceder ao levantamento do
cadáver e trasladalo ao cemiterio de Cornazo para proceder á
autopsia. O cadáver corresponde a un home de aproximadamente trinta
anos, está descalzo pero as zapatillas están ao seu lado e viste
un traxe de cor castaña a raias e camiseta branca, o cinto abróchase
cunha fibela metálica; entre as súas roupas atopan a cantidade de
tres pesetas. Os médicos Fernando Virgós e José Viqueira efectúan
a autopsia na tardiña do mesmo día, certifican que morrera a
consecuencia da fractura da bóveda do cranio e a perda de masa
encefálica producida por unha bala con orificio de entrada no lado
dereito da rexión temporal.
O 12 de abril,
Salomón Pérez Cienfuegos, sarxento da Guardia Civil, recibe orde
verbal dos seus superiores e, de madrugada, xunto cun cabo e catorce
gardas, diríxese cara O Grove para practicar rexistros
domiciliarios; teñen confidencias de que varios fuxidos baixan ás
casas dos seus familiares para pasar a noite. Contra as nove da mañá,
nunha destas casas, en Meloxo, atopan agochado a Perfecto Allo Sabor,
mariñeiro, de 31 anos, afiliado a “La Fraternidad”, sindicato
asociado á CNT. Non era descoñecido para a Guardia Civil que o
consideraba un dos xefes das patrullas armadas que percorreran a vila
en xullo do 36, organizador de folgas, dinamiteiro e, polo tanto, un
elemento perigosísimo.
Na familia Allo xa
tiñan a outro irmán, Juan, preso na forte de San Cristóbal e que
sería fusilado tras a fuga de maio de 1938.
Levan preso a
Perfecto e, coa intención de que lles sinalase os lugares nos que se
escondían outros fuxidos, diríxense cara os montes Lobeira e Cabalo
en Vilagarcía. As fontes oficiais din que sería a unha do mediodía
cando aproveitou que se pasaba por unha zona de piñeirais e botou a
correr tratando de fuxir; danlle as voces de alto e disparan sobre el
co resultado de morte; é a repetida versión do “paseo”
encuberto pola aplicación da lei de fugas. Pasarían moitas horas
ata que, sobre as once da noite, un coche con persoas vestidas de
paisano se acercaran a unha casa próxima e ordenaran que deran aviso
ao pedáneo e coidaran o cadáver toda a noite ata que chegara o xuíz
na mañá seguinte. Antes de marchar, os homes do coche ameázanos
dicíndolles que se desaparecía o cadáver eles serían os
responsables. O cadáver foi velado por Mauro Caíño e un fillo ata
que, de madrugada, foron relevados polo pedáneo de Cornazo Agustín
Fernández.
Montse Fajardo, no
seu magnífico libro “Un cesto de mazás” (Dist. Consorcio
Editorial. Vilagarcía, 2015) achéganos á vida e morte de Perfecto
e a súa familia a través das testemuñas orais; aparecen no relato
todas as circunstancias que os papeis non recollen: as torturas, as
penalidades familiares... pero, no substancial, o relato coincide.
As autoridades
militares fanse cargo do caso e abren dilixencias que teñen o
previsible e consabido resultado: non existían responsabilidades “ya
que la Fuerza Pública obró en el cumplimiento de su deber” polo
que se considera procedente a terminación e arquivo de dilixencias.
Sobre a represión
efectuada contra as xentes do mar en Galicia, é imprescindible a
obra de Dionisio Pereira “ Loita de clases e represión franquista
no mar (1864-1939)” (Ed. Xerais, Vigo, 2010).
Fotografía: Proxecto Nomes e Voces.
No hay comentarios:
Publicar un comentario