Adicado a Xulio Leal, que ten Asturias nun recuncho do seu corazón.
Febreiro de 1938. No
colexio dos xesuítas de Camposancos (A Guarda) está instalado un
campo de concentración, nel están prisioneiros moitos asturianos
que prenderon logo da caída da fronte naquela rexión. O comandante
militar do campo era o capitán de infantería retirado Antonio
Fontenla. A vixilancia exterior está a cargo dun destacamento do
rexemento de Infantería Mérida número 35; os efectivos son: un
alférez, seis sarxentos (catro son cabos habilitados para sarxentos
e dous sarxentos provisionais), catorce cabos e noventa e seis
soldados. O servizo de garda estaba composto por un sarxento, 2 cabos
e 20 soldados e, ademais, cun servizo de retén de reforzo que
formaban un cabo e cinco soldados. En todo o perímetro do campo
había nove postos de sentinela que se ampliaban con dous máis pola
noite.
Dentro do campo, a
vixilancia dependía dun xefe e dun subxefe da Falange de Vigo que
tiñan ao seu cargo unha forza de 17 falanxistas procedentes das
aldeas da zona. Estes falanxistas relevábanse cada oito días,
vestían de paisano e o único distintivo era o gorro falanxista. As
ordes da comandancia militar para este servizo de vixilancia interior
eran: a) Dividir os prisioneiros en grupos de 200, ao coidado de tres
falanxistas que pasarían lista de diana e de retreta. b) A forza
estaría distribuída , por parellas, entre os reclusos e deberían
estar atentos ás conversacións que mantiñan. c) Non debería saír
ningún prisioneiro sen escolta para o servizo de limpeza. A orde
tamén trataba outros puntos e lembraba que este servizo
se considera al frente de rebeldes y sediciosos, deberá prestarse como si estuvieran al frente del enemigo y con arreglo a esa gravedad se aplicará el Código de Justicia Militar (orde do 11-4-1937).
As veces nas que os
presos saían ao exterior, con motivo de levar o lixo ou para tomar un
baño na praia, ían vixiados debidamente e facíanse os
correspondentes recontos.
Polo anterior, non
parecía fácil que os intentos de fuga tiveran éxito pero foron
varios os que se levaron a cabo. O máis importante foi o efectuado o
dez de febreiro de 1938; aquel día fugáronse doce presos
asturianos. Un dos organizadores parece ser que fora Casildo
Rodríguez Álvarez e o método foi moi sinxelo: aproveitando que os
falanxistas do servizo de vixilancia interior só se distinguían
polo seu gorro, deron en confeccionar gorros falanxistas aproveitando
a tela de mahón azul dos “monos” e a vermella que quitaban das
colchonetas. Facendo gala do maior sangue frío, saíron ao exterior
pola porta principal pasando por tres postos de sentinela, sen que
os militares de garda sospeitaran o máis mínimo, pois tomáranos
polos falanxistas que saían para o pobo.
Ao non atopar un
recluso chamado para unha xestión, nun primeiro momento coidaron que
estaría nalgún lugar do interior, xa que era habitual que, ás
veces, non se localizasen debido á dispersión polo recinto; fixeron
repetidos recontos ao día seguinte e, o día 12, confirmaron que
faltaban 12 internos. Pasaron aviso aos postos da Guardia Civil e
deron parte ao gobernador militar da provincia. Logo de revisar o
recinto, non atoparon sinais de que escalaran os muros nin acharon
portas forzadas, o servizo de garda non notara nada anormal polo que
empezaron a sospeitar que saíran camuflados de falanxistas; contribuíu tamén o feito de atopar un gorro de falanxista dos que
confeccionaran.
Os fugados eran:
Antonio Valle Rodríguez, carpinteiro, domiciliado en Xixón e
afiliados á CNT; Raúl Menéndez Rodríguez, xornaleiro, domiciliado
en Salas, soldado do Batallón Gorka 230; Baldomero Villabona García,
de Somió, FUE, fora capitán do Batallón Méjico 252; Casildo
Rodríguez Álvarez, mariñeiro, de Soto del Barco; José Rodríguez
Fernández, fillo de Casildo; Benito Iglesias Fernández, industrial,
natural de Ribadeo e domiciliado en Castrillón, capitán do Batallón
Pablo Iglesias 251, socialista, considerado “individuo
peligrosísimo y de pésimos antecedentes”; Américo Gómez Carro,
fontaneiro, natural de Coruña, miliciano do Batallón Galicia 19,
CNT; Juan Antonio Fernández Pérez, labrador, domiciliado en
Castrillón, tamén considerado extremista moi perigoso; Francisco
Caiñas López, cociñeiro, natural de Navia e domiciliado en Xixón;
Nicanor Braga Ordóñez, mineiro, natural de Sama de Langreo, capitán
do Batallón de Blindados, CNT; Olegario Braga Villa, mecánico, de
San Miguel de Lara, capitán do Batallón Higinio Carrocera,
pertencía as “Juventudes Libertarias Comunistas” e Francisco
Álvarez Menéndez, ascensorista, CNT.
O destino que
tiveron foi, na maioría dos casos, tráxico; algúns foron detidos
por patrullas de falanxistas e gardas civís nos días inmediatos e
foron interrogados; todos manifestaron que se fugaran de xeito
independente, pois sabían que se recoñecían que organizaran a fuga en
grupo agravarían, aínda máis, a súa situación. Cando foi
interrogado Juan Antonio Fernández polo motivo da fuga contestou:
“por ansias de libertad”. No verán de 1938 actuou en Camposancos
o Tribunal Militar Permanente nº 1, presidido polo comandante Luis
de Vicente Sasiain, vello coñecido nas terras pontevedresas. Este
tribunal desprazouse de Xixón para xulgar os asturianos presos.
Entre os capturados foron condenados a morte Casildo Rodríguez
(fusilado nos malecóns de Monte Porreiro o 2-7-38), Benito Iglesias
e Juan Antonio Fernández; Américo Gómez e José Rodríguez
condenados a reclusión perpetua. Francisco Álvarez, Nicanor Braga,
Francisco Caiñas e Baldomero Villabona foron localizados por
falanxistas en Ponteareas e “paseados”. Dos tres restantes non
coñecemos o seu destino.
2 comentarios:
Grande traballo o seu, Mestre, para arroxar luz sobre as tebras que aínda cubren a nosa Memoria. Descubrín esta parte da nosa historia agochada nun documental que presentaron fai anos en Tui, e realmente fiquei conmovido polo sufrimento que tanta xente pasou en Camposancos, un dos campos de concentración máis terribles do sur da Galiza. Grazas por seguir mergullándose na nosa Memoria.
Penso que Anxo Padín é un home que sabe do que fala, e polo tanto pouco podo aportar...JEJEJEJE
Espero que saibas manexar o idioma.
Publicar un comentario