Mostrando entradas con la etiqueta Perfecto Allo Sabor. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Perfecto Allo Sabor. Mostrar todas las entradas

lunes, 26 de diciembre de 2016

Perfecto Allo Sabor.


Adicado a Xosé Luiz Oubiña.
Eran as dez da mañá do 13 de abril de 1938 cando o xuíz de Vilagarcía recibe a nova de que, nas inmediacións do monte Lobeira, aparecera o cadáver dun home descoñecido; acompañado do secretario xudicial e unha parella de “cívicos” diríxese ao lugar para proceder ao levantamento do cadáver e trasladalo ao cemiterio de Cornazo para proceder á autopsia. O cadáver corresponde a un home de aproximadamente trinta anos, está descalzo pero as zapatillas están ao seu lado e viste un traxe de cor castaña a raias e camiseta branca, o cinto abróchase cunha fibela metálica; entre as súas roupas atopan a cantidade de tres pesetas. Os médicos Fernando Virgós e José Viqueira efectúan a autopsia na tardiña do mesmo día, certifican que morrera a consecuencia da fractura da bóveda do cranio e a perda de masa encefálica producida por unha bala con orificio de entrada no lado dereito da rexión temporal.
O 12 de abril, Salomón Pérez Cienfuegos, sarxento da Guardia Civil, recibe orde verbal dos seus superiores e, de madrugada, xunto cun cabo e catorce gardas, diríxese cara O Grove para practicar rexistros domiciliarios; teñen confidencias de que varios fuxidos baixan ás casas dos seus familiares para pasar a noite. Contra as nove da mañá, nunha destas casas, en Meloxo, atopan agochado a Perfecto Allo Sabor, mariñeiro, de 31 anos, afiliado a “La Fraternidad”, sindicato asociado á CNT. Non era descoñecido para a Guardia Civil que o consideraba un dos xefes das patrullas armadas que percorreran a vila en xullo do 36, organizador de folgas, dinamiteiro e, polo tanto, un elemento perigosísimo.
Na familia Allo xa tiñan a outro irmán, Juan, preso na forte de San Cristóbal e que sería fusilado tras a fuga de maio de 1938.
Levan preso a Perfecto e, coa intención de que lles sinalase os lugares nos que se escondían outros fuxidos, diríxense cara os montes Lobeira e Cabalo en Vilagarcía. As fontes oficiais din que sería a unha do mediodía cando aproveitou que se pasaba por unha zona de piñeirais e botou a correr tratando de fuxir; danlle as voces de alto e disparan sobre el co resultado de morte; é a repetida versión do “paseo” encuberto pola aplicación da lei de fugas. Pasarían moitas horas ata que, sobre as once da noite, un coche con persoas vestidas de paisano se acercaran a unha casa próxima e ordenaran que deran aviso ao pedáneo e coidaran o cadáver toda a noite ata que chegara o xuíz na mañá seguinte. Antes de marchar, os homes do coche ameázanos dicíndolles que se desaparecía o cadáver eles serían os responsables. O cadáver foi velado por Mauro Caíño e un fillo ata que, de madrugada, foron relevados polo pedáneo de Cornazo Agustín Fernández.
Montse Fajardo, no seu magnífico libro “Un cesto de mazás” (Dist. Consorcio Editorial. Vilagarcía, 2015) achéganos á vida e morte de Perfecto e a súa familia a través das testemuñas orais; aparecen no relato todas as circunstancias que os papeis non recollen: as torturas, as penalidades familiares... pero, no substancial, o relato coincide.
As autoridades militares fanse cargo do caso e abren dilixencias que teñen o previsible e consabido resultado: non existían responsabilidades “ya que la Fuerza Pública obró en el cumplimiento de su deber” polo que se considera procedente a terminación e arquivo de dilixencias.
Sobre a represión efectuada contra as xentes do mar en Galicia, é imprescindible a obra de Dionisio Pereira “ Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939)” (Ed. Xerais, Vigo, 2010).
Fotografía: Proxecto Nomes e Voces.