jueves, 11 de junio de 2020

O pequeno Bau.


 Adicado ao amigo Serafín Fontenla, "admirador entusiasta" do pequeno Bau.
O apelido Bau lembra a algunhas persoas o pistoleiro falanxista, domiciliado en Quireza, implicado na rede de extorsións e abusos de todo tipo que asolou numerosos pobos pontevedreses no ano 1936. Nesta entrada falaremos de Bau, pero non do canteiro falanxista Ramón, senón do seu fillo Manuel, a quen, por idade e por semellanzas con outro caso da actualidade próxima, nomearemos “o pequeno Bau”.
O relato que fai da súa historia militar é impresionante. En xullo do 36, con 12 anos, marcha voluntario para Luarca (Asturias) incorporándose ao 6º Batallón de Infantería de Zaragoza co que opera en Grado e Oviedo; no monte Naranco féreno nunha perna. Reincorpórase tres meses despois e volven ferilo na outra perna, vén pasar a convalecencia a Pontevedra onde reside no cuartel de Falange. Marcha para Guadalajara de onde ten que volver no verán do 37 ao ser reclamado polos pais. Volve a incorporarse e resulta ferido, esta vez nun brazo, e permanece hospitalizado en Oviedo. Afirma que o xeneral Aranda impuxéralle a estrela de alférez honorario e, posteriormente, na fronte de Teruel, ascéndeno a tenente honorario e volven a ferilo. O mesmo xeneral Aranda, en presenza do xeneral Martín Alonso, comunícalle o ascenso a capitán honorario.
Aproveitando un permiso visita Bilbao e coñece a distintos xefes militares, un coronel regálalle un coche, o carné de conducir e a folla de rota; como non sabía conducir leva de chofer un amigo falanxista; saen para Donosti e visitan o gobernador militar e o xefe de Falange. Está unha semana convidado en varias casas, aprende a conducir o coche e vén facerlle unha visita aos pais, sempre abastecéndose de gasolina nos parques de automóbiles do exército. Ao pasar por León, visita a redacción do xornal “La Mañana” e fanlle unha entrevista louvando o seu valor e facéndoo pasar polo capitán máis novo de España.
Xa de por si o relato sería abraiante pero o que contaban este e outros xornais, e que utilizou para dar credibilidade á súa historia, excede a capacidade de fabulación de calquera novelista. El Noticiero de Tenerife faise eco do escrito polo xornal leonés:
Es aquel niño que, a la llegada de las tropas liberadoras, el heroico defensor de Oviedo impuso la estrella de alférez, porque con su arrojo y su denuedo, había sido uno de los elementos más destacados en la defensa al realizar servicios de un riesgo verdaderamente espantoso. El alférez de entonces tenía trece años. El capitán de ahora cuenta catorce. Y con catorce años, por España derramó tres veces su sangre, como indican los tres galoncitos dorados que lleva en su manga. Tiene la Cruz de Sufrimientos por la Patria y en la guerrera lleva dos laureadas colectivas de san Fernando. [...] Un héroe, un magnífico ejemplo de la raza, un índice de la juventud española que hasta en la niñez encuentra símbolos tan admirables como este capitán don Manuel Bau Barros. Tan grande, tan admirable, tan heroico y tan niño, como si quisiera demostrar España al mundo, que en sus guerreros plasma siempre el denuedo y la generosidad.
O 20 de outubro de 1937, La Gaceta de Tenerife, baixo o titular “El alférez más joven de España es un flecha” relata como Manuel Bau entra nas oficinas de Estado Mayor do xeneral Aranda e conta as súas fazañas a un grupo de xefes e oficiais:
Era un chaval que no pasaría del metro de altura. Vestía camisa zul y sobre las cinco flechas encarnadas lucía una estrella de seis puntas. Andaba a grandes pasos, como si realmente le costase trabajo transportar las botas de tubo que llevaba perfectamente brillantes. Usaba gafas ahumadas y la primera impresión era la de un flecha vulgar disfrazado, a manera de juego, con la estrellita dorada. [...] El entró como soldado, como simple asistente del general Aranda, el héroe militar de Oviedo [...] Un buen día el general Aranda tuvo que utilizar un enlace con Gijón: Manuel Bau Barros se ofreció a ello y se probó la suerte. Tenía el muchacho que pasar la zona roja, atravesarla y luego llegar hasta aquella plaza contra la que los mineros asturianos desbordaban todo el poder de sus furias. Manuel Bau Barros pasó la primera vez y cumplió su cometido. Lo hizo como un flecha auténtico. Rígido, alegremente, con la seriedad propia de quien sabe apreciar el servicio que está prestando.
Continúa relatando como repitiu a misión varias veces ata que o detiveron e interrogaron; Bau sorteou as preguntas con “habilidosa picardía” pero encarcerárono. Tivo a sorte de que non o cachearan ao entrar no cárcere pois “entre la camisilla y la carne escondía una pistolita del 6”. Estudou ben a situación para poder fuxir.
El carcelero era uno de tantos rojos al servicio de los cabecillas criminales de aquella zona. Si lo quitaba de enmedio, hacía, al fin y al cabo, un servicio más a la Patria y conseguiría salvar su vida y verse en libertad. Así fué, cogió su pistola entre sus manitas pequeñas en cuanto oyó pasos que se acercaban. Se abrió la puerta... Nuestro pequeño héroe se acercó a a él y cuando ya lo tenía seguro disparó la pistola; el rojo cayó al suelo y a él le faltó tiempo para coger la puerta.
Pescudando na prensa do momento, coñecemos que, xa en novembro de 1935, os pais denunciaran a desaparición do seu fillo, de 12 anos, “bajo, grueso, moreno acentuado y viste pantalón corto” (El Pueblo Gallego,20-10-1935). Tamén sabemos que, o 12 de xuño de 1937, o tribunal tutelar de menores de Navia envíao a Pontevedra; segundo parece, marchara á fronte de Asturias cunha expedición de tropas ata que fora advertida a presencia polos xefes (tiña 13 anos), entrégano aos pais “pues aún cuando es un valiente al que se ha contagiado el entusiasmo de nuestros soldados, dista mucho de la edad que se precisa para tomar parte en la lucha emprendida”. (Diario de Pontevedra, 12-6-1937). Non é preciso ser moi aventurado para intuír algún tipo de complicidade por parte dos membros das tropas.
Ao chegar á Estrada, o 21 de xullo de 1938, detéñeno ao recibir unha comunicación da xefatura do Servicio Nacional de Seguridad, interesando a urxente busca e detención por “titularse Capitán de Caballería, vestir constantemente su uniforme, titularse ayudante del General Aranda en cuyo nombre hacía distintas visitas a entidades, corporaciones y particulares solicitando auxilios en metálico con distintos fines benéficos sociales, lo cual es todo absolutamente falso.” 
 Non aparecen datos dos hospitais nos que dixera estar internado nin tampouco os teñen na xefatura provincial de milicias como inscrito nalgunha Bandeira. Un telegrama do xefe de estado maior do xeneral Aranda fai constar que non estivera ás súas ordes, que lle era completamente descoñecido e que nunca actuara na zona baixo o seu mando.
Sobresén a causa militar aberta, dada a idade, e queda suxeito ao tribunal de menores e delegación de orde pública.

No hay comentarios: