Fai uns meses saíu
á rúa un libro que, a primeira vista, pode parecer alonxado do
espazo xeográfico que trata este blogue, aínda que non
polo tema que aborda; trátase de “Amada García e os seus arredores” (Edicións Embora) froito do traballo dun historiador
querido e admirado como é Bernardo Maiz. Pero este aparente
alonxamento non é tal porque, ao meu entender, a liña mestra do
libro é a análise dunha narración mítica, recreada no
sentimental, para resituala no campo da historia, do coñecemento
científico, e, en Pontevedra, como en todos os lugares nos que a
represión estivo agochada no silencio, construíuse tamén unha
narración mítica sobre o sucedido, sobre os verdugos e tamén sobre
as vítimas, que é necesario superar. Ademais, Pontevedra tamén foi
lugar de execución de dúas mulleres no 36: Elvira Lodeiro e
Consuelo Acuña.
O interese de
“Amada García e os seus arredores” é moito máis que este
indispensable exercicio de distinción entre a literatura (a muller
que matan por bordar unha bandeira e por resistirse ás pretensións
amorosas dun falanxista) e a complexidade do relato histórico do
sucedido, da historia real de Amadita, unha militante comunista e
sindical que loita pola defensa dos dereitos cívicos, que participa
a favor da legalidade republicana cando o golpe, que, en fin, adopta
un rol público alonxado do que acostumaban xogar as mulleres da
época; porque este libro tamén ten unha compoñente didáctica,
dende a introdución, na que o autor reflexiona sobre
“historiografía, literatura, memoria (s), algunhas utilidades e
porqués”, ata o exhaustivo apéndice no que reproduce a
documentación da causa militar, fotografías, publicacións
societarias e outros escritos.
E, entre ambos, a
exemplificación práctica, o contexto histórico, social,
político... no que se producen os feitos vai marcando a vida de
Amada: a 2ª República e as súas etapas, o papel das mulleres
naquel período e o retroceso en dereitos logo do golpe militar, a
conspiración e o golpe nas terras do Ferrol, a dinámica represora,
etc.
Esta
contextualización no tempo e no espazo, permítenos abordar, dende a
historia, a figura de Amada García, fusilada no castelo de san
Felipe en xaneiro de 1938, cando tiña 28 anos e semanas despois de
nacer Gabrieliño, o seu segundo fillo.
Libro de obrigada
lectura e que recomendamos dende esta páxina.
3 comentarios:
Partilhando no grupo «CLUBE LITERÁRIO»
Henrique Salles da Fonseca
Encantou-me a descrição deste livro.
Estará à venda em Portugal?
Interesso-me pela Galiza, muito, por vários motivos e mais ainda porque no meu sangue há algumas gotinhas de sangue Galego.
Abraços e obrigada pela notícia.
Maria Mamede
Mándolle a dirección do director da editorial na rede que poderá indicarllelo miguel@edicionsembora.es Saúdos e grazas por comentar
Publicar un comentario